xoves, 12 de maio de 2022

Prega que sexa longo o camiño

 

[Foguetes verdes]

A publicación pola Editora Aira da poesía completa de Kavafis, por primeira vez en galego, incorpora á nosa lingua unha das propostas literarias máis deslumbrantes da historia

 


        O 29 de abril de 1863 nacía o poeta grego Konstandinos Kavafis. O 29 de abril de 1933 falecía na cidade de Alexandría na que nacera, e hoxe, un 29 de abril de 2022, celebramos o paso da súa poesía, unha das máis singulares e emocionantes da Historia da Literatura, á nosa lingua, por primeira vez de maneira completa nunha valente e necesaria edición anotada da man de Miguel A. Areses Martín e no selo da Editora Aira.

Toda unha achega a nosa literatura que a converte, ao meu modo de ver, nunha das máis apaixoantes aventuras dos últimos tempos. Un volume como este, no que poder movérmonos na nosa propia lingua, por ese universo kavafiano no que a Historia de Grecia, a sensualidade que xorde da súa homosexualide e unha filosofía existencial que pescuda nos diferentes estados de ánimo, son as puntas dun compás que nos leva por unha das travesías máis emocionantes da escrita do ser humano sobre o que envorca Kavafis a súa poesía.

Unha obra do presente, con independencia da latitude temporal na que se mova cada un dos seus poemas, que converte o instante que estamos a vivir nun momento único e irrepetible, e no que non nos podemos permitir o luxo de negalo, de torcerlle a cara ao goce que o destino pon ante nós, sendo Ítacas ás que chegar na procura do noso propio coñecemento.

A viaxe e o corpo, moitas veces tamén entendido como unha viaxe, libran a súa condición na permanente experiencia, na conquista de novas sensacións que nos farán medrar, de aí que o máximo que podemos pedirlle aos deuses ou mesmo aos mitos da nosa historia, moitas veces tamén entendidos como divindades, é que esa viaxe se prolongue o máximo posible. «Cando saias camiño a Ítaca,/prega que sexa longo o camiño,/cheo de aventuras, cheo de coñecementos». O seu poema ‘Ítaca’, como o pode ser ‘Recorda, corpo...’, por citar dous dos máis coñecidos da súa produción, son deses textos que se che pegan á pel, e mesmo a alma, e xa non podes deixar de levalos contigo na viaxe que supón a vida. O bo deste tipo de edicións completas é que xunto a estes poemas descubrimos moitos máis que poder ter xa xunto a nós ata chegar a Ítaca e, grazas ao homérico traballo de Miguel A. Areses Martíns, poder gozalos en galego, co que iso supón, non só de afectos, senón do compromiso do noso sistema cultural para acoller textos alleos a el que non fan máis que ensanchar o noso océano literario. Unha edición que ademais aparece anotada o cal é outra substancial mellora sobre anteriores edicións xa que clarexa moito o sustrato culto tan importante nunha obra na que reis, mitos, deuses, batallas ou xeografías do mundo clásico grego explícanse en cada unha das poesías permitindo unha mellor comprensión de cada una delas. Un traballo nada sinxelo, como tampouco o pode ser o de traer ao galego todos estes poemas que Kavafis dividiu de xeito escrupuloso en tres monllos: os poemas Canónicos (os que foron publicados), os Inéditos (que non debían ser editados) e os Proscritos (que el mesmo rexeitou). Ser quen de acadar a sonoridade e as métricas de quen tanto traballou cada un dos seus poemas converte este exercicio de edición nunha das grandes conquistas da nosa literatura nos últimos tempos. Unha análise da súa obra e da súa biografía completan un dos que abofé serán un dos libros galegos que marcarán este ano e reafirma o traballo que emprendeu en 2017, dende as terras de Allariz, a Editora Aira, cun catálogo cada vez máis interesante e heteroxéneo, con libros coidados de xeito exquisito e que nos está ofrecendo traducións tan valiosas como as de ‘O nome da rosa’ ou ‘Frankenstein’.

Pero a obra de Kavafis é sempre especial. Foino dende a súa creación, dende ese vencello a un territorio e a un mar no que aínda se poden escoitar os cantos daquel Homero despois do que xa todo foi repetición ou variación. As súas palabras, o contido das súas narracións: a ‘Odisea’ e a ‘Ilíada’, son o comezo formal da nosa literatura e Kavafis sabía que enchoupar a súa pluma nese tinteiro da historia non podía facerlle máis que ben a súa obra, á que tinxiu tamén de miradas e aloumiños convertendo o noso corpo nun mar por descubrir, nun mar por navegar: «Así de sabio como agora es, con tanta experiencia/xa comprenderás que significan as Ítacas». 

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra. 29/04/2022 

Ningún comentario:

Publicar un comentario