venres, 5 de abril de 2013

Cantares sen fin


No mes do libro e no ano en que se celebra o 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ a obra de Rosalía de Castro non deixa aínda de xenerar novas imaxes e novas sensibilidades en creadores tan actuais como a Licenciada en Belas Artes, Belén Padrón.



Pouco podía imaxinar esta rapaza formada na pontevedresa Facultade de Belas Artes que o tempo a ía levar a ilustrar unha obra sobre Rosalía de Castro. E é que Belén Padrón ven a compoñer unha das últimas achegas, neste caso dende a plástica, á obra da nosa poetisa eterna. Falo de eternidade porque tamén pouco se podía imaxinar aquela muller que a súa poesía íase manter no noso tempo cunha vixencia que o que ven é a confirmar a súa valía literaria.
Así é como ambas se deron unha forte aperta a través da publicación por parte da Editorial Kalandraka (recentemente recoñecida co Premio Nacional a la mejor Labor Editorial) dunha ‘Escolma Poética’ que recolle algunhas das mellores composiciónes da poetisa, ilustradas cunha serie de obras de Belén Padrón. Falamos de trece textos e as súas correspondencias visuais, que se converten así nunha singular interpretación do que eses poemas significan para a nosa artista plástica.
«Os poemas son suxerencias e emoción pura e as ilustracións tiñan que coexistir con eles da mesma maneira», afirma Belén Padrón ao repasar o que foi aquela aventura que a levou a mergullarse na obra da poetisa, así como a buscar a súa posición conceptual fronte o encargo, algo que lle preocupa moito ante cada traballo ao tempo que é un chanzo insalvable á hora de poñerse a traballar na plasmación visual, e ahí é onde Belén Padrón saca o mellor de si mesma. E o mellor é o seu plantexamento pictórico ao facer da súa pintura un territorio lírico cheo de experiencias persoais que se van depositando como sedimentos na superficie de traballo, onde a carón dunha fonda percepción estética hai toda una morea de elementos simbólicos que serven para engrandecer a narración, e que no caso destas ilustracións afondan nas sensacións que Belén Padrón atopa nese poemario ao falar de «beleza, dor, perda, inmensidade, autorretrato, tempo, medo, feminidade e imaxinación» e que ela é quen de reinterpretar visualmente para chantalo en cada un dos seus poemas. Por que a súa forte carga lírica converte a cada unha desas imaxes nunha especie de poemario visual que convive a carón dos poemas de Rosalía de Castro.
Cando en 1863 Rosalía de Castro publicou ‘Cantares gallegos’ puxo o idioma galego a rodar saíndo da escuridade á que estaba sometido dende hai moito tempo. A consideración da lingua galega como parte dun sistema culto de expresión, como é a literatura ou a poesía, deixou a esta obra xa como un referente na literatura galega, abríndolle as portas á modernidade. Pero Rosalía tiña aínda moito que dicir e chegaron ‘Follas novas’ e ‘En las orillas del Sar’ artellando o gran tríptico literario da nosa gran dama das letras e dos que sae esta escolma poética. Convertida xa en símbolo dunha terra, achegarse á Rosalía de Castro non é nada doado de cara á intervención doutro creador, precisamente por esa sensación de atoparse ante un tótem que a pouco que un non atine pode meterse nun lío. Pero Kalandraka andivo fina ante a escolla desta ilustradora que xa antes tiña traballado en diferentes títulos pero sempre cunha característica que lle da forza ao seu traballo como é o non renunciar a súa linguaxe pictórica.
A vida laboral levouna a pasar unha longa tempada fora da casa o que a levou xusto neste intre a empatizar coa propia escritora que tanto tempo pasou en Madrid lonxe desta terra que protagoniza a súa obra. Esa distancia, o feito da creación e o punto de vista dunha muller achegaron moito ambas almas ata o punto que a admiración anterior ao longo do traballo converteuse nunha afinidade certamente impensable cando xorde o encargo. Todo eso axudou a que o poemario remate curiosamente cun poema de Belén Padrón cheo de reflexións sobre o que foi esta relación esporádica e que remata así: «Murmurando as túas palabras/achégome a ti,/dime/que pasa ó redor de min...?».
Non cabe dúbida de que crear é camiñar arredor, tanto dun mesmo como da sociedade na que un habita. Ambas mulleres así o fixeron, dende a palabra ou dende a imaxe, para falarnos de si mesmas e a súa relación co que lles rodea. Unhas miradas que baixo unhas tapas duras xa quedaron enguedelladas para sempre.

Relacións esporádicas/4.
Publicado en Diario de Pontevedra 1/04/203

Ningún comentario:

Publicar un comentario