martes, 17 de setembro de 2013

Pechar e abrir un tempo


Cando queda pouco menos dun mes para ter entre as nosas mans o libro gañador do premio Xerais de novela, ‘Cadeas’, o seu autor ven de publicar na editorial Biblos unha pequena novela, ‘1989’, na que nos leva ata un escenario costumbrista dunha vila na que a presenza dun home vai servir de escusa para achegarnos ata a vida dun grupo de personaxes. Todos eles conforman a vida dese pobo nun tempo singular no que xa se falaba de crise.
Vilar é un lugar imaxinario, ou así o explica o autor ao remate do libro, pero está claro que na nosa Galicia hai moitos ‘Vilares’. Pobos feitos polas persoas, construidos dende a relación dos seus habitantes, polos segredos que uns coñecen, pola súa xeografía e tamén polas actividades comerciais e industriais que nelas se desenrolan. Xabier López vai a engedellar unha escolma de historias persoais a través das voces de cinco deses habitantes, e dende as súas palabras coñeceremos o latexo da vida nesa vila.
E todos eles falan arredor dun feito que ven a rachar a apacible vida local, a chegada dun home de ollos pequeniños e vestido cun traxe blanco. O homiño en cuestión chega do Xapón, e pasará unha tempada rodeado de todos estes seres que especulan sobre a súa presencia no pobo.
Xabier López acada unha novela moi entretida que é capaz de colocar ao lector entre os seus personaxes para formar parte dese hábitat. Unha sorte de costumbrismo cheo de humor e tamén de críticas a esa situación singular que se deu nos anos oitenta. O peche de empresas, a reconversión industrial, unha crise anterior ao despegue económico dos noventa e que vai rematar na nosa crise actual. Dende esa perspectiva temos algo de premonitorio, plantexado ese augur dende a incapacidade do home para aprender do xa sufrido e no que por desgraza caemos outra vez.
Esa presenza oriental vai permitir ao autor artellar ese coro de voces que tanto lle gusta como estilo para configurar un relato, o que permite amosar diferentes puntos de vista sobre unha mesma realidade, un xogo literario que enriquece as creacións deste home que fai da literatura unha experimentación continua. Ao extremo tal que aquí ata se chega a facer literatura cos partes da Policía Local. Todo o que acontece ao noso arredor pode formar parte do noso relato existencial, pequenas historias que de xeito conxunto van dando senso as nosas vidas.
Vilar vive pegada á realidade, tanto a económica como a social, e entre ambas ábrense os buraquiños da vida, polos que respiran as vilas: os seus bares, os rincóns, os locais de alterne, o seu alcalde... e todo iso perante a presenza dun xaponés co que ten de diferenciador aquela cultura da nosa, un engadido á feliz receita que aquí se cociña. Dous mundos concentrados nun lugar imaxinario pero que está moi pegado á realidade desa zona onde se ambienta o libro. Onde unha colmea de seres individualizados compoñen o conxunto do cal, ao pouco tempo de iniciar a súa lectura, formamos parte. É o maxín do autor, a capacidade para crear un mundo no cal podémonos sentir como un elemento máis del.
O libro ‘1989’ é unha pequena mostra do que é quen de facer este autor do que moito se falará nos vindeiros meses. A consecución do Premio Xerais de novela, e a saída do prelo no vindeiro mes da novela gañadora, ‘Cadeas’, amosará a complexidade dunha obra que ven a confirmar a presencia dun escritor nacido en Bergondo e que vive en Betanzos. Espazos dos que bebe esta novela co título dun ano que pechaba un tempo e abría outro, igual que acontece nestes días coa vida de Xabier López López.


Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 15/09/2013 e El Progreso 14/09/2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario