Fálase moito do impacto da campaña do Concello de Pontevedra adicada á concienciar contra a violencia de xénero. Fálase e fálase, opínase, sae nun medio, sae noutro, fala Mariló e fala todo o mundo. Xaora, a primeira obriga dunha campaña de publicidade, que é dar a coñecer algo, un produto ou un concepto, entre o maior número de cidadáns, está máis que acadada. A primeira derivada e cómo se acada esa repercusión é o certo e que na publicidade, prácticamente todo vale para chamar a atención dos potenciais clientes, sendo neste caso ese todo vale unha ferramenta imprescinbible para achegar unha mensaxe que mire en fite ás nosas miradas, tantas veces alleas e distraídas ao que nos rodea.
É máis que posible que de facer unha campaña máis light, menos implicada, pasase desapercibida, veríamola polas rúas como unha publicidade máis dentro dun mundo esgotador nese ámbito, que te asalta a cada segundo dende a prensa, a radio, a televisión, as rúas... ben sabemos que neste mundo noso todo é publicidade e todo se converte nunha feira, moitas veces das vanidades. Unha chea de mensaxes que esgotan a nosa mente e que nos obriga a desbotar ou seleccionar moitas desas mensaxes. De aí o éxito do feito por Ovo Publicidade, unha empresa de Pontevedra que pensa dende Pontevedra, o cal tamén é algo de agradecerlle a esta campaña, o de ser quen de poñer en valor o bo facer ao que nos teñen acostumados dende esa factoría de ideas. Ese éxito é que nos paremos ante eses mupis e que eses insultos nos convertan en seres pensantes, aínda que só sexa durante uns minutos, obrigándonos a reflexionar e a que nos demos conta desa miseria moral que é a violencia de xénero. Por desgraza, esta sociedade, a mesma da caca, culo, pedo, pis, aínda se ruboriza coas palabras, que non deixan de ser iso, letras unhas a carón doutras. Ler puta, burra ou porca fai que moitos boten as mans a cabeza sen pararse a pensar no que hai baixo esas letras, e non me refiro á imaxe dunha muller, senón ás historias que aínda se agochan tras as portas de demasiadas vivendas, historias que só cando saen á superficie amosan o fracaso da especie humana e a condea eterna da parella e dos seus vencellos familiares ou do seu círculo de amizades, vítimas colaterais e inocentes dunha rutina enfermiza que posiblemente na súa visibilidade como problema teña gran parte da súa solución ou polo menos da súa minoración.
A publicidade acada que poñamos o ollo nesas grandes letras, pero o realmente importante, como tantas veces na vida, é a letra pequena, esas dúas ringleiras nas que lemos: «En 2013 morreron 54 mulleres vítimas de violencia machista. En 2014 xa van máis de 40 e seguimos contando», iso é o que nos tiña que causar espanto, unha absurda e noxenta espiral de terror que nos avergoña aos que somos homes cada vez que escoitamos ou lemos nos medios de comunicación que esa cifra medra nos seus díxitos de loito.
Eses mupis e a súa repercusión balizan o sentimento de repulsa da meirande parte da sociedade nun aviso que non podemos desprezar, e que ten que estar presente dende ben cedo en todos nós. Gústame ver como os rapaces que saen dos nosos centros de ensino pasan a carón deles e abofé que, tras o sorriso inicial por ver esas inxurias ‘esculpidas’, tamén terán o seu instante de reflexión. Está claro que nas súas mans, e as súas respostas ante este peste, ten que estar o futuro da súa solución, ou esa é a nosa esperanza. Mentres tanto, os maiores, tan sesudos e importantes coma nos cremos, pasamos o rato discutindo as bondades ou non dunha campaña publicitaria que non fai máis que saír dese debate de escumas baleiras con máis afouteza que a que xa lle outorgaron os seus creadores cando a pariron.
Parto feliz, e un máis dende a Pontevedra que muda moitas conciencias e experiencias a través da imaxe, a publicidade ou o deseño. Unha sinal de modernidade na que se traballa dende os últimos anos nesta vila e que xa deixa pegadas importantes en exposicións, publicacións, webs ou calquera tipo de soporte que pretenda achegar unha información ao cidadán.
Dende esa óptica achegámonos ao 25-N, Día Internacional da Non Violencia contra a Muller que, desta volta, resoa en toda España dende este curruncho xeográfico que cada vez máis reclama a atención do que aquí se fai pola nosa xente. Talento posto ao servizo da comunidade, unha boa forma de facer cidade, de que nos coñezan, pero tamén de que nos coñezamos a nós mesmos, con letras grandes, pero tamén pequenas, as realmente importantes.
Publicado no Diario de Pontevedra 22/11/2014
Fotografía: Gonzalo García
Ningún comentario:
Publicar un comentario