mércores, 19 de novembro de 2014

O pozo da memoria


Nunha das súas acepcións no diccionario Anamnese defínese como: «Teoría da filosofía platónica segundo a cal o recordo leva ao coñecemento». A partir da explicación desta palabra de orixe grega podemos achegarnos a este breve pero intenso poemario de Eli Ríos recoñecido co II Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey que se entrega no concello natal do escritor, en Fornelos de Montes.
Unha intensidade que xurde da afouteza desta moza inxerida xa nesa poesía feita por mulleres na nosa terra que emerxe cunha enerxía e calidade que nos enche de esperanzas e luces para indagar no noso coñecemento. Coñecer a partir do eu, da experiencia que baliza un percorrido vital no que Eli Ríos procura recuperar fragmentos que compoñan a paisaxe actual. A memoria, o tempo, a palabra e o compromiso afiánzanse como as cordas dun ring de boxeo no que plantexar esa procura.
A memoria coma alicerce da liberdade individual. A loita permanente polo eu nesta sociedade que cada vez é menos favorable do eu singular e si do eu común, unha procura pola uniformidade de pensamento e a aniquilación da singularidade.
O tempo,  empregado como ferramenta para tomar conciencia do hoxe . Un hoxe que non se entendería sen un onte ao que volta Eli Ríos coma se estivese ante un pozo de augas, unhas máis frescas, outras máis podres, pero todo, cada un deses caldeiros, artellan parte dun proceso de formación que agroma neste poemario.
A palabra, a materialización do pensamento, en frases máis ou menos longas... menos aínda, dúas palabras, unha soa... Cada unha delas ten a forza axeitada para amosar a súa contundencia. Un exercicio de precisión que abraia por atopar a palabra precisa en cada momento, en cada liña.
O compromiso como fío irrenunciable co ser humano. Cada un dos capítulos que artellan o libro son  unha sorte de círculos que van rodeando a ese ser humano que é quen está no centro de todo. Dende as súas paixóns, medos, desilusións, soños, ledicias, fracasos... en definitiva, todo aquilo que se pega na nosa pel e que, ao fin e ao cabo, é o que nos configura como seres humanos.
É toda unha ledicia atoparse poemarios coma este, que ademáis recoñécense nun certame que, por certo, xa ten aberta a inscrición na súa terceira edición. Unha ledicia que xurde da palabra e da emoción, da capacidade de mirar cara ese espazo tan complexo como é sempre un pasado no que moitas veces aínda quedan non poucas feridas por cicatrizar. Neso estamos agora, lendo e gozando da escrita e da afouteza necesaria para facer do tempo un lugar para o compromiso na valoración, reivindicación e defensa dun ser humano que non deixa de trafegar caldeiros.





Publicado no Diario de Pontevedra 16/11/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario