jueves, 14 de julio de 2016

Sempre Jules Verne


‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’, Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil, é unha feliz inmersión no maxín do autor francés mesturado coa capacidade de Ledicia Costas para xestionar relatos.



UN LEGADO TAN inmenso como o de Jules Verne non pode facer outra cousa máis que medrar e medrar. A súa capacidade para inzar no talento doutros creadores e inspirar novas proxeccións literarias a partir do maxín do escritor francés non debería abraiarnos, pero en cambio si que o fai, grazas ao resultado das novas achegas suxeridas por el e propostas por novos escritores.
A última en caer no universo de Jules Verne é Ledicia Costas. Tampouco nada estraño, xa que se alguén na nosa literatura é quen de artellar novos mundos, e ata inframundos, esa é Ledicia Costas que, cómo non se ía ver seducida pola imaxinación de Jules Verne e a súa capacidade para trasladarnos a novos territorios e a enxerirnos neles? Ela, que nos ten transportado a reinos marabillosos nos que a imaxinación convértese nun vendaval que nos arrastra cada vez dun xeito máis firme pola súa capacidade para a escrita. Ese vendaval vólvese a repetir neste ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’, que recibiu o prestixioso premio Lazarillo de Literatura Xuvenil, e que agora edítase por Xerais. Unha historia que xoga cos relatos do creador de ‘20.000 leguas de viaxe submariño’, tomando elementos deles, e intengrándoos neste relato que nos leva a Vigo, para xerar unha historia que se aproveita da visita que Jules Verne realizou a esta cidade e á súa ría en 1884 na procura dalgunha explicación a aquela inesperada, por aquel entonces visita, e aínda hoxe moi descoñecida por moita xente.
Xorde así un relato engaiolante, cheo de posibilidades que nos pon fronte á capacidade dunha autora para facer medrar unha idea e compoñela a través dunha serie de imaxes que xorden dese texto. A existencia dunhas mulleres planta e unha conta atrás na vida dunha delas, conforma o tronco narrativo dende o que medran unha serie de pólas que nos van enfrontando aos diferentes personaxes, ao paso do tempo marcado polas mutacións da natureza  e cunha misión que cumprir ao que engadirlle a presenza de nomes, como os de Jules Verne e o coñecido industrial metalúrxico Sanjurjo Badía, aparicións que suman interese á trama por como se conforma esa mestura de vidas coñecidas e admiradas nunha situación de ficción.
Cada vez máis firme na súa escrita, e manexando mellor os segredos de calquera narración, Ledicia Costas vainos dando cada certo tempo un ingrediente máis para seguir atándonos ao que se conta, mantendo aberto sempre ese vieiro que nunca vai fallar ante o que significa Jules Verne na literatura fantástica ou na literatura xuvenil, conseguindo que lembremos aqueles relatos tan engaiolantes coma inesquecíbeis, e incluso facéndolle asumir novos papeis como os que toma neste libro. É posíbel que ninguén volte a mirar ás illas Cíes do mesmo xeito que as miraba antes de ler este texto, xa que o seu papel no relato é quen de facer que o lector cambie a súa mirada sobre elas, e abofé que cando se volte a pasar ante as illas, tentemos descubrir algo do que se conta no libro. O certo é que esas illas xa nunca voltarán a ser iguais. Esa é a maxia da escrita e dos escritores. Así como a vida submarina, ou as entrañas da terra, dende a nosa infancia e xuventude, visualízanse dende os textos de Jules Verne, tamén Ledicia Costas acada coa súa escrita que moitas partes de Vigo ou mesmo esas Illas Cíes se entendan xa dun xeito diferente.
Nunca somos maiores dabondo para permitirnos o luxo de deixar de lado estas lecturas. Sempre camiñaremos ao lado de Jules Verne e dende hai un tempo tamén o faremos a carón de Ledicia Costas.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 10/07/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada