domingo, 25 de septiembre de 2016

Debuxos no aire

«As formar escultóricas créanse mediante
o matrimonio entre a forma e o espazo».
[Julio González]



Se un escultor plantexa a súa loita artística dende o baleiro do material, dende a preocupación para converter en formas visibles aquilo que o seu maxín pretende desenvolver dun xeito físico, cando un escultor morre, e máis un escultor que ten unha gran impronta na fisonomía dunha cidade, ese baleiro trasládase a todo o espazo urbano. O pasamento do escultor José Luis Penado é moito máis que a desaparición dun escultor que estivo sempre máis preocupado por gozar co seu traballo no taller que por andar exhibíndoo constantemente en exposicións ou por publicitar o seu nome nos círculos artísticos, converténdose así nunha ausencia que se valorará aínda máis co paso do tempo, e que se fará máis íntima cada vez que nos atopemos con algunha das súas pezas distribuídas ao longo de Pontevedra.
Se o noso ritmo de vida nos permitise mirar as cousas con calma, pararnos un intre a observar aquilo que nos rodea e que tenta facer a nosa vida mellor, poderíamos gozar cun traballo cheo de honradez e de reflexión sobre a escultura e a súa capacidade para ‘debuxar no aire’. Esta expresión propia dun dos grandes da escultura en ferro do século XX, Julio González, pode extenderse perfectamente á obra de José Luis Penado, auténtico vangardista do traballo en ferro na escultura galega e capaz de saír airoso dese matrimonio que o escultor barcelonés, amigo de Picasso, afirmaba xurdía do vencello entre a forma e o espazo.
Poden facer a proba e pensar durante uns segundos cantas veces se detiveron a mirar cara a gran escultura da praza de Barcelos. Unha peza monumental, non só nas súas dimensións, senón nas súas proposicións artísticas. Pasamos a diario ao seu carón, vémola de xeito fugaz cando imos por Benito Corbal, pero ignoramos realmente a súa capacidade para facer que gocemos coa arte e coa capacidade dun artista para xerar formas e para acadar eses debuxos no aire. Esa árbore, metade humana, metade natural, é unha das súas mellores pezas, a min en canto a escultura urbana é a que máis me gusta, xa que nela José Luis Penado foi quen de sintetizar a histórica presencia de árbores nese espazo así como a presenza do ser humano facéndoo cunha fonda sublimación das formas, quedándose no esencial e cun xogo plástico realmente fermoso, capaz de ofrecer imaxes tan suxerentes como esta de Javier Cervera-Mercadillo que posibilita que pensemos que en calquera momento ese ferro vai comezar a moverse, desafiando a súa propia identidade, e a escultura porase a camiñar.
Pero fronte a esta peza José Luis Penado tamén desenvolveu outro traballo aínda máis descoñecido para o público e que puidemos descubrir na exposición retrospectiva que lle adicou o Museo de Pontevedra en 2014. Alí a obra de José Luis Penado amosaba o seu fondo interese polo ser humano, por capturar as súas sensibilidades como seres vivos, seres que se moven, sendo quen de acadar algo que reflectiu moi ben neste xornal outro creador, Sergio Portela, ao referirse ao seu empeño de facer «do ferro carne, dándolle vida e emoción». Unha emoción que xorde desa materia que como ninguén coñecía, e da que podía extraer, con moi pouco, un abraiante resultado. A partir desas emocións a outra súa gran achega foi a da relación da forma co espazo, e como aquelas figuras, de pequeno tamaño, practicaban unha sorte de danza no aire sorprendente, integrando ese aire no propio material, baleirando o que non era necesario para ocupar ese lugar que contribuía a lixeireza do representando así como a propoñer unha figuración moi característica do autor, un selo propio que é polo que ten sempre que loitar un creador.
O pasamento de Jose Luis Penado irá mes a mes convertendo as bágoas de mágoa en agradecementos por facer de diferentes rincóns desta cidade espazos de reflexión artística, por dotarnos dun imaxinario plástico que aumenta o noso potencial artístico como comunidade, por deixarnos unhas pezas que dende ese ferro con corazón traduce moito do que somos, xa non dende as máis diferentes escenas, senón con retratos de moitos dos pontevedreses que rubricaron a nosa historia común. As súas esculturas serán a testemuña do irrenunciable, o apego a un material e a unha forma que xa quedará para sempre entre nós.


Publicado no Diario de Pontevedra 24/09/2016
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada