sábado, 24 de setembro de 2016

Estrelas de irmandade

As Irmandades da Fala foron o paso intermedio entre a Xeración Nós e o Partido Galeguista, pero sobre todo supuxeron unha idea de país, a construción dunha identidade a partir dunha lingua. Unha exposición recupera agora o seu abraiante legado para o noso goce o didáctica



O CENTENARIO do nacemento das Irmandades da Fala está a sementar Galicia de estreliñas. Estrelas que simbolizan a cada un dos fundadores deste grupo de xentes que tentaron e o conseguiron artellar un sentimento de comunidade, a partir da lingua, coa súa terra, a terra que procuraban como espazo identitario no que construír un proxecto transversal que fixese que, nas diferentes clases sociais, o galego deixase de ser unha lingua afastada de protagonismo de seu, e sempre identificada cos menos favorecidos ou o mundo do rural.
As cousas pódense facer ben, mal ou regular, ou, simplemente non facerse, pero cando un atopa unha exposición na que os contidos móvense entre o didactismo e a eficiencia visual so pode dar os parabéns aos organizadores, diferentes institucións de Galicia, e ao seu deseñador, Pepe Barro. Cada un dos compartimentos que se nos amosan permiten entender un proxecto global que atinxe a aspectos como a lingua, a política, a arte, a escrita, as mulleres, a edición... en definitiva, unha idea precisa e de conxunto para tentar superar unha condición rexionalista que desembocase na configuración dunha nación. Coas Irmandades da Fala Galicia deu un salto adiante cara a modernidade, non hai máis que achegarse as producións literarias ou plásticas dos seus protagonistas para comprender que estes mozos tiñan outra concepción do mundo diferente á dos seus inmediatos antecedentes, a Xeración Nós. A súa achega, dende ese 1916 confluiu na formación en 1931 do Partido Galeguista e se fixo anacos co alzamento de 1936. Á vista da exposición un non deixa de preguntarse ata onde podería ter chegado a ilusión de toda aquela xeración de non verse estragada pola pisada da bota franquista? Que conquistas serían quen de acadar? Que Galicia teríamos de non esnaquizarse o feito coa persecución dende os ditados do Réxime? Preguntas cuxa resposta está en cada un destes anaqueles cos que se pode gozar vendo deseños e ilusións, tamén as facianas dos seus protagonistas, homes e mulleres orgullosos do vieiro que estaban a abrir e que foron configurando nas diferentes asambleas ata a xa citada conversión no Partido Galeguista. Mergullarse nesta nova proposta da cultura e da política de Galicia evidencia esa ruptura xeracional e sitúanos ante unha nova visión de Galicia e do que esta podía representar alonxada das cuestións madrileñas, dos partidos políticos dos que se había que afastar como no debuxo que coroa a portada de A Nosa Terra, voceiro en papel do movemento, no que unha muller vestida con roupas galegas corta coa súa fouce a corda da que tiran dous grupos políticos. Dende esa nova posición, confiada do que ela mesma podía acadar, é de onde xorde todo un itinerario que á política, á lingua e á cultura engádelle a escrita de vangarda, a cultura dirixida ás clases altas. Xorden pezas de teatro, música coral e ata óperas, a revista Nós referencia a alta cultura; a pintura convoca a un grupo de artistas novos para achegar o que as vangardas europeas propoñen á identidade galega; o coñecemento e a investigación sobre o que somos estarán detrás do Seminario de Estudos Galegos; prensa, revistas e boletíns acubillan dende as súas páxinas e artigos ese novo ideario e as mulleres, foron entendidas, e quizás por vez primeira no noso país, dende a "igualdade absoluta, política e civil, co home".

E nomes, nomes que están presentes ao longo de toda a exposición para que sexamos conscientes da súa pegada, do seu papel, uns como artelladores do novo tempo, outros, que viñan de atrás, como impulsores desa nova conciencia, pero todo xuntos a prol de Galicia. Os irmáns Villar Ponte, Víctor Casas, Peña Novo, Amparo López, María Miramontes; os Risco, Pedrayo e Castelao; Imeldo Corral, Camilo Díaz Baliño, Ramón Cabanillas, Rafael Dieste ou Manuel Antonio… en definitiva, un relatorio interminable de xente á que esta mostra de nome 'Saúde e Terra, irmá(n)s!' homenaxea e que a nós toca agora honrar coa nosa visita e o seu coñecemento, ao longo deste mes no Museo de Pontevedra para achegarse a Ourense, Lugo e Ferrol nos seguintes meses ata fin de ano.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda 18/09/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario