sábado, 10 de setembro de 2016

Somos campaña

A peor ferida
É a do trazo recto.
Olla a gran cicatriz do horizonte.
A terra dá a luz
Trala curva de Cézanne.

[‘A curva’ en ‘A boca da Terra’
(Editorial Xerais). Manuel Rivas]




É ben coñecida a frase do General De Gaulle pronunciada sobre a complexidade de dirixir os destinos de Francia: «Como queren gobernar un país no que existen 246 variedades de queixos? Algo semellante ocúrreseme a min  dunha Galicia na que nos atopamos con máis de mil tipos de verdes. Verdes que mudan ao longo do día, verdes que cautivan a nosa mirada ao tempo que varían as súas tonalidades nun país que non se entendería, pese as noxentas miserias morais dos incendiarios, sen esa cor verde.
Agora que xa estamos enchoupados na campaña electoral, noutra campaña electoral, nunha nova campaña electoral, na penúltima campaña electoral, cando soñamos con campañas electorais, cando nos cremos xa nunha constante campaña electoral, en definitiva, que somos campaña, é cando toca mirar enfite a esa natureza para tentar vislumbrar a idoneidade do noso voto. Quizás a resposta está alí, onde todo é máis puro e menos contaminado por un home moito máis confuso e distraído nas vilas, asoballados como estamos polas mensaxes publicitarias, as demagoxias partidistas e as medias verdades nas que se embarcan a maior parte dos nosos políticos para tentar convecernos das súas bondades e o imprescindible que sería para Galicia que cada un deles manexase o timón da terra verde. Non é que eu lles pida que, como fixera o escritor Henry David Thoreau, se instalen dous anos nunha cabana en plena natureza, e se esquezan de todo (aínda que á vista da nosa perspectiva política tampouco é unha cuestión a descartar), non, eu só lles pido que desconecten do balbordo mediático, dos mítines, das consignas, das insignias, dos berros, das caricias aos nenos, das fotografías que noutro contexto avergoñarían aos seus propios protagonistas, en definitiva, do que se entende como unha campaña, en cambio, simplemente pídolles que pousen os pés na terra, que se senten nun valado ergan a mirada e miren ao seu país e, sobre todo, a ese país que lles gustaría ter e respirar. Si, porque os países respíranse, e ese aire é a mellor bandeira que se pode axitar, a dun país no que o cheiro non te abafe, no que se poida respirar un aire de liberdade e de progreso do ser humano nese espazo no que a vida ou o destino colocáronte para desenvolver un proxecto vital. 
Nesta complexa ao tempo que terrible situación política na que nos atopamos en España, que amosa que todo o que pensabamos que tiñamos atado e ben atado, orgullosos da nosa democracia pois que tampouco era así a cousa. Ao longo destes meses de penitencia démonos conta de que non estamos acostumados a facer política (mandar sabemos todos, pero a política é chegar a puntos de encontro polo ben común, sen liñas vermellas nin vísceras sobre as mesas de negociacións) e de que todo se limita á pertenza desaforada a unhas siglas e a unhas cuotas de poder irrenunciables, así ardamos todos no inferno.
Galicia ofrece a súa propia campaña a este pandemonio electoral ao que estamos sometidos nos últimos meses. Nunca a unhas eleccións galegas se lles prestou tanta atención dende o resto do Estado como nesta ocasión, plantexando, dende o Padornelo ás Cíes e dende Estaca de Bares ata a Raia, unha sorte de tubo de ensaio do que podería acontecer en futuras convocatorias electorais ou para afianzar ou sepultar aos líderes nacionais e as súas posicións. Chegan días nos que Galicia verase con lupa dende todo o Estado, onde cada xesto, cada mensaxe e, sobre todo, cada voto escrutarase en clave xa non só galega senón tamén como un respaldo ás políticas.
Así as cousas tócanos a nós darlle resposta a todos eses interrogantes que se plantexan ante unha urna. Votos galegos que servirán para moito máis que para formar un goberno, para renovar o existente ou para achegarse ao país doutro xeito. Súa é a decisión e ogallá que non os mareen moito cando esto aconteza, que acontecerá, e máis co que levamos xa no lombo, tapen os oídos e fuxan, marchen un ratiño a unha praia ou métanse baixo un carballo, respiren ben a fondo e abofé que dende a boca da terra lles chegará algunha resposta, seguro que non con forma de siglas (co que me está costando a min non poñer ningunha en todo o artigo), pero tamén estou seguro que saberán interpretala na mellor dirección, que sempre será a súa.





Publicado no Diario de Pontevedra 10/09/2016. Fotografía Rafa Fariña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario