venres, 24 de novembro de 2017

82 retratos e 1 bodegón

David Hockney, cos seus oitenta anos, afronta outro novo reto dende a súa gran pintura con esta exposición no Museo Guggenheim de Bilbao na que de novo fai do retrato unha ferramenta de exploración para enguedellar a cultura popular coa modernidade.


Tres días para facer cada un deles, un fondo azul idéntico, unha mesma cadeira e unhas medidas iguais en tódalas pezas. A partir destas condicións identitarias desprégase a proposta de David Hockney (Bradford, Inglaterra, 1937) na que se representan oitenta e dous retratos e un bodegón nunha sala especialmente acondicionada -pintada cun febril vermello- sobre a que todos eses azuis e coloridos retratos semellan moverse nunha danza matissiana.
Ese frenesí da cor complétase co que acontece no interior deses cadros idénticos no seu tamaño e nos que se plantexa unha revisión do Pop Art que este mesmo pintor contribuíra a plantexar nos anos sesenta dentro dunha mostra xa mítica, ‘Young Contemporaries’, que fixou a irrupción dese movemento nas illas británicas. Pouco despois David Hockney estableceuse nos Ánxeles e alí, xunto a unha luz e unha cor abofé que moi diferente a da súa terra natal, compuxo unha pintura chea de vida, na que dende a paisaxe ou o retrato, sempre cunha anclaxe na tradición, integrábase nunha modernidade alabada por todo o eido artístico. As súas exposicións convértense sempre en auténticos feitos mediáticos, sabedores, curadores, institucións e medios de comunicación de que a súa pintura é moi accesíbel ao público, polo menos en cando a súa formalidade, algo que non é nada sinxelo para a pintura hoxe en día.
No Museo Guggenheim de Bilbao xa amosou o pintor, aínda non hai moito, no ano 2012, unha abraiante aproximación á paisaxe inglesa dende acuarelas, óleos e ata co traballo no seu ipad, o que amosa, como poucas situacións, o seu interese por traer ao noso tempo toda esa secularización da pintura. Intelixentemente David Hockney aséntase nesa tradición, nos propósitos dunha longa historia para facela andamiaxe da súa obra que logo complétase coa súa proposta persoal nunha composición chea dunha efectiva sinxeleza, no tratamento da cor ou na disposición das figuras. Unha mirada entre o pictórico e o fotográfico que, neste caso, axústase como poucas veces a través destes retratados aos que o pintor citaba no seu estudo, todos eles amigos seus, algúns famosos, outros descoñecidos para o público, pero que se uniformizan dende esa disposición similiar, nesa cadeira que semella estar flotando sobre algunha das súas coñecidas piscinas.
Alí foron citados e un deles no acudiu rachando así a cadea establecida de cadros e tempos de traballo. A solución de novo xurdía da tradición, do xénero do bodegón, e así David Hockney colocou unhas froitas e unhas hortalizas que tan ben encaixan nesa representatividade do universo Pop entre a brincadeira e a plasmación do cotiá. Constitúense así os 82 retratos e 1 bodegón da mostra que estará aberta ata o 25 de febreiro de 2018. O retrato como un territorio do psicolóxico, facianas e xestos que resumen diferentes personalidades que aquí tenden a homoxeinización, unha fermosa democratización da imaxe que non entende de xenios ou descoñecidos, de ricos ou persoas do común, que aquí acadan a eternidade que só a arte é quen de conseguir. Unha eternidade chea de frescura conseguida polo rápido traballo no tempo, esas 72 horas nas que limitábase cada cadro, tamén polo emprego do acrílico, moito máis manexábel que o óleo, facendo así de cada un destes retratos auténticos anacos de vida. A captación do xesto, a configuración dos rasgos físicos, a colocación de brazos e pernas, son os que falan de como é cada un deles, ou polo menos de como David Hockney ve e entende a todos estes 'modelos' que volven a deixar claro a xenialidade dun dos máis fascinantes pintores do mundo.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 19/11/2017.
Fotografía: Luis Tejedo (Efe)

Ningún comentario:

Publicar un comentario