Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura. Luis
Bueno fainos partícipes do seu proxecto artístico. Un traballo de
reflexión sobre os límites da pintura e a súa representación ao
longo dos séculos. Teoría e praxe que o artista explora como parte
da súa tese de doutoramento, pero tamén como arte per se.
Marcos rotos, lenzos
rachados, pinturas que saen fóra do espazo bidimensional, naturezas
intervidas, pinturas sobre soportes impensábeis, paisaxes contidos
en latas de conserva... de todas estas ferrramentas válese Luis
Bueno para presentar ante nós un traballo máis que interesante, non
só pola súa propia condición de obxecto artístico, senón polo
que ten de estudo e análise da tradición pictórica ao longo dos
séculos. Esa tradición tivo no tempo espazos de dúbida e
reflexión, máis que como movementos, como audaces intervencións ou
propostas de artistas determinados que puxeron no arame esa
contención da pintura no lenzo ou a plantexada polos férreos
límites do marco.
Luis Bueno estableceu un proceso teórico de
estudo desa situación que a representación pictórica ou que a
ilusión foron quen de plantexar para, dende eses elementos
tradicionais da pintura: a natureza, a perspectiva, a cor, o
debuxo... ir plantexando unha serie de materializacións que nos
fixesen pensar sobre esa tensión interna establecida polo feito
pictórico. O resultado é unha teoría resolta académicamente de
xeito trunfal, e que agora vemos exposta mediante un exercicio
pictórico de límites confusos pero manexados de xeito brillante e
intelixente fronte ao espectador na Sala-X da Facultade de Belas
Artes de Pontevedra.
Ata o 17 de novembro
podemos percorrer este honesto exercicio arredor da pintura para
enfrontarnos a ese debate. Para ver como os ingredientes da pintura
poden resolverse de xeito audaz dende diferentes composicións
afastadas do normal, pero tamén para achegarnos a unha serie de
soportes que discuten a propia identidade do soporte e plantexan
interesantes concepcións sobre a representación. Paisaxes sobre
papeis que son chamados a súa rápida degradación, imaxes dunhas
paisaxes nas que se elimina toda presenza humana quedando unha pegada
blanca ou naturezas contidas en latas de conserva como brutal impacto
e reflexión sobre o acotamente extremo que estamos a facer da
natureza dende a nosa perversa sociedade, xerando unha natureza cada
vez máis domesticada, cada vez máis entendida como un parque de
diversións humanas e non como un territorio aberto e libre.
Luis Bueno reactualiza
a propia concepción da pintura, facendo que siga presente dentro do
taboleiro artístico contemporáneo, con novas compoñentes e
arriscados matices, pero nunca deixando de ser pintura. O que ao fin
e ao cabo é o seu gran éxito.
Publicado no Diario de Pontevedra 13/11/2017
Fotografías. Olga Fernández
Ningún comentario:
Publicar un comentario