martes, 7 de novembro de 2017

O erro como acerto

Rue Saint-Antoine nº 170
Escultura. Rosendo Cid afronta unha interesante proposta artística na exposición que ata o 15 de decembro amósase na Fundación RAC de Pontevedra. Unha reflexión dende o obxectual daqueles elementos que froito de ser pezas fallidas no taller agora reclaman un espazo propio así como un protagonismo para o que non foron chamados.

Rosendo Cid na Fundación RAC

Conexións e desconexións funcionan nesta exposición como nun itinerario do fracaso. Un feito circunstancial que non adoita saír do estudo do artista, da súa falla á hora de enfrontarse ao labor artístico. Nesa fenda soe quedarse o fracaso, superado pola procura do éxito, pola necesidade de que unha peza triunfe dentro do maxín do artista. Rosendo Cid leva anos dende o seu traballo reparando en situacións ou elementos lindeiros coa propia obra, aspectos nos que non se adoita reflexionar nese pescudar da obra perfecta que protagonice unha exposición. Aquí a exposición é froito do erro, desas pezas que, frustradas na súa orixe, quedaron esquecidas no obradoiro, desterradas dun protagonismo que agora buscan e acadan dende un proceso conceptual ao que Rosendo Cid dá corpo.
Dende que Duchamp puxera o mundo da arte patas arriba co obxecto como protagonista dun proceso de identificación do artista coa súa obra, o papel dese obxecto forneceu da man de diferentes artistas que tras esas pezas achegaban un fondo proceso de análise e reflexión. Rosendo Cid móvese nesa situación e dende diferentes formulacións creativas, que van dende a propia escrita ata a escultura, hibrídase unha conexión entre fondo e forma que acada unha sorte de mutación, e aquilo para o que naceu desemboca noutra personalidade.

Aquí son moitas as pezas que traballan dende a hibridación, dende esa construción dende o erro e que desembocan nunha ampla mostra, moi meditada ao longo do tempo dende que dende a Fundación RAC se lle plantexou ao artista a posibilidade de traballar neste espazo. Ese tempo nótase na intelixente disposición das pezas ao longo dos diferentes espazos da Fundación ubicada na rúa Sarmiento.
Moitas desas pezas xorden do azar, dunha casualidade adaptada e integrada na peza que nace cunha nova identidade, unha reformulación inesperada pero dende a que Rosendo Cid acada unha nova mirada a un obxecto con todas as propiedades dunha peza escultórica. Pezas cheas de paradoxos, de interrogantes, de desafíos fronte a un espectador que se ten que abrir a participar dese diálogo formando parte tamén dese proceso case exploratorio da man do artista. 
Unha caixa chea de frustracións, uns andeis con numerosas pezas froito do erro, partes de algo que foi e que agora volve a ser. Así artéllase unha exposición dende o que foi erro e agora é acerto. Dende aquela parte desprezada e que agora defínese de seu como parte esencial do propio proceso creativo do artista. Dende ese empirismo necesario para acadar o resultado preciso é no que Rosendo Cid plantexa unha mostra que nos conduce entre a sorpresa e a reflexión para seguir entendendo as infindas posibilidades da arte como canle de expresión e tamén de análise, neste caso da propia tarefa do artista que no caso do noso protagonista vive un momento moi fecundo xa que a esta mostra engádeselle outra na Zona C de Santiago de Compostela, xunto á tamén artista Rosa Neutro, tras gañar un concurso de comisariado baixo o título de ‘Un cuarto propio’, e o seu recente proxecto editorial ‘5.000 veces pintura’.
Espazos, ámbitos, territorios para a reflexión no artístico, parte esencial dun traballo visíbel agora ante nós como obxecto resucitado despois do erro e convertido xa en vizosa proposta.



Publicado no Diario de Pontevedra 6/11/2017
Fotografía: David Freire


Ningún comentario:

Publicar un comentario