mércores, 10 de outubro de 2018

Outra lección

Rue Saint-Antoine nº 170
Memoria ▶ O cadro de Castelao ‘A derradeira lección do mestre’ protagonizou a semana en Galicia. A súa recepción en Compostela para participar nunha exposición na Cidade da Cultura e as máis que desafortunadas palabras do presidente da Xunta provocaron unha reacción xeral que podemos entender como unha nova lección de Castelao.

Unha das accións de protesta foi a recreación da lámina orixinal
de Castelao por Kiko da Silva no Museo de Pontevedra (Gonzalo García)

Poucas veces se viviu unha situación como a que tivo lugar ao longo desta semana en Galicia arredor dunha obra de arte. O asombroso discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que el mesmo se adicou a esnaquizar 48 horas despois diante da familia Bóveda, minimizaba a contundencia do cadro que Castelao pintou no exilio arxentino en 1945. Para Castelao a arte converteuse nun medio de concienciación social e política a medida que foi pasando o tempo, e a súa condición de pintor dirixiuse dende as obrigas morais dos feitos históricos co rodearon cara un emprego do artístico para que Galicia mirase cara si mesma poñendo en cada obra unha carga de profundidade contra o atraso e as diferencias de clase na sociedade.
Ese devir da súa obra acada unha nova dimensión tras o levantamento militar e a Guerra Civil. Castelao realizará tres albumes para denunciar a represión que acontecía en Galicia. ‘Galicia Mártir’ e ‘Atila en Galiza’, foron editados en Valencia, o primeiro en 1937 polo Ministerio de Propaganda da República, mentres o segundo polo Comité Nacional da Confederación Nacional do Traballo. O terceiro, ‘Milicianos’, editouse en Nova York, un ano despois pola Fronte Popular Antifascistas Galego.
Estes tres traballos, absolutamente espléndidos dende o artístico, si que se poden calificar como o máis cercano ao que podería ser unha especie de Guernica galego, ao tratar, como no cadro de Picasso, da visualización da sin razón humana e que ademais mantén un fío directo cos gravados de Goya dos ‘Desastres da Guerra’, tanto na súa conformación plástica como na inclusión dunha mensaxe ao pé da imaxe. Castelao, polo tanto, dialoga de xeito directo con todos eles e fai da obra un altofalante dunha sociedade esnaquizada nos seus valores.
Selo da República Española
coa 'Derradeira lección do mestre'
Unha das láminas daquel primeiro álbum é ‘A derradeira lección do mestre’. Unha representación que foi moi especial para Castelao xa que nela aparece o seu mestre, de quen tanto aprendeu, o seu irmán, tal e como se recolle na correspondencia entre eles, Alexandro Bóveda. É certo que non aparece en ningún texto esa adscripción do personaxe, pero moitas veces queremos desviar a vista ante o que está diante de nós. Non hai máis que mirar o propio cadro, fixarse na cara dese home que ven de ser asasinado para que non haxa dúbida algunha. Esas entradas no cabelo, ou ese guecho de pelo no centro, son identificativos do personaxe e así grandes caricaturistas como Manuel Torres non precisaban de máis para reflectir a Alexandro Bóveda. Esta lámina era tan especial para Castelao que foi unha das tres que elexiu para converterse nun selo da República en 1939, precisamente o de máis valor, 90 céntimos. E o que se converteu no gran lenzo de 200x132 centímetros que Castelao pintou en Bos Aires coa mirada posta en Galicia e no martirio do seu irmán.
Caricatura de Bóveda realizada
polo pintor Manuel Torres
A última lección de quen fora o mestre de tantos galeguistas que puxeron a súa terra por riba deles mesmos. Pois resulta que non foi a última, o destino, e a forza da arte como aglutinador de sentimentos, quixo que aínda quedase outra lección por dar, á que asistimos estes días nos que un discurso completamente afastado do relato do cadro e da súa orixe fixo que gran parte desa terra que se regou co sangue do mestre levantase a voz para berrar e para lembrar que aquela lección aínda non se esqueceu, e que aínda ten moito que ensinar.

Publicado no Diario de Pontevedra 8/10/2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario