luns, 29 de outubro de 2018

Valados de fermosura

Rue Saint-Antoine nº 170
Memoria. Escrita, memoria e arte xúntanse na intervención que se vén de inaugurar esta fin de semana na avenida de Eduardo Pondal. Un mural no que Polo Correo do Vento homenaxea á María Victoria Moreno, nun dos últimos actos de lembranza á escritora á que se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas e cuxo recordo agora será permanente.


«As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos». Así o escribiu María Victoria Moreno en ‘Anagnórise’, e así aparece na placa que a lembra dende a ponte que dá comezo á Avenida de Vigo, a rúa na que viviu a autora homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas deste ano. Agora, dende ese mesmo punto podemos seguir achegándonos a súa figura a través dun fermoso mural que enriquece, non só a nosa cidade dende o punto de vista artístico, recuperando un espazo descoidado; senón que enche a nosa memoria dunha homenaxe convertida en permanente hacia unha muller que non só dende a súa faciana de escritora o merece, tamén dende o aspecto humano como activa cidadán que conviviu con nós. 
 Polo Correo do Vento son Mau e Pin, escritor e debuxante, pero sobre todo activistas da cultura que sementan alí onde máis poden medrar as ideas e os sentimentos, isto é, nos nosos cativos. Eles, xunto coa artista Tania Solla, enfrontáronse valentemente a ese valado perdido para a cidade, un soporte que, como tantos que temos, precisaba dunha reconversión e que como vemos agora pode ofrecer excelentes resultados. A súa mirada tenra sobre a autora, perfectamente dirixida ao público máis miúdo, reflicte a relación con Galicia a través da lingua, e con Pontevedra, cidade da que namorou en canto chegou a ela. Formou con esta vila de «orgullo feito de pedra e camelia» unha unidade, unha complicidade que se desenvolveu dende a súa relación cos cativos cos que coincidía no parque de Campolongo, tamén cos seus alumnos no IES Torrente Ballester, aos quen tanto lles deu e dos que tanto recibiu; tamén cos seus queridos cans que a obrigaban a pasear e a camiñar polo seu barrio no que deixou unha desas inesquecíbeis pegadas inmateriais, pero que o tempo está convertendo en presenzas físicas e en lembranzas e homenaxes que neste seu ano non deixan de medrar ata que remate.
A afouta escolla de Mª Victoria Moreno por Pontevedra e pola lingua coma canle de expresión, ela que chegara procedente de Extremadura en 1963, seguen a sumar xestos de recoñecemento. Ela deixounos os seus libros pero sobre todo a sinal do ser humano, e agora a cidade devólvelle o compromiso con xestos como este. Alí están a escola, a escrita, os libros que van e veñen voando e unindo as persoas, os cans, o seu coche que ata tiña nome, Teresita, a súa cadela, e esa bolsa de lamberetadas que a acompañaba sempre para repartir entre as súas cómplices amizades, ás que enchía de contos e narracións como a interminábel do heroe Ulises que lles contaba aos nenos nun chanzo a carón da igrexa de Campolongo, e que tan ben nos contou Montse Fajardo. Palabras e agora mural, para lembrar, pero sobre todo para non esquecer.



Publicado no Diario de Pontevedra (29/10/2018)
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo


Ningún comentario:

Publicar un comentario