Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. A
reedición de ‘O Triángulo inscrito na Circunferencia’ de Víctor
F. Freixanes recupera a Pontevedra como inspiración literaria e pon
de novo nas nosas mans unha das novelas fulcrais da nosa escrita. Un
texto que mira a Pontevedra, a vila natal do autor, para xerar todo
un universo mítico que mañá se presenta na Casa das Campás.
Victor Freixanes nunha visita literaria a Pontevedra sostén un exemplar de 'O triángulo inscrito na circunferencia' ante a Basílica de Santa María (Rafa Fariña) |
Hai libros que son unha
cidade. Páxinas e páxinas que rexistran o latexo dunha cidade a
través das súas historias, lendas, personaxes... en definitiva,
todo ese sedimento que nutre o maxín dos escritores para converter
unha vila nunha protagonista máis da súa obra.
Pontevedra non se pode
queixar da súa capacidade para inspirar, para envorcar na
traxectoria de diferentes creadores toda a súa longa e rica historia
a través dos séculos. Soubo ben diso Gonzalo Torrente Ballester
cando na súa estadía pontevedresa bebeu dela todo o que puido a
carón de Filgueira Valverde e os seus compañeiros do Instituto
Feminino para construír ese monumento literario que é ‘La
Saga/Fuga de J.B.’. Do mesmo xeito, non hai moito, Xosé Monteagudo
agasallounos, aos que habitamos nesta cidade, con outra desas
novelas, ‘Todo canto fomos’ que pasará o filtro do tempo para
seguir mantendo a súa forza como rexistro do que somos. Estes serían
dous deses libros esenciais pero aos que se lles engade un clásico
da nosa escrita como é ‘O Triángulo inscrito na Circunferencia’,
publicado en 1982, e que obtivo os Premios Blanco Amor e o
Premio da Crítica. Con ela, a primeira novela de Victor F.
Freixanes, entrou de xeito sobranceiro no noso sistema narrativo, ao
tempo que plantexaba unha nova identidade para a súa vila natal,
chamada, Vilanova de Alba.
Esta nova edición que
da man da Editorial Galaxia e Ateneo de Pontevedra presentarase mañá
ás 20.00 horas na Casa das Campás foi revisada polo propio autor,
pero pouco lle tivo que modificar. Cousas menores nun libro que tiña
un texto perfectamente fixado, que non contemplaba apenas
modificacións, nun relato certamente atemporal, porque en si mesmo é
un universo pechado, ese círculo que xorde da memoria do autor, dos
seus coñecementos sobre a historia desa vila mariñeira aberta a un
mar de navegantes e que construiu a súa historia dende a barrio da
Moureira. Victor Freixanes fortifica así, dende a mirada daquel
cativo que se movía na recreación do camarote do almirante Méndez
Núñez do Museo de Pontevedra, toda unha singradura polos mares da
nosa historia a través de tempos diferentes, de personaxes que
sustentan unha Trindade de Bartolomeus para conquerir esa navegación
cunqueirana entre séculos que se enguedellan para envolver ao lector
nunha lea de aventuras e acontecementos.
Os capítulos da
historia son os chanzos polos que se move o autor para xerar toda
esta narración na que personaxes históricos como Pedro Sarmiento de
Gamboa ou Paio Gómez Charino mestúranse con outros que o autor fai
entrar en escena para argallar ese relato pluritemporal de novas
accións que xogan entre o devir da historia. «O tempo pasa polos
homes e polas cousas. O tempo gasta, erosiona. Tal é a marca do seu
propio devir», escribe o autor na novela. O tempo como o gran activo
dunha obra que nos move por todo aquilo que conformou. Tropas,
batallas, as sete cidades ou mascaróns de proa sinalan os segredos
do tempo que agora o autor revela na súa escrita, nun xeito de
contar os tempos pasados para que entendamos o noso propio.
Lendo hoxe, tal e como
liamos esta novela no bacharelato dos oitenta, vémonos enchoupados
por unha abrumadora lectura que non deixa de abraiar para quen a ten
como a súa primeira novela. Todo un desafío para o escritor que
aínda hoxe causa un forte impacto no lector polas súas arelas para
narrar a nosa historia, para enxertala na nosa escrita como material
literario de felices consecuencias. Abofé que dende aquela
Pontevedra levitante que Torrente Ballester xerou entre as néboas e
as pedras húmidas do fondo da ría, non atopou a nosa cidade outra
recreación tan brillante dende os «abismos do tempo» no «devalar
das mareas». Por que iso é o que nos move neste fresco de épocas
arroladas polo vaivén das ondas, pola memoria dos nosos antergos
nunha vila de navegantes que agora se atopa cos seus navegantes da
palabra, os que traducen, como Victor Freixanes, o tempo en fábula.
Publicado en Diario de Pontevedra 25/02/2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario