luns, 2 de decembro de 2019

Culturgal. Apuntes na crista do galo

Rue Saint-Antoine nº 170
Cultura ▶ A décimo segunda edición do Culturgal renova un ano máis o compromiso desta cidade coa cultura e coas súas posibilidades arredor do ser humano converténdoa na patria natural desta Feira das Industrias Culturais. Os cheos de público, así como as vizosas propostas presentadas polos sectores culturais, énchenos de esperanza no futuro



Empoleirouse o Culturgal de novo no Recinto Feiral de Pontevedra. Berrou ben forte e, como aquel Galo co que se titulou o libro póstumo de poemas do pontevedrés Luis Amado Carballo, no que a Boa Vila deu de beber a quen pasa, o Culturgal deulle cultura e festa a quen o visitou. Porque diso é do que se trata ao longo deste fin de semana por excelencia da cultura galega abeirado ás orelas do Lérez, de amosar a nosa cultura dende unha chea de disciplinas, pero tamén de festexala e celebrala como algo noso, como unha das nosas pegadas máis intensas cara a posteridade. É por iso que o Culturgal funciona e funcionará sempre como acaído xeito de atoparse e de facer unha celebración colectiva. O inesgotable motor do Culturgal é xerar ese espazo propio, ese encontro de axentes e protagonistas da cultura para recoñecerse como parte dun clan e para tecer esas redes tan necesarias no universo cultural. A hibridación de diferentes ingredientes é o segredo desta feira, un banco de ensaio integrador de cada un de nós nos nosos campos de acción, tanto como axentes como público, sendo todos parte dun proxecto que, como poucos, nos pode xuntar arredor dun destino común.
Unha boa amiga miña di que do Culturgal un sae coas mans cheas e o corazón contento, e o certo é que hai moito diso, imposible non caer nalgunha das opcións de libros ou artesanías que alí se ofrecen é que tan ben falan do ben que traballamos en canto a facer cultura, tanto en contidos como na súa presentación, pero tamén que ese corazón saia cheo de ledicia é o que mellor fala do que é capaz de transmitir a nosa cultura. E todo iso porque quen se involucra na cultura traballa en boa parte cun forte compromiso co que fai, cun goce do seu traballo que excede en moitos casos o puramente administrativo, entendéndose como parte dunha paixón. Mirar durante estes tres días o traballo de editores, libreiros, actores, músicos, cineastas, xestores, artistas plásticos, e ata os traballadores dos stands oficiais reflicten que o seu compromiso coa cultura é impagable.
Falou na inauguración da Feira o conselleiro, Román Rodríguez, ao que hai que agradecerlle o forte compromiso da Xunta coa Feira, da importancia da cultura como axente económico, non falou, iso si, dos recentes datos que falaban da perda de mil quinientos empregos no tecido cultural galego, ou de que a Casa de Rosalía de Castro, un dos nosos tótems culturais, teña que poñer en marcha unha campaña de apoio económico popular para manter as súas actividades. Con todo isto atopámonos un Culturgal que, coma sempre, acaba como o galo cando asoma no alba do día, espertándo as nosas conciencias, porque cultura é conciencia, e tamén valentía para seguir neste espazo de resistencia en que se converte moito do que fan os nosos creadores. E a esperanza tamén vén da man dos pequenos, dese público miudo que está na feira, pero que aínda tiña que estar máis. O futuro pasa por eles e a loita por acadar novos públicos, por renovar aos que van cada ano como militantes de fe, debería ser unha das grandes apostas do Culturgal cara os anos seguintes. Mellorouse o plantexamento da Feira e a mobilidade do público cando en momentos de moita asistencia non se sentiu o colapso doutras veces. Houbo queixas en canto a sinalización da contorna do Recinto Feiral, de como acceder ata el dende as vías de comunicación, e de publicitar máis a Feira para manter o público doutras edicións. Todos sabemos o que custa acadar públicos, e non teríamos que baixar a garda fronte a un futuro descenso nas visitas. Pero como cada edición o mellor sempre vén da man dos creadores, dese concerto na despedida de Marful, das Tanxugueiras e o seu brutal cheo, como o de ‘Eroski paraíso’ de Chévere, na súa versión cinematográfica, ou a emoción da última obra de Oliver Laxe, dese novo xornal en papel, ‘Nós’, que sairá en xaneiro, do novo cómic de Miguel Anxo Prado, ‘Amani’, editado por Retranca Editora, do libro de María Vinyals de Diego Piay editado por Alvarellos, ou da plaquette que Apiario publica co ‘Agosto’ de Míriam Ferradáns, ou do novo selo editorial, Cuarto de Inverno, ou do ‘Un lume azul’ de Pedro Feijoo, ou... ou... unha interminable listaxe de aventuras creativas que nos falan da necesidade de moitos Culturgais máis e de que o galo siga amosando a súa fermosa crista.



Publicado no Diario de Pontevedra 2/12/2019
Fotografía. Rafa Fariña

Ningún comentario:

Publicar un comentario