venres, 5 de febreiro de 2021

Galega e libre de peaxe

Saga/Fuga


NAMORABAN os paxariños o pasado martes, día da Candeloria, cando, no Congreso dos Deputados, Galicia falaba a través dos tres representantes das súas forzas políticas representadas no Parlamento: Diego Calvo polo PP, Ana Pontón polo BNG e Gonzalo Caballero polo PSOE. Alí estaban os tres, subidos á mesma póla, e facendo soar un mesmo son, o que chegaba dunha terra esgotada dos abusos dunha concesión e dunha concesionaria que non deixan de facer cartos co esforzo de moitos galegos que senten esas peaxes como unha forte carga sen explicación algunha, máis alá das contas de resultados dos seus propietarios, completamente alleos ao que é a vida da xente común.

Xunto á petición da transferencia a Galicia da AP-9 chamaban a atención dúas cuestións. A primeira é ver aos nosos políticos puxando no mesmo sentido, soprando nas velas dunha Galicia á que habitualmente o vento lle entra en diferentes direccións, impedindo un maior avance e fortalecemento. Unha procura de forzas que depende, como neste caso, de conseguir transferencias que fagan medrar o seu autogoberno e a capacidade por ser donos do seu, e aquí é onde asoma a segunda cuestión que semella incríble para unha comunidade autónoma neste Estado cada vez máis descentralizado, xa que de acadar esta transferencia suporía a primeira conseguida nos últimos trece anos en Galicia. Así como soa, trece anos sen asumir novas competencias, trece anos sen conseguir máis recursos, un dato aínda máis abraiante cando un pensa que a maior parte dese tempo foron as mesmas siglas políticas, as do PP, as que gobernaron alí e aquí, o cal non fala moi ben nin dos de alí, por non facer medrar a descentralización do Estado (M. Rajoy freou ata en dúas ocasións esa transferencia), nin dos de aquí, por agochar as que deberían ser obrigadas reivindicacións en defensa da nosa terra. Iso si, na foto e no prender medallas do peito, non faltou ninguén, nin os de alí que tiveron a total responsabilidade para mudar esa situación, nin os de aquí que, podendo dar ese paso do martes, non o fixeron, e só agora, baixo esa alianza entre BNG e PSOE decidiron non perder o paso.

Ben está o que ben acaba, aínda que isto non é máis que o principio, pero ata para isto tardamos anos e anos en poñernos dacordo, en decidir poñer unha escaleira para saír dese foxo en que nos meteu Aznar ao ampliar a concesión desa autopista en 25 anos máis, a partires do ano 2023, en que remataría a nosa condena anterior. Sendo xa galega quedaría afrontar a segunda das propostas da ecuación que, dende o Congreso plantexou Ana Pontón, fixando as arelas que todos deberíamos ter na nosa terra a modo de leitmotiv: ‘Galega e libre de peaxe’.

Coa AP-9 nas mans da Xunta, comezará outro percorrido, o de liberala desa peaxe, ou, polo menos, o de baixar o seu prezo, e aí terá que entrar por fin en vigor o acordo ao que BNG e PSOE chegaron para apoiar a presidencia de Pedro Sánchez, e que tiña nese pacto a AP-9 como un dos seus elementos esenciais e ao que ata o de agora non se lle fixo moito caso, xa que as bonificacións para a rebaixa desa peaxe xa tiñan que aplicarse. Todo apunta a que así se fará e que os orzamentos do Estado permitirán esa baixada ata que ao final do camiño chegue a súa gratuidade.

Quedamos, polo de agora, con esa vontade común tan estraña de albiscar entre os políticos, quedamos coa primeira transferencia a Galicia en trece anos e quedamos co canto dos paxaros no día da Candeloria.

 

 


Publicado no Diario de Pontevedra 5/02/2021



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario