venres, 26 de febreiro de 2021

(Re) ler a Rosalía

          

Saga/Fuga


GABÁMONOS estes días de ter a Rosalía de Castro como unha das nosas. Unha muller que cada ano aumenta a súa consideración, xa non só como creadora, senón como adiantada ás propias posibilidades sociais do seu tempo. Cada 24 de febreiro institucións e asociacións adican o día do seu nacemento á súa lembranza, posibilitando así que nos acheguemos a ela dun xeito máis intenso do que debería ser unha constante nas nosas vidas, como sería o relacionarnos dun xeito máis intenso cos seus textos, alí onde nos atopamos á verdadeira Rosalía de Castro. Refírome con isto a que a súa escrita é a que nos ten que dar a súa verdadeira dimensión e non a imaxe deturpada durante décadas que fixo dela case que unha miñaxoia que non se podía desprender das bágoas e dos laios.

Cada vez máis miradas e reflexións fan de Rosalía de Castro un achádego permanente que afonda na universalidade da nosa poeta que foi quen de xerar un ecosistema ao seu arredor que fixo medrar no seu interior moitos elementos dunha sorprendente modernidade e valentía.

Moito disto o puidemos comprobar nos actos que a Deputación de Pontevedra e o Vicerreitorado da Universidade de Vigo en Pontevedra desenvolveron o pasado martes. Dous actos cheos de sensibilidade e fermosura na súa organización, e que tensaron unha serie de fíos para facernos pensar na Rosalía máis alá da postal.

Entre camelias e o aloumiño da voz de Uxía, máis emocionante aínda cando se baseou para unha das súas cancións no traballo do inesquecible Narf, discorreu o acto no Salón Nobre da Deputación, no que a Asociación de Escritores en Lingua Galega puxo na palabra de Anna Figueirido o seu escrito adicado a Rosalía de Castro. Un intelixente texto que vencellou a Rosalía de Castro con este tempo noso cheo de estrañezas e no que a súa figura desenvolvería un papel non moi diferente do que tivo naquel século XIX, e nunha Galicia eivada que ela se encargou, no só de laiar, senón de reivindicar, sinalando, en moitos casos, os culpábeis, e ben lonxe do que se esperaba do rol da muller, case sempre coa cabeza baixa fronte aos acontecementos.
Somos cada un de nós os que temos que darlle a volta a esa mirada enxurrada de prexuízos, e a maneira de facelo é ler ou reler a Rosalía de Castro. Así fixo o alcalde de Pontevedra o día antes dese acto que pechou el mesmo cunhas palabras afastadas de papeis, falando, de xeito sinxelo, tras adicar unha tarde á lectura e o interese pola autora. Fernández Lores falou da creadora de ‘Follas Novas’ e falou ben. Deixando de lado a emoción que calquera nacionalista evoca cando fala desta autora tan simbólica, Lores sinalou moitas das súas achegas, certamente, non coma un experto en Rosalía, pero si como alguén que goza co descubrimento de facetas como a defensa da lingua, o feminismo ou mesmo o ecoloxismo, e como iso nos pode sinalar hoxe un camiño cun longo percorrido.
Na Casa das Campás, na brillante estrea de Eulalia Agrelo como responsable da área de cultura da Universidade de Vigo, foi o fondo coñecemento da escritora María Reimóndez o que incidiu, de xeito máis teórico, en cuestións como a imaxe que de nós se tiña fóra de Galicia, a reivindicación pola poeta das culpas dos nosos atrasos e a valoración do popular como parte da nosa cultura.

A noite tamén se encheu de Rosalías, grazas á iluminación que aínda estes días manterá acesa a Deputación en diferentes vilas da provincia. E é que se alguén pode loitar contra a escuridade esa é Rosalía de Castro.




Publicado en Diario de Pontevedra 26/02/2021

Fotografía. Anna Figueirido na lectura do manifesto da AELG (Rafa Estévez/Deputación de Pontevedra)

Ningún comentario:

Publicar un comentario