Saga/Fuga
CHEGOULLE
a Manuel Moquecho a hora da xubilación. A hora de facer da vida un territorio
conquistado afastado das obrigas profesionais. Un tempo de gozo que, para a
cidade, tras o acadado nos últimos anos dende o seu posto de director da Área
de Dinamización Cultural do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, non o
vai ser tanto, ao perder a unhas das persoas que máis e mellor traballaron nesa
parte de xerar cidade e de tecer fíos para que diferentes axentes culturais
traballasen ombreiro con ombreiro coa Universidade, establecendo así unha
dirección única para que sigamos medrando como comunidade.
A
incorporación do noso xa xubilado ao tecido cultural e social de Pontevedra foi
unha das mellores cousas que lle puideron pasar a unha cidade que se está a
conformar dende o urbanístico para ser rede, para ser espazo de interactuación
entre diferentes campos de traballo, sendo o da cultura un dos máis intensos e
que mellor lle acaen ao que está pasando a esa humanización do espazo público.
Manuel Morquecho soubo velo así e abriu
de xeito decidido as portas dun dos nosos grandes axentes, a Universidade, para
que moitos puidésemos franquear o que tantas veces foron uns grosos muros
impermeables ao que acontecía na rúa. A Casa das Campás converteuse nun espazo de
encontro, de faladoiros, de proxeccións cinematográficas, de exposicións, de
concertos, de recitais, de emocións... en definitiva, dunha vida que nos fixo a
todos os que participamos dela moito mellores, porque para iso serve a cultura,
para facernos a todos mellores.
Un
sempre ten ben presente que cando as institucións traballan e poñen en marcha
proxectos un elemento esencial para que teñan éxito, e significalos ante o
colectivo, é o que eu chamo o factor humano (nada novo se un leu o libro de
John Carlin sobre Nelson Mandela), isto é, a capacidade das persoas por
converter un traballo en paixón, por sentir que as horas de oficina ocupan 24
horas, e que o que un fai é bo para todos e tamén para un mesmo.
Sería
interminable citar aquí a cantidade de proxectos e de conexións plantexadas a
través do seu traballo, coa complicidade e apoio, primeiro de Juan Manuel
Corbacho e na actualidade de Jorge Soto, como vicerreitores do Campus de
Pontevedra, pero a pegada é inmensa e deixa unha serie de pistas para seguir
fornecendo ese potencial inmenso para Universidade e cidade que ten que ser a
súa alianza, máis alá de estratéxica, achegándose ao íntimo. Toma o relevo
Eulalia Agrelo, sabemos das súas moitas e boas capacidades, e lle damos a
benvida á palestra pública ao tempo que tamén lle damos azos para seguir
afianzando o conseguido nos últimos tempos.
Hoxe
toca despedida, ou como cantaba Sabina: «Este adiós no maquilla un hasta
luego», xa que Manuel Morquecho estará aí, acompañándonos nas actividades
culturais que agardamos recuperar en breve, tras este tempo estraño e posto
entre paréntese, porque o seu traballo tiña moito de formar parte de todos nós,
de gozar co resto da xente do conseguido e diso un non se xubila, nin os demais
lle deixaremos.
A
súa implicación, chea de humanidade, colaboración permanente e sen vaidades,
foi quen de encher de vento as velas dunha Pontevedra que tivo nos seus
servizos un labor que a fixo mellor. De novo o factor humano converteuse no
mellor aliado dos que queren facer, dos que queren ser útiles e dos que pensan
que xuntos somos máis fortes. O moito acadado está aí, e aí seguiremos,
atopándonos, porque nesta cidade, para iso, sobran os motivos.
Publicado no Diario de Pontevedra 12/02/2021
Fotografía: Manuel Morquecho xunto ao poeta Miguel D'Ors na presentación da última edición de '6 días, 6 poetas' (Javier Cervera-Mercadillo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario