venres, 30 de decembro de 2022

Caixa de Pandora

 

[Ramonismo 137]

'A culpa’ de María Solar, Premio Xerais, artella un relato arredor do pasado como activo dun inesperado presente



POUCO a pouco María Solar tece a súa traxectoria literaria subindo chanzos na súa progresión como escritora. Se na literatura infantil e xuvenil títulos como ‘Teño uns pes perfectos’ ou ‘Os nenos da variola’ xa a sitúan nun lugar de referencia nese complexo e nunca gabado de todo ámbito da escrita, as súas novelas ‘As horas roubadas’ e, a recente, ‘A culpa’, merecedora do último Premio Xerais de novela, veñen a confirmar ese traballo firme e comprometido arredor do que supón armar unha historia e presentarlla aos lectores de xeito atractivo.

E iso é o que nos atopamos con ‘A culpa’, unha novela que te engule xa dende as primeiras páxinas obrigando ao lector a continuar pasándoas ata desvear o nobelo no que María Solar che foi envolvendo dende as primeiras liñas. Unha herdanza sempre adoita ser unha caixa de Pandora, polo tanto un caixón de imprevisíbeis consecuencias cando o abres, aínda máis se esta chega de alguén que tan só coñeciches pouco tempo antes da súa morte.

A autora escribe, chegando ao remate do libro, que as relacións baseadas en intereses económicos son das máis férreas que nos podemos atopar e así é como esa relación baseada nunha herdanza millonaria arrinca tirando dese fío do pasado dunha muller cunha historia abraiante que pouco a pouco imos coñecendo. A vida dunha artista que fixo a súa gloria na Arxentina e que entre as luces do éxito, fóronse tamén amoreando unha serie de sombras que a perseguiron dende ben nova ata os seus derradeiros días.

Esa herdanza de cartos trouxo, entre os billetes, outro tipo de herdanzas, que Amanda, a súa inesperada receptora, xunto coa súa parella, Enric, asumirán xa como algo que vai a marcar a súas propias vidas ata o desenlance final. Chea de xiros, de cambios sobre o agardado, a aposta de María Solar por esta narración merece o aplauso por ser quen de moverse por diversos territorios, por distintos ámbitos espaciais e temporais, facendo máis complexa a súa escrita, e que cando se remata de xeito exitoso convérteo todo en algo no que felicitarnos, por esa renuncia a desenvolver historias máis sinxelas que non suporían ningún desafío para a autora á hora de seguir medrando como tal. María Solar non temeu esa loita co papel, coa inspiración, pero sobre todo co traballo, e deste xeito xorden uns personaxes que definen en boa parte a novela. A súa construción e posterior crecemento sitúa ante nós unha serie de nomes que definen a lectura de ‘A culpa’ e converten as súas vidas e toda unha experiencia arredor da cal arrumuíñanse as preguntas, as que se van facendo as protagonistas dun tempo pasado, a artista Mirtha Val e a súa compañeira de tantas cousas como pasaron xuntas, Marcela; pero tamén, os protagonistas do presente, Amanda e Eric.

E se as preguntas cando miramos cara nós mesmos adoitan ser complexas máis aínda o poden ser as respostas, porque nelas atopamos o que moitas veces non queremos ver e recoñecer. De aí que asomarse ao Diario de Mirha Val que nos conta o vivido por ela, supón achegarse a unha realidade complexa dende o seu inicio pero que a vida foise encargando de endereitar ata que comezan a asexar os segredos e as culpas que adoitan meterse uns dentro doutros na configuración do que é unha personalidade. Como matrioskas María Solar abre esas bonecas para atopar no seu interior unha faciana ben distinta da que locen cara todo o que ás rodea, sendo a descuberta dese interior no que Amanda envorcará toda a súa atención para darlle sentido a esa herdanza que asume con todas as súas consecuencias, isto é, co bo, mais tamén co malo.

Xunto ós personaxes o outro gran achádego do libro e cómo se presenta ante nós a historia. De que xeito se propón unha estrutura que, dividida en tres partes, primeiro fainos coñecedores desa ‘Herdanza’, ao tempo que sabemos da súa receptora e da súa vida cotiá, para despois trasladarnos ao pasado a través do diario de Mirtha Val e o latexo da ‘Culpa’, para, finalmente, propoñer unha serie de capítulos baixo o título da ‘Pel’. Culpa e pel, o interior e o exterior, o que nos agonía ao longo dos anos e a fachada que amosamos cara o exterior. As dúas caras do que somos e de cuxo enfrontamento xorden as respostas a aquelas preguntas das que falabamos con anterioridade.

O XXXIX Premio Xerais de Novela acolle con bo tino a súa concesión á obra de Maria Solar, como o respaldo preciso fronte as dúbidas que sempre levedan dentro de todo autor ou autora para adentrase en certos camiños cheos de riscos.



Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 17/12/2022

Ningún comentario:

Publicar un comentario