luns, 21 de maio de 2012

Beleza e palabra

‘Os ángulos da brasa’ é unha escolma da poesía de Manuel Álvarez Torneiro. Un percorrido íntimo da man do verso

Ambas, a beleza e a palabra, son o tándem inexpugnable para o lector, pero tamén, e como se cita nas tapas desta escolma de versos, “as mellores armas do poeta”. E o certo é que tras percorrer as tres estacións que compoñen este volumen, os tres aneis que como no Purgatorio de Dante ten que superar o lector, un decátase de que Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) fía o seu destino a esas dúas acompañantes que ao fin se amosan como una seña de identidade dunha abondosa poesía chea de referencias culturais de suxerentes metáforas pero, sobre todo, dun caloriño do que ao lector lle custa afastarse.
 ‘Os ángulos da brasa’ é o título desta escolma de poesía pero tamén é a construción dunha metáfora, dese tacto onde empeza a queimar o lume, onde espertamos do sono dunha vida moitas veces monótona e nos botamos de bruces sobre a creación, sobre a trama do pensamento. E aí dentro desa lapa é a onde nos bota o poeta dende unhas palabras polas que navega a beleza na súa barcarola, “Pero a beleza existe”, afirma nese poema. Abofé que existe, e na poesía galega ten o nome de Manuel Álvarez Torneiro. Cruzamos o primeiro anel: ‘Trama da vida’, onde a pintura ou a música son partes substanciais dese agromar de percepcións, dese bulir de sensacións que só a arte é quen de conceder a quen se achega a ela, pero a beleza tamén é a propia vida, o traballo dos mariñeiros, palabras, leccións que nunca serán as derradeiras, e silencios.
O segundo anel é o que nos leva ata o ‘Terreal e o sagrado’, algo que non é máis que o intento e a necesidade, pero tamén a tristeza: “De súpeto, a tristeza:/ a túa flor onte pensada/e hoxe neve”, un episodio de tránsito para chegar á derradeira etapa, a ese ‘Tapiz de cinsa’, onde a memoria aparece como o gran vertebrado da nosa existencia, unha existencia onde comezan a ser moitas as tormentas e a angustia o empeza a encher todo. É o tempo dos espellos, das engurras “E a exfoliación. E o frío”.
Toda unha viaxe pola vida feita poesía. Poucas compañeiras pode haber máis sinceras que as palabras da poesía, o sentimento do vivido expresado coa contundencia dunhas palabras que se van facendo area no interior do verso, desfacéndose entre as nosas mans como antes se desfixeron nas do poeta. Area dun reloxo que pouco a pouco se consume nunha secuencia imparable, peaxe da propia vida, pero tamén berce do que aquí queda escrito. E non é pouco xa que esta escolma de poemas que edita Faktoría K de libros dentro da nova colección de poesía ‘Tambo’ que acomete Kalandraka da man de Luís Rei, asoma como un dos poemarios máis intensos e arrebatadores que un se botou á cara en moito tempo. Non é sinxelo converter unha vida en poesía, facer lume cos troncos e as pólas que foron compoñendo o noso existir, queimar tanto para recibir tan pouco. Ben certo é que estamos ante un proceso de purificación persoal, unha expiación da alma que non todo ser humano está disposto a afrontar. É o tempo de arrastrar as cadeas, das lembranzas, benditas as boas, teimudas as malas, pero sobre todo das preguntas, moitas delas sen respostas : “Que sabes dos que poxan á gloria,/ das infinitas nadas,/ do primeiro da clase,/ dos ángulos da brasa,/ da estulticia dos blues/ que asasinaron a Mozart?
Manuel Álvarez Torneiro amósase mercede a esta viaxe como un dos nosos meirandes poetas, o construtor dunha obra chea de fondura e coherente dende o primeiro poema ata o derradeiro verso. Refrendada xa con diferentes galardóns, non hai dúbida de que o maior recoñecemento para o poeta é ver todas estas palabras xuntas, falando da beleza, pero tamén da tristeza. En definitiva, falando da vida, falando de nós mesmos.

Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 20/05/2012

Ningún comentario:

Publicar un comentario