«Vou de Lisboa a San Bento, Trago o teu mundo por dentro, No lenço que
tu me deste. Vou do Algarve ao Nordeste, Trago o teu beijo Bordado, Sou um
Comboio de Fado Levo um Amor encantado, Sou um Comboio de gente...
Se for morrer a Coimbra, Traz-me da Luz a penumbra, Do amor que nunca
se fez, Corre-me o sangue de Inês, Mostra-me um sonho acordado, Somos un Povo
alado, Um povo que vive no Fado. A alma de ser diferente».
(‘Fado Alado’. Letra e música Pedro Abrunhosa)
Cando escoiten hoxe ao serán no Teatro Principal a Ana Moura cantar a letra deste ‘Fado alado’ pechen os ollos e sentirán como as ás do fado os levarán ao longo dunha inesquecible viaxe por Portugal. Por unha terra máxica á que moitas veces aínda lle damos a espalda cando toda ela é un tesouro de sensacións e sentimentos que temos ao pé da casa. Moitas desas sensacións e deses sentimentos abrollan nas músicas que esta cantante é quen de amosar nos seus concertos e que a levan polo mundo enteiro para facer do fado unha bandeira de orgullo que ondear onde queira que vaia.
É abriante ollar o listado das cidades que percorreu a un lado e ao outro do Atlántico tras a publicación do seu exitoso ‘Desfado’. Dende ese océano, que un día dividiu o mundo e que tiña en Lisboa un dos seus centros xeográficos, Ana Moura afunde o seu xeito de cantar na tradición do seu país pero sabendo no tempo no que vive, convertendo os seus fados nunha expresión contemporánea desas fondas raíces que a suxeitan de xeito firme á súa terra. Toda unha aposta que a dignifica como cantante e como portuguesa, xa que polas súas virtudes podería cantar o que lle petase, facelo ben e vender moitos discos. Pero o fado síntese moi adentro e supoño que cando un canta unha música tan apaixoada e intensa coma esta non se pode resistir a ela, quedando xa presa dela para sempre.
Portugal descobriuna fai uns anos e agora é o mundo o que se ve engaiolado pola súa voz de veludo baixo a cal se atopan unhas letras cheas de poesía. Músicas que reconfortan a alma e beliscan a imaxinación para levarnos a esa xeografía territorial e humana que tan mal está a tratar unha Europa empeñada en esquecerse das persoas, ollando soamente as economías, normalmente as máis perversas. Ese afastamento da persoa é co que nos reconcilia Ana Moura, as súas cancións están cheas de humanidade convertendose nun mapa do noso corazón. Unha loita contra o desasosego, un axuste de contas pessoano que loita contra ese naufraxio da moralidade. Naufraxios e Pessoa, fitos cravados na alma portuguesa, historias de mar e de terra, de natureza e de cidade, dunhas cidades como Lisboa ou Porto nas que se agocha aínda esa mestura que tan ben pervive no país veciño do que foi onte e do que é hoxe. A Lisboa que viu cantar a descoñecida Ana Moura nos seus cafés. «¡Oh ameno Tajo ancestral e mudo, pequena verdade na que o ceo se reflicte! ¡Oh amargura revisitada, Lisboa de antaño e de hoxe! Nada me dáis, nada me quitáis, nada que eu me sinta sodes», escribiu dela Álvaro de Campos. «Lisboa é um grande silêncio que rumoreja, nada mais», apunta José Saramago no ‘O ano da morte de Ricardo Reis’, e o propio Fernando Pessoa é quen di: «Non hai para min flores como, baixo o sol, o colorido variadísimo de Lisboa».
Autores, heterónimos, frases... pero sobre todo evocacións dunha cidade na que tamén xurdiu este fado de tez morena e ollos de améndoa. Alí, na súa ribeira, escoitando as voces de ultramar, entre os laios das viuvas e as copas de viño, coa luz morna e os sons das guitarras, as saudades enchen o aire para viaxar alén da raia e chegar a Pontevedra. Todo un luxo en forma de muller, en forma de voz imperdible coa que poder gozar non so dun concerto, senón de todo o maxín dun país que non o está a pasar nada ben, pero ao que este tipo de creadores dalle o pulo necesario para cando volte o sorriso do pobo. A alma de ser diferente.
Vostedes fagan a proba de pechar os ollos en canto escoiten ese ‘Fado alado’ ou calquera outra canción. Despois de todo, a mellor maneira de viaxar é sentir.
Publicado en Diario de Pontevedra 25/01/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario