martes, 28 de enero de 2014

Voces de raposo



Todo terreo das nosas letras, agora Manuel Rivas convértese en Manuel O’Rivas para amosar a súa capacidade para a fabulación, para argallar unha historia para nenos na que abrollan moitas das singularidades do seu bo facer como escritor, así como da ligazón da narración oral coa propia terra. ‘O raposo e a mestra’ é como unha desas voces baixas do seu derradeiro libro. Un suspiro literario que ven do máis fondo do interior do autor para abrirse aos cativos acolléndoos no seo da literatura.
Foi emocionante ver no derradeiro Culturgal ao propio autor botar por terra esa idea do escritor estrela, daquel que aborrece o contacto coa multitude e que busca afastarse o máis pronto posible do foco mediático. Manuel Rivas rodeouse dunha chea de rapaces para botar un bo rato entre eles contándolles este relato cheo de músicas e sons, de diferentes línguas e facelo todo cunha implicación que aínda eleva máis a súa figura. Naquela tarde Manuel Rivas foi Manuel O’Rivas e contounos a historia dun raposo moi singular, dun raposo chamado Pindo, fillo dun lobo e unha raposa, que ten o poder de hipnotizar a quen olle en fite cos seus ollos de linterna, pero tamén cun don de línguas que o leva a saber as falas de todos os animais e as persoas. Baixo ese Pindo agóchase a cerna da nosa terra, a visualización da natureza nun dos seus animais con fama de ser máis astutos, e este Pindo abofé que o é. Cos seus poderes este raposo xoguetón, que adoita asustar aos outros animais ao berro de “touporroutou”, era moi famoso na súa bisbarra e ata tiña relación cos humanos por medio dun mariñeiro que o ía poñendo ao tanto das novas que acontecían no pobo. A máis sobranceira dos últimos tempos foi a chegada dunha mestra que poseía un fermoso galiñeiro. Pindo, con so oír a palabra galiñas, xa non puido resistir máis tempo sen coñecer ese lugar e ata alí foi para facer uso dos seus poderes hipnóticos coas aves e ata cun fero can vixiante. A mestra tiña que facer algo para deter a ese animal que ameazaba o seu galiñeiro e así é como entre ambos xurde unha curiosa relación.
Pindo, tras este episodio, agranda a súa sona e ata os rapaces cando baixan a escola van cantando unha cantiga sobre el, que fan que as palabras de Manuel Rivas, xunto coas viñetas de Jacobo Fernández, compoñan unha narración de tipo lexendario. Un cantar sobre a natureza e a súa relación co home, tantas veces perversa, e que aquí amosa o seu lado máis afábel incidindo na necesidade de facer aos cativos partícipes dese vencello que deberían manter sempre coa terra. Dela veñen e nela se moveran. Parte das nosas preocupacións como adultos terían que ser as de transmitir esa necesidade de entender a súa importancia para nós e tamén para eles. Manuel Rivas propón unha ferramenta para facerlles chegar esa inquedanza, unha ferramenta con forma de raposo ao que a pouco que o miremos aos ollos xa nos enfeitizará, como nos enfeitizó o propio autor naquela tarde de contos entre rapaces.



Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 26/01/2014
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo

No hay comentarios:

Publicar un comentario