martes, 6 de octubre de 2015

Bretón/Granell. Unha onírica amizade

Remataba setembro de 1966 cando falecía o pai do Surrealismo, André Bretón. O seu Manifesto puxo patas arriba a unha arte que estaba en plena efervescencia nas décadas iniciais do século XX. Nesa efervescencia colouse unha amizade cun artista galego: Eugenio Fernández Granell.



O ollo existe en estado salvaxe”. Esta frase é o comezo do libro de André Bretón ‘O Surrealismo e a pintura’ (1928) e semella adiantar o que sería un encontro en territorio salvaxe, entre o gran tótem ideolóxico dese istmo pictórico e Eugenio Fernández Granell. En maio de 1941 o pintor nado en A Coruña en 1912 levaba pouco máis dun ano exiliado na República Dominicana, en pleno Caribe, entre altas temperaturas, palmeiras arroladas pola brisa e unha sociedade aínda moi ligada ao mundo primitivo e exótico que outros pintores, coma Gauguin, converteran en motivo da súa arte, ampliando así uns horizontes encorsetados no emerxente mundo urbano. Non foron poucos os artistas galegos que despois do inicio da Guerra Civil partiron cara o exilio e fixeron daquelas latitudes obxecto das súas pezas. Castelao pintou os sons cubanos e o cangués Ángel Botello reflectiu coas súas cores as xentes e paisaxes de Puerto Rico, só por citar dous casos paradigmáticos.
A II Guerra Mundial puxera a Europa ante un cantil e París, o berce do Surrealismo e a chave coa que abrir tantas realidades artísticas no século XX non atopaba respostas á súa propia situación. A comunidade de artistas alí asentada fuxía hacia diferentes escenarios dende os que poder seguir creando, dende os que seguir sendo libres. París cedeu o foco a Nova York, e ata alí chegaron en pequenas doses os grandes nomes da arte do momento. Un deles, André Bretón, embarcou rumbo aos Estados Unidos facendo unha parada na dominicana Ciudad Trujillo na que Granell aproveita para entrevistalo para o diario ‘La Nación’, nese citado mes de maio de 1941. Toda unha páxina na que se falaba da situación en que quedaban os artistas en París, as posibilidades da cultura en Francia e o Surrealismo como corrente estética e de acción. Ademais da entrevista o encontrou xuntou xa de maneira definitiva a existencia destes dous creadores que, ata a morte de Bretón, mantiveron permanente correspondencia.
E son só foron cartas as que intercambiaron dende as dúas orelas atlánticas (Bretón regresa a París en 1946 unha vez rematada a Guerra Mundial) senón tamén disquisicións artísticas, comentarios sobre pintores e exposicións, e tamén obras, obras de arte que amosaban o interese do pai do Surrealismo polo traballo de Granell. Todo un conxunto de materiais que se exhibiu en 2009 no recentemente aberto Sexto Edificio do Museo de Pontevedra grazas á compilación, análise e estudo realizado pola madrileña Galería Guillermo de Osma, nunha mostra inesquecible polo que nela atopamos, e que non era máis que esa estreita amizade reflectida e sintetizada na presenza, na ampla e espectacular colección de arte de André Bretón, de cincuenta obras de Granell, un dos creadores mellor representados nela. Xunto á mostra, e de imprescindible consulta para calibrar o resultado desa relación, editouse un catálogo cheo de datos, reproduccións das cartas entre eles, textos alusivos ás súas persoas en diferentes publicacións e como non, as obras que centraban a exposición e que tras un duro traballo reuníronse para honrar a unha vella amizade.
E é que o Surrealimo é inagotable no seu achegamento ao público, non deixando de producir, aínda hoxe, obras que nos abren o seu singular universo entre o descabellado, o automático e o fascinante, e así paga a pena citar a reedición neste mesmo ano do ‘Diccionario do Surrealismo’ que a Editorial Siruela publica recollendo as definicións cos Arp, Aragon, Dalí, Duchamp, Paul Éluard, Ernst, Prévert, Tzara o el propio, André Bretón, entre outros moitos, deron a unha chea de cuestións, moitas delas dirixidas aos seus experimentos e ás súas obras de arte.

André Bretón junto a Eugenio Fernández Granell
Moitas destas definicións pódense inxerir no devir da relación entre André Bretón e Eugenio Fernández Granell para descifrar qué había na obra daquel exiliado galego que levantara tanto interese e que lle fixo ser chamado por Bretón para participar en 1947 nunha das grandes exposicións do Surrealismo en París, artellada por Bretón e Duchamp, posicionando a Granell na elite da plástica daquel momento e abandeirando a súa posición como pintor surrealista. Aquelas pezas de Granell, mestizos encontros entre a palabra e a forma, integran diferentes elementos xurdidos dos escenarios do seu exilio: República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico o Nueva York. Estacións de paso dende as que medrou a súa obra, alimentándoa de formas, de elementos extraídos da natureza, pero tamén de artefactos produto da mente humana, máquinas ou inxenios aos que é imposible poñer nome pero nos que o debuxo convértese en fiel comunicador ademais de amosar a súa destreza con esa técnica.
A alegría de coñecer a André foi o acontecemento moral e intelectual máis extraordinario da miña vida, e nada me produce máis fonda satisfacción que a amizade qeu tivo a bondade de dispensarme”. Con estas palabras daba Eugenio Fernández Granell o pésame a Elisa, a viúva de André Bretón, tras coñecer, de xeito sorprendente, o falecemento do seu amigo, lembrando, unhas liñas máis abaixo, o “vivo” recordo daquel encontro en Santo Domingo. Alí, os dous homes de chaqueta branca miráronse en fite. A nós quédannos os seus perfís e unha imaxe que reflicte a dous dos grandes talentos artísticos do século XX unidos por unha onírica amizade.


Publicado no suplemento cultural 'Táboa redonda'. El Progreso e Diario de Pontevedra 4/10/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario