martes, 12 de enero de 2016

Heroes do noso tempo

Antón Riveiro Coello amosa libro tras libro como a súa é unha das traxectorias literarias máis interesantes da nosa escrita. ‘Os elefantes de Sokurov’ propón un achegamento ao tempo da crise a través duns personaxes resistentes dende o eu máis íntimo



HAI LIBROS que quedan prendidos polos alfinetes do recordo para formar parte de cada un dos nosos anos coma lectores. O recén retamado 2015 lembrarase por dúas excelentes novelas que falan do bo estado da nosa narrativa e que chegaron cando ese ano tocaba ao seu fin. ‘O último día de Terranova’ de Manuel Rivas e ‘Os elefantes de Sokurov’, de Antón Riveiro Coello, son esas dúas novelas senlleiras no noso devir narrativo, ao tempo que nos amosan a dous autores en plena madureza creativa.
Hoxe toca subir ao lombo deses elefantes que nos propón Antón Riveiro Coello, que ven, coas súas últimas novelas, amosando unha afouteza na súa proposta digna de louvanza. ‘As rulas de Bakunin’ (2000) ou ‘Laura no deserto’ (2011), con seis e cinco edicións cada unha delas falan dunha literatura de calidade que chega ao público para coñecer as historias que o escritor nado en Xinzo da Lima é quen de propoñer en cada novo libro. ‘Os elefantes de Sokúrov’, mantén, e se acaso eleva, esas intencións cun libro que se mergulla na nosa realidade, no que acontece e aconteceu neste país, asoballado pola crise, e no que as historias persoais remataban desafiuzadas polo peso das grandes cifras económicas. Un relato, polo tanto, protagonizado por heroes do noso tempo, xente anónima dentro do colectivo, pero que cando se pon a lupa sobre eles agochan escenas de solidaridade e loita por resistir, por suxeitarse a uns sentimentos que precisan como resposta ante o antisentimentalismo que flaxela a esta sociedade actual chea de puntos escuros.
Nesta novela, aínda que hai eses puntos escuros, agroman como pequenas estreliñas as vidas de persoas que nos fan albiscar esperanzas. Nos que vemos, coas súas condutas, como aínda hai marxe para a redención e no que se amosa, como precisamente son as persoas, nas que debemos confiar.
E nesa contorna da confianza e onde asoma Janis, a protagonista, unha rapaza nova, desa xeración peneirada pola crise da que nos dixeron que non teríamos moito que esperar pero que se rebela como unha muller comprometida, segura do que quere na súa vida, e que contaxia aos demais esa sensación. Unha muller que ten na cultura, no desenvolvemento da súa profesión ou no feito da creación artística, un compás que lle permite manterse viva. E é que en toda a novela ese agarimo polo que supón a cultura, dende as súas máis diversas facianas: a pintura, o cine, a música, a escrita... mantense como unha rede de suxeición, o derradeiro oasis neste deserto que tivemos que atravesar ao longo destes últimos anos.
E nunha novela destas características outros elementos engádenselle para conferirlle esa notoriedade de gran obra, sendo un deles o escenario, a cidade de Compostela plantexada dun xeito tan límpido como poucas veces se ten rexistrado nunha novela, tanto que a un danlle gañas de, unha vez rematada a lectura, botarse a percorrer de novo eses espazos, esas rúas, esas cafetarías, todos eses recunchos de pedras húmidas nos que a novela latexa vida, e tamén ese barrio do Pombal, tan descoñecido, e con tantas historias tras el, e que no texto revélase como un escenario que a escrita desbotou de xeito demasiado lixeiro.
E todo iso inxerido nun contexto máis global, o desa crise de falta de empregos, a dos desafiuzamentos, do acoso aos maiores, unha sociedade onde se evita a metáfora, na que todo está ausente de imaxinación, cando a ela é á que todos nos debemos. E esta novela está chea desas metáforas presentadas dun xeito audaz, cunha estrutura que nos sorprende e que estoupa en diferentes voces para ver a vida cos ollos de moitas persoas e non dunha soa. Ollos que miran a unha realidade convertida en novela a través da memoria, da infancia, da felicidade coas súas afoutas patas de elefante, aínda que moitas veces as nosas miserias son quen de derrubar a eses elefantes.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 10/01/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada