«Non hai memoria tan precisa, tan vivida e
evocadora como a que se recupera a través do olfacto, e vai tan unida ás
sensacións que se experimentaron xunto ao olor»
[Dolores Redondo, escritora autora da
Triloxía do Baztán]
Non lles parece fermosa esta palabra?
Recendo, un olor agradable que se incrusta no noso interior, tanto, que en
moitas ocasións non é algo pasaxeiro, senón que chega a formar parte da nosa
memoria ou dos nosos recordos. Cando escoito falar da Feira do Cocido de Lalín,
entre as moitas lembranzas dunha vida vencellada á aldea do meu pai, o recendo
do cocido ou o olor que xurdía da pota de caldo na lareira da casa dos meus
avós, son algúns deses aromas que suxeitan o realmente importante de cada un de
nós, aquilo que nos chanta na terra e nos explica como comunidade.
Non me gustaba esa feira das vaidades
que se facía ata agora na capital do Deza.
Capas e famosos de pouca talla que fixeron dunha festa do pobo algo que só
pretendía o chanzo mediático, a pasarela de estrelas coas que se pretendía
alumear unha vila que non precisa desas distracións sobre as súas posibilidades
para xerar a atención que se procura arredor dese produto estrela da nosa
gastronomía. A nova faciana que se lle busca dar vai nesa dirección, na de
achegarse á raíz, de que sexan os veciños, os restauradores ou os visitantes os
que se leven a atención mediática, que son en realidade os que a merecen. Eles
traballan, cultivan e crían durante un longo ano de silencio e esforzo todos
eses ingredientes que fan do cocido unha obra mestra que se mergulla nos nosos
padais para lembrarnos o que somos, algo que non é sinxelo de explicar, porque
cada un de nós temos a nosa experiencia coa terra e a gastronomía. Sabores que
se agochan nunha especie de conxelador do pasado que, nun certo momento, cando
te levas á boca un produto que xa ía tempo que non comías, abres para
trasladarte ata moitos anos antes. Cando todo sabía diferente, cando as persoas
que te acompañaban formaban parte dunha paisaxe hoxe xa baleira, cando aquela
mesa, arredor dunha cociña quente, era o principio e final dunha vida da que
apenas sabías nada, pero na que eras inmensamente feliz mentras ulías ese
recendo que pouco tiña que ver co que desprendía un mesmo cocido feito na
cidade na que vivías ao longo do ano, sen aquel lume, sen aquela auga, sen
aqueles produtos.
É o pouso da aldea, o estar preto dun
río cheo de troitas, dun muiño máxico que botaba a fariña ao chan ou dun
carballo baixo cuxa sombra as horas non tiñan importancia. Un tempo que xa
pasou pero que aínda podemos recuperar inscrito nun prato de cocido. Unha
xeografía dos sentidos convertido nun territorio da memoria.
Este ano van ter moita sorte en Lalín de
que lles fale Manuel Jabois, o noso
compañeiro (sempre o será) que dende Madrid
chegará para converter o pregón no que en realidade debe ser, máis aló dunha
foto con algún personaxe máis famoso, senón unha achega con fundamento do que
se fala, con experiencia sobre o que se vai dicir e coa necesaria dose de humor
para abrir un tempo de festa e ledicia. Un novo pregoeiro para un novo
alborexar. Fai uns poucos días chegou a Pontevedra un autobús publicitario desa
Festa do Cocido, unha nova perspectiva do que teñen entre mans os de Lalín e
que agora se promociona dun xeito moito máis efectivo, e probabelmente máis
económico que outras temeridades feitas ata o de agora. Nese autobús
agasallábase aos veciños da capital da provincia cunha cunquiña dese feitizo
máxico.
Esa viaxe do autobus fíxena moitas
veces. Cando voltaba da aldea a noite adoitaba ser pecha e chegaba durmindo no
coche, cando me espertaban, sen saber moi ben onde estaba, outro recendo, este
moi diferente, golpeábache afirmando que xa estabas en Pontevedra, era o cheiro
dunha Celulosas que te espertaba de
calquera soño e te levaba a vivir un pesadelo do que semella nunca nos
afastaremos. Condeados a esmagar outra paisaxe coa demagoxia duns empregos que
serían moitísimos máis de poder explotar sectores como o turístico ou o
marisqueiro nun entorno recuperado e cos postos de traballo da fábrica a salvo
noutra ubicación, que ninguén ata o de agora se preocupou de estudar seriamente
polo ben de todos. Unha herdanza miserábel feita a traizón polos cómplices dos
consellos de administración e as portas xiratorias. Eu quédome con aquel
recendo, o do cocido da miña aldea, dunha aldea de Lalín.
Publicado no Diario de Pontevedra 30/01/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario