O Museo de Pontevedra, institución
que garda entre os seus fondos unha das coleccións fotográficas máis
importantes da comunidade galega, acolle ata o 7 de febreiro unha mostra de 150
fotografías de Virxilio Vieitez como parte do seu labor na difusión dos
testemuños históricos, culturais e artísticos da súa contorna
Poucas percepcións tan atinadas da
realidade dun tempo concreto como ante as que nos convoca a cámara de Virxilo
Vieitez (Forcarei, 1930- 2008). Todo un retrato dunha época, a través do
territorio e dos seus ocupantes, a xente de Terra de Montes á que o fotógrafo
adicou toda a súa vida para convertelos en testemuñas do seu tempo, tornando a
toda esa xente descoñecida e anónima en protagonistas dunha representación que
xa se transformou en atemporal. O rexistro dun tempo.
Atopámonos ante un claro exemplo da
fotografía como documento que muda do social ao artístico, mercede a un xeito
de retratar único, cheo de vigor, ante o que non deixaría de ser un feito
cotiá, como unha simple fotografía para o arquivo familiar, pero a
singularidade de Virxilio Vieitez e a súa habilidade por encadrar ou pola
captación da esencia de cada un dos seus fotografados, permite outorgarlle esa
trascendencia ao seu traballo. Acádase así o que se podería definir como unha
viaxe do álbum familiar á parede do centro. Percorrer todo o espazo expositivo
da súa planta baixa que o Museo de Pontevedra lle concedeu a esta importante
mostra, é facer un itinerario por aquela vila do rural pontevedrés, unha coma
tantas outras, na que os seus veciños desenvolven a súa vida entre a
cotidianeidade do día a día e o feito que supón algún tipo de celebración, como
único motivo de rachar esa rutina. O traballo diario, a visita a perruquería, os
enterros, a visita ao bar, a presenza na rúa... todo iso mestúrase coa
celebración: o día de voda, a estrea dun novo vestido, a presenza dun vehículo
lustroso no pobo... Así ían sucedéndose os días e pasando as vidas que
precisaban, para acadar o seu valor diferencial, a inmortalización do
fotógrafo, a fotografía como o paradigma dunha presunta fama, a conxelación dun
intre a conservar dentro do seno familiar para transmitirse ás xeracións
futuras.
Nunhas das salas atopámonos toda unha
galería de rostros nos que Virxilio Vieitez amó- sase coma un fotógrafo xenial,
consciente de que detrás do ‘disparo’ da súa cámara agóchase unha esculca
psicolóxica do representado, unha maneira de mirar que a fotografía
contemporánea empregou como discurso e como concepto, aí temos o caso
salientable de Pierre Gonnord, pero que xa albiscamos no traballo do de
Forcarei moitas décadas antes. Retratos empregados para formar parte do
documento nacional de identidade, que comezaba a empregarse naquelas décadas
centrais do século pasado, de aí que houbera que fotografar tantos primeiros
planos; pero tamén, da man doutro tipo de retratos de conxunto, familiares,
para diferentes documentacións e, como non, para envialos alén do Atlántico, a
unha emigración que respiraba, en moitos casos, galeguidade e morriña a través
das imaxes que os familiares lles facían chegar dende os seus lugares de orixe.
Forcarei, Soutelo de Montes, Cerdedo...
a Terra de Montes, en definitiva, convértese no pano de fondo dunhas imaxes que
documentan toda unha mirada a unha sociedade e os seus costumes. Nelas
respírase un tempo de atraso, todavía mergullado nas miserias xurdidas da
Guerra Civil, pero tamén unha inocencia que lles outorgaba un sentido de
sosego, felicidade e asunción da vida que lles tocou vivir. Os obxectos, as
indumentarias, os peiteados ou as propias rúas son o mellor retrato dun tempo
no que Virxilio Vieitez desenvolveu o seu labor, conformando un indispensábel
patrimonio documental que a Fundación Telefónica, dentro do seu programa de
recuperación de arquivos fotográficos —Marín ou Arissa son nomes doutros
fotógrafos revisados dende esa fundación—, puxo en valor para que agora nos
podamos asomar a el e descubrir o retrato dun tempo da man de Virxilio Vieitez.
Tan importante é o feito, como que ese
material chegue ata nós. O empeño da súa filla Keta Vieitez sorteou o incerto
devir de tantos arquivos fotográficos que moitas veces esmoreceron entre o
esquecemento e a ausencia dunha conciencia do que supuña ese material. Keta
tiña moi claro o que manexaba, sabía do maxín do seu pai e así acadou o apoio
da Fundación Telefónica ante unha empresa ciclópea, como foi revisar ese
inxente material de décadas e décadas de rolos de películas nun tesouro
patrimonial dunha enorme importancia para o noso coñecemento cultural e
antropolóxico. Os datos que se manexan ante a exposición deixan constancia da
súa magnitude: revisáronse case trinta anos de fotografías, manexáronse máis de
50.000 fotografías e recuperouse material inédito. E de todo iso agora amósanse
150 imáxenes que resumen toda unha vida en branco e negro, aínda que nos seus
derradeiros anos de fotó- grafo Virxilio Vieitez tamén fixo imáxenes en cor,
como queda constancia nun apuntamento final da mostra.
"Eu estudaba a papeleta e, cando
apertaba o disparador, iso era o tiro seguro", con esa confianza movíase
Virxilio Vieitez ante a súa obra, sabía perfectamente o que quería en cada unha
das imaxes, e así llo transmitía aos seus clientes. A meirande parte das súas
obras eran feitas por encarga, pero el adueñábase da fotografía,
aproveitándose desas poses confiadas para artellar unha mirada reveladora do
representado, que abofé nin el mesmo pensaba que podía chegar a verse retratado
dunha maneira tan sincera.
Mirar a un tempo e a un espazo,
eminentemente rural, é a escolla de Virxilio Vieitez, o que vén completar a
mirada urbana doutros fotógrafos dun mesmo tempo, como pode ser a do
pontevedrés Rafa Vázquez ao que o propio Museo de Pontevedra adicou unha
exposición en 2011, tras unha recuperación de moito material descoñecido. Son,
polo tanto, as dúas miradas a esta Galicia bipolar, de vilas e pobos, que
conviviron coa fotografía nun tempo de escaseza de medios tecnolóxicos e que só
a fotografía permitía captar esas presenzas. É curioso ver como ambos sempre se
decantaban polo ser humano como eixo das súas fotografías, impoñéndose ao
espazo e incluso a actos sociais, o realmente importante sempre é a esculca
desas miradas, a conxelación dun espírito co tempo configurou como memoria de
todos nós. Un poderoso rexistro humanizado daquilo que aconteceu antes de nós.
A exposición, de xeito intelixente, ábrese a outras percepcións, completando a
propia mostra cunha serie de actividades que ofrecerán novas achegas ao
traballo de Virxilio Vieitez. Así, ao longo do mes de xaneiro, diferentes nomes
—como os de Ramón Villares, Manuel Sendón, Suso de Toro ou Miguel Vidal—
falarán da obra e do tempo de Virxilio Vieitez.
Ambas, obra e tempo, están presentes
nesa chea de imaxes, reduto dun xeito de vida que xa pasou e no que ata o 7 de
febreiro podemos mergullarnos. Moitos recordarán o imaxinario, moitas veces
convertido en fabuloso, do mundo da aldea, os tempos nos que un como cativo
adentrábase nunha realidade diferente da vivida acotío no medio urbano. Imaxes
de roupas, facianas, obxectos, decoracións ou espazos que pemanecen acubillados
no noso interior e que, agora, grazas á forza da mirada de Virxilio Vieitez,
golpean o noso interior dun xeito case proustiano, sabedores, vendo o que vemos
hoxe, que esa realidade, na que moitos dos nosos devanceiros medraron e
viviron, xa é produto dun pasado a piques de clausurarse. Para que esa clausura
nunca sexa definitiva é para o que serve o traballo de Virxilio Vieitez, o
retrato dun tempo.
Publicado no suplemento Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. 3/01/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario