mércores, 3 de febreiro de 2016

A perversión do western


A estrea do último filme de Quentin Tarantino amosa a súa reflexión sobre o western, tinxido pola pegada de Sergio Leone e o western postclásico, pero tamén pola relectura do seu universo de perversións a partir dos códigos dun xénero singular na historia do cine.



TARANTINO en si mesmo xa se podería considerar como unha perversión do propio cinema. As súas películas amosan, como poucas, unha faciana arriscada deste espectáculo tinxido de feito cultural, argalladas dende a complicidade cun espectador fiel e que sabe o que se vai atopar na pantalla. Quentin Tarantino explora o cinematográfico dende os seus gustos polo cine de serie B, os cómic e o xénero pulp. As súas películas, con indiferencia do xénero ás que adscribilas, sempre exploran estes terreos, sendo esa a súa gran achega, mergullándose en insólitas aventuras con resultados moitas veces irregulares pero outras, cando eses elementos están ben engrasados, acadando cotas de xenialidade.
Nos seus últimos traballos Quentin Tarantino está a facer as súas probas no eido do western, escenario paradigmático da historia do cine e ao que todo director que se teña como tal debería enfrontarse. ‘Django desencadenado’ en 2012 e, nestes momentos nas carteleiras, ‘Los odiosos 8’, inclúen ao excéntrico director na historia do western. Xa por iso ten o seu valor, ao ser quen de seguir facendo camiño nun xénero con altibaixos dende a fin da época clásica de Hollywood, uns altibaixos que veñen dados máis pola ausencia de títulos que polos xa feitos, que normalmente se realizan cun nivel superior á media doutras películas, quizais por ese respecto e ata cariño que se lle ten como parte da historia dun país e tamén o xénero no que se acolle o senso mítico do propio cine e gran parte das súas esencias.
‘Los odiosos 8’ arrinca dun xeito espectacular, puro western. Unha dilixencia, o peso da natureza e uns personaxes polos que enseguida te sintes atraído. Homes nos que o pasado aséntase no seu interior mentres cara afora a súa condición de cazarremcompensas define os seus movementos. A eses dous protagonistas engadiránselle outros personaxes aos que o clima vai pechar nunha cabana na que se desenvolverán os acontecementos durante o resto da película, que é moito, derivando o puro western cara espazos doutros xéneros, coma os do suspense ou o misterio, ante os crimes que alí acontecen.
A habilidade no narrativo e na dirección é abraiante, algo que non sorprende xa en Tarantino, pero si ao facer que ese periodo tan longo dentro de catro paredes non resulte aburrido, mantendo a tensión entre os personaxes que coas súas interaccións amosan moitas das situacións recurrentes no cine do director, como o racismo ou a violencia, territorios límite na nosa condición humana que tantas veces sobrepasamos e que Tarantino leva ata o extremo, ata ese exceso que converte en perverso o que acontece na pantalla. Xa o vimos con ‘Django desencadenado’, extraordinaria película por riba desta, e na que esa violencia arrepiaba ao espectador, ao ser consciente de que aquilo que semellaba excesivo, no debía estar moi lonxe da realidade.
Conten co baño de sangue habitual, coa exposición permanente aos cráneos reventados e as salpicaduras máis noxentas, coas que incluso se chega a xogar como se fosen elementos humorísticos dentro dunha narración na que o humor tamén está presente. Lembren en ‘Django desencadenado’ aquela secuencia marabillosa e xenial duns membros do Ku Kux Klan discutindo polo tamaño dos buratos dos seus capuchóns, pois nesta ocasión o humor tamén serve para ridiculizar diferentes situacións e para aliviar tensións dentro da propia narración do filme.
Déixanos Tarantino outra pegada singular do seu cine. Un xeito especial de filmar que fai del un dos directores máis agardados polo que é quen de artellar e de interesar ao público. ‘Los odiosos 8’ é un excelente exemplo dese tipo de cine, ao que se lle engade o valor do xénero por si mesmo, o intelixente xogo cuns códigos que lle veñen moi ben a Tarantino para encauzar o seu perverso universo.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 31/01/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario