sábado, 14 de maio de 2016

Agroglamour

“Quen ama ao cine ama á vida” (François Truffaut)
“Queridos veciños e organizadores, esto xa non ten outra solución, hai que moverlle o marco e seguir invadindo o mundo” (María Solar. CanZine 2012)



Mes de maio. Mes de Cans. Cando o cine recupera o seu vencello máis cercano co ser humano. Cando a alfombra vermella convértese en leira e a limusina vólvese chimpín. Ese milagre cultural, creativo, etnográfico, festivo, ideolóxico ou cinematográfico renóvase outra vez nesta edición, a número trece. Un número que na terra das meigas dalle un sentir especial a este vevento e ao cine que se amosa en galpóns, e que a xente vai a ver como a Santa Compaña, cruzando bosques e corredoiras, en definitiva, a festa de Cans xa está aquí para ledicia de todo un país.
Do 18 ao 21 de maio a parroquia porriñesa acolle esta nova edición dun festival que se promociona a través doutro deses milagres xurdidos da nosa idiosincrasia particular. Dunha maneira de ver as cousas más próximas dun xeito actual, pero que ten moi presente todo aquilo que nos foi conformando como sociedade, dotándoo dunha irreverencia coa que poder empatizar cos potenciais clientes e co que identificarse todos os que nos achegamos ao universo de Rei Zentolo. O deseño do cartaz, ideado por Pablo Rodríguez, un dos xenios desa firma, volve a poñer de manifesto a capacidade creativa desa marca pontevedresa da que todos deberiamos estar ben orgullosos do que son quen de facer.
Esta semana entérome de que marcharon de Pontevedra, de que a súa oficiña vermella fronte as margaridas de Amalia Álvarez pechou as súas portas. Mágoa, no barrio gustábanos saber que dalí xurdía boa parte do noso maxín como cidade, e de que, entre cigarro e cigarro que fumaban os seus traballadores na rúa, argallábase algo que nos ía a engaiolar a todos. Abofé que ese traslado a Vigo mellorará aspectos empresariais ou produtivos, pero xa non teño moi claro se iso redundará nun beneficio da saúde mental ou dese benestar tan necesario para que funcione a cabeciña, é que como en Pontevedra en ningún lado.
Esta especie de Bauhaus galega segue así a facer do deseño gráfico unha das nosas potencialidades, xa non só culturais ou artísticas, senón empresariais. Cans e Zentolos únense en harmonía cósmica, amosando como dúas potencias poden establecer alianzas estratéxicas que non fan máis que facer que ambos medren. Co punto de vista xa posto no Día das Letras Galegas non tería que ser raro que se valorase dalgunha maneira a Rei Zentolo de cara a algún tipo de recoñecemento. Poucos escritores levan por aí adiante a nosa lingua como o acadan os diferentes soportes empregados por Rei Zentolo para poñer esas mensaxes que un repite case coma un mantra unha e outra vez:Marcho que teño que marchar’, E logho ti... de quen vés sendo?’, ‘Polo pan baila o can’... Haikus da saudade que non se limitan a pousarse nunha camiseta ou nunha cunca, senón que voan arredor de nós compoñendo unha paisaxe do que somos e, que na maior parte dos casos, explícannos moito mellor cunha novela de duascentas ou trescentas páxinas.
Este cartaz engaiolante, argallado coma un amuleto xigante contra o maleficio, agocha unha nova edición que trae consigo esa maneira tan inxeniosa de achegarse ao cinema. De tentar buscar nel ese espazo de sinceridade e pureza co que naceu, pero ao que o seu carácter espectacular (recordemos que o cine é unha arte que precisa do sentido do espectáculo a través da súa exhibición nunha sala de cinema) foi ao longo dos anos pervertendo esa virxinidade acubillada naqueles trucos de Meliés, nas ilusións de ‘Vida en sombras’  de Llobet Gracia ou nas bágoas do Totó adulto deCinema Paradiso’, en definitiva, que ao Festival de Cannes sóbralle un n e un e para que o cine recupere aquel alento vital co que naceu e que agora quedou esmagado baixo os tacóns de agulla dos desfiles ao longo da Croisette.
Longametraxes, curtas, documentais, presentacións, concertos ou recoñecementos compoñen un programa que ven ao rescate do propio cinema e que fai que entre os repolos e os cortellos medre unha ilusión que tanto se bota en falla neste cine de hoxe ao que se nos quere sobrexpoñer dende os circuitos cinematográficos convencionais. Ver o mundo dende un chimpín ou contemplar un cine modesto nos seus orzamentos pero rico en canto as súas pretensións é unha maneira singular de facer un festival de cine que chama a antención precisamente polo seu envoltorio, que será o que, ao longo da vindeira semana, encherá minutos de radio e imáxenes de televisión. "Están tolos estes galegos!" dirán os que o vexan. Tolos sí, pero o ben que o pasamos non nolo quita ninguén. Cans e o agroglamour son toda unha escolla, unha aposta que segué en pé e seguirá moito tempo para reflectirnos dende esa pureza do cine, pero tamén dende a pureza dun pobo fincado na súa terra, nunha terra chea de inxenio e orgullo. Rei Zentolo e o Festival de Cans lévannos da man na procura desa confianza que tantas veces nos faltou.



Publicado no Diario de Pontevedra 14/05/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario