martes, 24 de maio de 2016

Cando o silencio se volve pintura

Manuel Moldes amosa a súa obra máis recente tras un tempo afastado dun exterior nada favorábel ao ser humano. Ese home recupérase agora na súa pintura como un berro ante a feracidade actual
 
Moldes escribindo nas paredes da súa exposición (Beatriz Císcar)

CATRO ANOS pechado no taller. Catro anos ante a pintura. Ulindo pintura, sentindo a pintura, tentando comprender o mundo dende a pintura. Misterio+Luz=Pintura. O sumatorio dende o que Manuel Moldesexplica o seu labor ten nesta cita, escrita como unha lumieira nas paredes do seu estudo, esa sensación de saír da escuridade, de atopar a luz a partir do pincel como vara máxica. Ergue así Manuel Moldes ese pincel co que balizar o camiño de hoxe, o do berro na sombra, o da dor dunha situación complexa que levou por diante a moita xente, o das labazadas que levaron outros. O pintor opta pola resistencia e así, día a día, mes a mes, pincelada a pincelada, foi artellando todo un exército que leva por bandeira a dignidade, a capacidade do home por, aínda que veñan moi mal dadas, resistir como único alento fronte a adversidade.
 Nas paredes da pontevedresa galería About-Art, que chegou ao rescate do pintor, atopámonos todo ese imaxinario de labazadas, berros e guerreiros, o froito dun tempo afastado do círculo expositivo, tan importante para un pintor, pero para el esa situación non era necesaria, a forza viña polo que acontecía fora e que precisaba do aillamento do taller para reinterpretalo, para a experimentación, para a análise, en definitiva, para o compromiso. Manuel Moldes ten ese compromiso como rede dende a que suxeitar as súas pezas, obras nas que nos últimos tempos a figuración ausentábase. Foron momentos nos que Moldes apostou pola abstracción, pola conquista doutros territorios, pero sempre no recordo mantéñense afoutas esas personaxes no sillón do seu estudo, as figuras totémicas de Galicia, mulleres, árbores, cuncas de viño, cinceis, ríos...e ao fondo, Pontevedra. A Pontevedra na que se resume a globalidade. O local como emblema do universal.
Retorna así á figuración humana a pintura de Manuel Moldes, que é como acudir ao rescate do que quedou varado na praia da desilusión deste tempo cruel que nos aturde ata o punto de desorientarnos. Dende esa figura o pintor pode plantexar o seu berro rebelde ante o mundo máis aló do taller, deste ‘Gabinete do pintor’, tal e como se chama a exposición, no que dubidar permanentemente do que un fai, plantexando novos vierios de expresión. Así é como Manuel Moldes non deixa de traballar con novos pigmentos, con materiais e texturas que se densifican, con reflexos e brillos que alentan a sensorialidade do feito pictórico. Todo iso inxerido na gran circunferencia da vida, un xirar permanente polo que nos movemos e cuxa figura xeométrica está presente en tódalas pezas. En ocasións círculos concéntricos que un debe superar como os aneis do inferno do poeta, como o camiñar por un territorio tantas veces alleo a nós mesmos e que aparece identificado tamén cunha simboloxía xeométrica que posiciona a figura no espazo.
Abrir a porta do taller é como soltar a unhas feras que levaban tempo agardando a ese intre, a oportunidade de trabar aos que lles obrigaron a existir nese proceso case de redención do propio artista. Estas son algunhas das conclusións que achou Manuel Moldes para enfrontarse á pintura, pero tamén a unha sociedade á que nunca renuncia este home cando se trata de crear. Cando, como xa fixera naqueles anos oitenta do Atlantismo, se comprometera co home para centralo na súa pintura, para rodealo con toda unha escenografía que estaba ao seu servizo, cando agora, todo semella que somos nós os que estamos ao servizo do que nos rodea.
Ese vencello coa contorna retómao agora Manuel Moldes, quizais como a derradeira porta aberta á esperanza, nun tentar reconquistar terreos xa ermos que moitos se encargaron de esnaquizar. O silencio compuxo estas pinturas para agora ser balbordo. Un balbordo dende a creatividade inagotábel de ManuelMoldes, un home que fixo do seu gabinete un bunker no que de novo triunfou a pintura.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 8/05/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario