lunes, 30 de mayo de 2016

Máis alá do andel

Rue Saint-Antoine nº 170
Tentar facer das librarías un espazo vivo, afastado daquela antiga sensación de que estes lugares se convertían nun almacén de libros e po, está detrás do bo facer da Libraría Paz que vén promovendo unha serie de iniciativas para dinamizar o propio negocio de venda de libros dende os encontros, a música ou as artes plásticas

Exposición de Antón Sobral no escaparate da Libraría Paz (Nuria Bouzas)

Cada vez enténdese máis o ámbito da libraría como un lugar de encontro, un espazo vivo dende o que converter ao visitante dunha chea de actividades nun posible comprador, ou cando menos, en alguén cómplice dun espazo ao que estes tempos miserentos, en tantos frontes, foron compoñendo, e que tiveron, en non poucos casos, como vítimas ás librarías. O peche continuo destes establecementos en todo o país foi deixando un regueiro de mágoas e dores polo que ten de fracaso da sociedade o peche de cada un destes espazos adicados á venda de libros. Pero tamén ese cruzar o deserto da desesperanza deixou momentos de rebeldía ao complementar esa acto de venda coa implantación de diferentes actividades que ennobrecen o propio espazo e alentan nas librarías unha sensación de frescura e entrada de osíxeno que ao lector vénlle moi ben.
Un caso na nosa cidade é o da Libraría Paz, a cal ven desenvolvendo unha chea de actividades paralelas ao seu labor principal e que se artellan, nun primeiro lugar arredor do libro, con presentacións, encontros cos autores ou vermús entre libros e que logo van ampliando o seu círculo con músicos e artistas. Especialmente singular é a iniciativa que emprega unha parte do escaparate como galería de arte, un fragmento dese espazo tantas veces privilexiado no que se produce o primeiro contacto entre o espectador/lector e o negocio, e que agora permite ademais a contemplación de diferentes propostas artísticas.
Con xa catro exposicións xa podémonos facer unha idea do que se atopa tras este proxecto que conta coa supervisión do artista Antón Sobral. A partir da súa escolla, diferentes creadores amosan o seu traballo adaptándoo ás peculiaridades dese lugar, nunha aposta e case un desafío do autor consigo mesmo. O propio Antón Sobral iniciou esa xeira de exposicións cunha mostra que co seu título explicaba case dun fogonazo o que se agocha tras esta iniciativa: ‘O pequeno é fermoso’, titulou Antón Sobral, e é que o pequeno estará sempre tras este xeito de expoñer no que o artista ten que tamén afrontar un reto como é o de adaptar o seu discurso a un formato menor. E o artista acadou, como fai sempre, facernos sentir o mar, abríndonos esa mirada cara o horizonte ou os horizontes de mar e nubes que como poucos é quen de lograr. Tras Antón Sobral, Carmen Hermo, cos seus ‘Pequenos polizóns de árbores á deriva’ compuxo unha especie de costa á que chegan os restos dos naufraxios como se se abrira unha edición de ‘Robinson Crusoe’ e ata eses andeis fosen a dar todas estas pequenas xoias. A terceira, Carmen Llonín, outro exemplo de delicadeza, pequenos aloumiños á natureza convertida en fotografías de pequeno formato pero capaces de agochar enormes sensacións. Actualmente temos á nosa disposición a mostra de Sergio Cobos,  coas súas arquitecturas luminosas, detalles de ventás ou fiestras que se atopan na nosa cidade e que aquí parecen voar para colocarse unha tras outra ante nós. Outro exercicio de tenrura artística que nese ambiente semella concederlle as tres dimensións a fragmentos de relatos que neses libros fan das fiestras as súas protagonistas.
Neste mes de xuño está prevista a inauguración da mostra da creadora Soledad Pite o que vén a reafirmar o acertado da escolla dos creadores para adaptarse a un espazo tan singular, xa que Soledad Pite ten amosado como a súa obra está dotada dunha fonda sensibilidade e capacidade para ler os ecosistemas nos que se acolle o seu traballo, e abofé que nunha libraría terá infinidade de posibilidades para sementar a súa imaxinación nunhas pezas que sigan tecendo este fío que entre libros, entre andel e andel foise enleando dende a Libraría Paz.
Unha lea que tamén se tece dende iniciativas como os vermús literarios que nas mañás dos sábados ofrecen a posibilidade de escoitar a autores conversar con xornalistas sobre a súa obra, estando aínda recente o último deles, entre Manuel Jabois e Belén López, un complemento as presentacións de libros e de cómics, dos que esta librería é un dos mellores expoñentes e ao que adica unha gran atención.
Pero fáltanos tamén a música, que por suposto ten cabida nestes novos tempos da Libraría Paz,  e así é como dende hai uns meses un ciclo nomeado como ‘Músicas en Paz’ acolle recitais na propia libraría de creadores artistas como Alba María, Uxía e Narf e Davide Salvado. O próximo concerto, terá lugar o vindeiro día 8 de xuño e estará protagonizado por Sonia Lebedynski compoñendo así unha nova realidade, a dunha libraría que vai máis alá do andel transformando un espazo en moito espazos, e compoñendo unha faciana diversa da nosa cultura. Unha aposta polo que ten de entender que esas formas de negocio monolíticas, adicadas únicamente a vender libros sen máis, xa non son deste tempo no que se precisa as accións dende diversos eidos da cultura para termos un lugar no que suxeitarnos e entender certos procesos que, como o da cultura, non camiñan por un só vieiro.
Cando nos achegamos a ese escaparate e ollamos as novidades do mundo editorial e vemos unha pequena exposición, estamos asistindo a unha fiestra aberta á cultura, a integración de discursos, pero sobre todo ao descubrimento da libraría como espazo vivo e vivido, como lugar no que ten cabida moito máis daquilo ao que estabamos acostumados durante tanto tempo. Un xeito, tamén, de sortear a unha crise que se cobrou demasiadas vítimas, pero ante as que feitos como éstes déixana sen capacidade de reacción.




Publicado no Diario de Pontevedra 30/05/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada