xoves, 22 de decembro de 2016

O puñal de Idea Vilariño

A edición da súa poesía completa pola editorial Lumen sitúanos fronte a unha poesía de aceiro cortante, de intensidade máxima, que sorprende dende o seu abismo permanente afundido no silencio no que estivo agochada como a súa propia autora, Idea Vilariño.



No seu nome xa se contén moito do que foi a muller e poeta Idea Vilariño (Montevideo, 1920-2009). Un nome posto polo seu pai, un poeta anarquista que aos seus catro irmáns nomeou respectivamente como Azul, Alma, Poema e Numen. A partir dese nome xorde a posición dunha muller fronte ao mundo, en rebeldía permanente, en alerta máxima fronte á dereita, pero tamén fronte a todo aquilo que signifique o acoso do ser humano. Esa conciencia agromou na súa paixón pola escrita, pola educación, pola tradución, tarefas que levou a cabo ao longo de toda a súa vida, sempre afastada dos expositores públicos, acomodada nunha soedade na que adoitaba refuxiarse, pero esa soedade saltou polos aires cando se atopou con Juan Carlos Onetti, dende ese instante a súa vida mudou por completo, o seu amor polo escritor mantívose ao longo de toda a súa vida e a el adicou algúns dos seus poemas máis intensos. E é que a poesía en Idea Vilariño o é todo e nada, todo porque nela atopou o refuxio fronte a si mesma, a ela suxeitouse para non esvarar de xeito definitivo da vida; pero tamén e nada polo que ten de poesía desnuda, afastada de metáforas e barroquizacións. Os seus versos sucédense como puñais década tras década. Na súa obra non se percibe evolución nin estilismos, simplemente palabras que se suceden, poemas que afían o seu fío na súa propia existencia, no desacougo, no desasosego, no desamor, pouco espazo hai para a esperanza. Un poema de 1937, apenas dezasete anos de vida, ou un poema de 1994, o ano da súa morte. En ambos o desamparo, a dor, a fugacidade á que estamos sometidos. A palabra como terapia, a palabra como arame no que sosterse coa forte carga da indefensión que se agocha baixo a nosa febleza humana. 
Toda a súa vida, toda a súa poesía podería balizarse dende catro puntos cardinais: a permanente sensación de angustia, a continua aflición da dor, a lousa da tristeza e o estar espido fronte ao mundo. Catro vértixes que nos rodean e nos que Idea Vilariño desenvolve esa poesía concisa, límpia, sen distraccións, indo directamente á mente e á alma. Poesía axitada dende a abstracción do externo, do que non lle poñemos cara, ata que asoma ese poemario baixo o nome de ‘Poemas de amor’, adicado a Juan Carlos Onetti. Xa temos o rostro que precisamos, o do gran escritor, o do home do que nunca se pudo afastar Idea Vilariño, pese as súas respectivas relacións matrimoniais, o seu fío non se rachou ata que ambos morreron, e sempre tiraron del, dunha ou doutra forma, con encontros, con ausencias, con poemas arroxados e dirixidos como para facer diana. «Morreremos sen aprender a falarnos», lle dixo Idea Vilariño a Onetti cando este sae do cárcere no que ingresou por órden da Ditadura Militar. Ese poemario desgarrador sitúanos ante a muller que «mira sin ver», «sorda a dor»... un continuo exclamatorio dunha situación que físicamente foi transitoria pero íntimamente converteuse en eterna.
O espido, a angustia, a dor e a tristeza seguiron escribindo o resto da súa poesía na que un se adentra de xeito case febril, coa complicidade do sufrimento, de pensar como alguén pudo vivir así tantos anos, sen un mar ao que cantar e si un mar para que «a vida se me canse». E así as páxinas sucédense, puñal tras puñal, tentando amortiguar os golpes: «Quen somos/que pasa/ que estraña historia é esta/por que a soportamos/si é a nosa costa/por que nos soportamos/por que facemos o xogo», escribe Idea Vilariño en 1971 no seu libro ‘Poetas’. Sempre na alarma, na mirada afouta ao que acontencía da Sudamérica en loita fronte as ditaduras que emerxían en diferentes países, ao tempo que a súa vida adicábase á ensinanza da Literatura, en Secundaria e posteriormente na Universidade. Tamén á tradución, as súas de Shakespeare, ‘Hamlet’ e ‘Macbeth’, foron exitosas representacións en Montevideo. Fundadora de revistas literarias, pertencente á Xeración do 45 (Benedetti, Onetti, Carlos Maggi...) no Uruguai, a descoñecida Idea Vilariño resúmese agora neste volume que a recupera como poeta, pero tamén como un puñal que resiste á vida nunha loita permanente.



 Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 18/12/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario