martes, 20 de decembro de 2016

Relatos en madeira

Rue Saint-Antoine nº 170
Escultura. ‘De catedral en catedral’ é o itinerario artístico que Francisco Remiseiro (Barro, 1975) propón ata o 13 de xaneiro para coñecer o seu traballo. Unha achega á arte que non deixa de lado o labor do artesán, o oficio tradicional, neste caso dende o traballo da madeira, amosando así unha sutil escultura que fala de nós mesmos.



Home como motivo, man como ferramenta de traballo. A prolongación procesual dunha mente na que se xera o relato, na que o escultor aposta por unha narratividade que se converte en tridimensional cando as súas pezas collen forma, cando se desprenden do material sobrante e a vida se deposita sobre elas. Si, vida, porque iso é precisamente o que un sente cando se move entre as pezas que Francisco Remiseiro amosa na galería About Art de Pontevedra.
En todos estes soportes das emocións un entende unha achega ao carácter do ser humano, a ese senso que a escultura, moitas veces por unha aposta en demasía polo seu carácter ornamental en busca dun público que invirta nela cartos, perde en prexuízo de si mesma. Francisco Remiseiro honra deste xeito a aqueles artesáns tradicionais que tallaban a madeira deixando a súa pegada sobre ela, é o rastro do artista que debe estar sempre presente en cada peza como tributo ao seu facedor. Sobre elas queda esa fenda do artista, o paso da ferramenta que devastou unha madeira sobrante agora, pero necesaria tan só uns minutos antes como parte dunha viaxe, do recóndito do material, é dicir, do abstracto, a unha conquista do real que tan necesaria é como finalidade a engadir a esta escultura. A realidade da figura, a figura da realidade. Un xeito de traballar que rescata ao ser humano de si mesmo, nunha evocadora promesa dunha esperanza neste terreo de desesperanzas. De homes sen futuro, de artistas á deriva, de mercados que non atenden ao realmente necesario que non é, nin máis nin menos que investir no que nós mesmos somos.
Entramos nese bosque da figuración como quen entra nun libro, un relato perfectamente argallado pensado para ocupar un espazo tan definido como é este. «Sen historia non hai obra», ten comentado sobre o seu traballo o propio autor, así a súa escultura toma o papel da palabra, daquela narración que se pon ante nós, o significado que se prolonga por riba da forma para facer desa madeira oralidade, desa xestualidade un adxectivo da emoción que dende as pezas chega ata nós nun proceso de empatía co reflectido.
Nese bosque perdémonos, nese bosque ata ulimos aquilo que xorde das ideas, dende un armario no que se agochan proxectos, ideas, bocetos de futuras narracións suxeitas con espiñas de rosa sobre madeira de cedro. Inspiracións que trascenden ao feito físico para conquistas os nosos sentidos, alentando así un estado de enaxenación transitoria que nos afasta do que sucede portas aforas dese bosque, desta exposición que nos descubre a un artista da madeira, a un artesán da figuración ao que polas súas pezas vese feliz do que fai, de balizar ese itinerario emocional polo que conducirmos na nosa visita.
Neste territorio da madeira no que se converte a galería About Art percibimos pois unha nova realidade, aínda que non tan real como nos poida parecer. Figuras si, pero hai algo tamén de artefacto, un espexismo do propio home sobre o que xira toda a exposición que procura o equilibrio sobre o real ou o irreal, pero ao que nunca renuncia é ao diálogo co espectador, a fíar unha conversa dende o relato de cada unha delas con un visitante fascinado pola man do artista, por como dispón ante nós a súa capacidade para facer escultura, o seu maxín para esculpir emocións.




Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2016
Fotografía. David Freire

1 comentario:

  1. "...Artefacto...", máquina para pensar leo yo aquí.Trabajo que es precisión de una "Actitud" o forma de estar, actitud que no es "acto/teatro" y sí Esencia de una presencia que es ausencia pero se sabe/se lee/se siente/se piensa aunque no se sepa/se lea porque se siente/se piensa. Gracias... Ramón...

    ResponderEliminar