Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. O
Festival Internacional de Poesía Pontepoética sumou, ás súas
habituais emocións, o son da poesía xogando coa pedra. O cómo a
palabra acariña o paso do tempo e cómo os privilexiados asistentes
sentiron a pel tremer cando esas palabras se fundiron co pouso da
historia, nun recinto con infindas posibilidades aínda por explorar.
FORON OS POETAS. Foron
eles os que unha vez máis conmoveron ás pedras, os que converteron
o silencio en alborozo, os que dende a capacidade inquebrantábel da
palabra beliscaron a pel dos que se achegaron ás ruinas de San
Domingos para gozar dun deses eventos que quedarán na lembranza,
cando a poesía abriu as fiestras do tempo.
Cando en agosto de 2008
Carlos Oroza deixou a súa chamánica pegada entre esas mesmas pedras
con un recital inesquecíbel, a poesía descubriu o potencial desta
arquitectura para aumentar as emocións antes escritas. Un altavoz co
que o tempo nos agasallou pero ao que aínda non se lle sacou toda a
súa rendabilidade como escenario para diferentes manifestacións
culturais. Foron os poetas os que dentro da primeira xornada do
Festival de Poesía Pontepoética sentiron o acubillo dun espazo
máxico, inesperado e sorprendente. Nese berce da historia as
diferentes linguas que alí soaron, dende o galego ao islandés,
pasando polo español, catalán ou polaco, arrolaron entre sartegos e
oxivas os seus versos para medirse co mundo. Case nada, pero aí é
onde se mide a poesía, dende o eu cara a súa contorna, entendida
sempre como desculpa para mirar máis aló. Porque a poesía tende á
expansión, a abranguer moito máis do que ten ao seu arredor.
Cando os poetas da
primeira xornada de Pontepoética se puxeron ante o micrófono,
abriron os seus poemarios e comezaron a recitar, escenario e palabra
formaron un todo que deixa o listón moi alto de cara a sucesivas
edicións deste festival que da man do Concello de Pontevedra e o
Ateneo de Pontevedra convértese nun milagre da palabra que agroma
primavera tras primavera. Beizóns a Yolanda Castaño por argallar
algo tan fermoso, parabéns a todos os que puxan por un festival xa
consolidado e grazas aos que permitiron abrir estas ruinas do Museo
de Pontevedra, para acubillar a poesía. Para facela inzar entre os
silencios da historia e para que un poeta arxentino sentise a
presenza dos seus antepasados a través da emoción ou para que unha
nai tente o que é a sucesiva separación dun fillo dende o mesmo
parto.
Tanto Andrés Neuman
como Berta Dávila fixeron das súas poesías unha única voz da
experiencia, unha redimensión da súa intimidade exposta ante os
demais a través dese fío arame que todo o soporta como é a
palabra. A polaca Grazyna Wojcieszko colleu o relevo para
enfrontarmos a outra sonoridade, a un eco diferente entre a pedra
pero no que tamén se percibía esa intencionalidade por achegarse ao
que nos rodea. Antón Lopo, fixo resoar aquelas voces de Carlos Oroza
que quedaron penduradas desas pedras. A súa interpretación, o
carácter performático do seu traballo, sitúao nesa poesía que
xorde da oralidade, do mutante da memoria que fuxe do papel para
cinguirse á vida. Mireia Calafell, Cesáreo Sánchez e Sijón,
puxeron o remate a unha xornada inaugural que xa sempre quedará
fixada na nosa mente como a do día no que a poesía, como
enredadeira, agromou por un chan e unhas paredes das que penso non
vai querer fuxir máis.
Pero a poesía seguiu e
o Teatro Principal converteuse de novo na cova na que seguir ondeando
esa bandeira que case semella unha bandeira pirata, polo que ten de
desafío á sociedade. Facer poesía hoxe é aventurarse ante o
imprevisíbel, moverse por mares embravecidos non sempre
correspondidos, pero Pontevedra sempre foi bo porto de abrigo, e
agora, dende Pontepoética, converteuse en porto da poesía no que
cada primavera abarloan os máis fermosos navíos e que dende este
ano ten na súa causa as pedras dominicas, resistentes a
tremores de terra, tamén ao desprezo do home que case as derruba,
pero agora si respectadas como parte de nós mesmos. Ogallá cheguen
moitos máis recitais, ogallá haxa máis concertos que fagan que
palabra e música invadan ese espazo único para convidar ao público
a enchouparse de cultura. Pontepoética acadou un chanzo máis, un
elo nunha cadea de palabras e emocións á que agora hai que sumarlle
a pedra, a nosa pedra.
Publicado no Diario de Pontevedra 10/04/2017
Fotografía. Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario