sábado, 29 de julio de 2017

Afouteza poética


A poesía en Galicia asiste a un bulideiro momento cheo dun futuro que xa é presente grazas a novos e afoutados nomes.



Outro 25 de xullo. Outro día para mirar cara nós mesmos. Para contemplármonos e tentar ver que podemos poñer de novo sobre a balanza. A min gustaríame adicarlle unhas liñas á poesía. As palabras que fan equilibrios polas ringleiras da páxina coas que os nosos creadores/as fan unha radiografía de si mesmos a partir da súa relación coa súa contorna.
Se durante moito tempo a poesía asistiu a súa propia marxinalidade, os últimos tempos ofrécennos unha chea de síntomas que falan dun fervedoiro ao seu arredor. Un pulo que tamén se rexistra a nivel peninsular, abofé alentado pola relación das novas tecnoloxías e as redes sociais coa escrita. A capacidade de recoller nunhas poucas palabras unha reflexión vital, a mensaxe condensada nunhas poucas palabras, o sentimento en pírulas que viaxa ata os lugares máis insospeitados. Si, todo iso é a poesía hoxe. Unha intelixente, nova e salientábel poeta, Elvira Sastre, tamén ten reflexionado sobre este pulo da poesía hoxe, e identifica esa nova realidade das redes sociais co xurdimento dunha morea de novos nomes que chegan a novos públicos, que renovan aos lectores de poesía, e que, sobre todo, fan unha poesía vencellada ao tempo e ao instante concreto que nos tocou vivir. Ao mellor nada novo en relación ao pasado, que dun xeito ou outro tivo os seus momentos de esplendor poético, pero a nosa realidade hoxe defínese en parte deste xeito.
Galicia é poesía de seu. Dende o azul do océano ata os verdes dos seus vales. Miles de cores, de chuvias e de aires, pero tamén de miradas e sentimentos acariñados pola sensación de vivir nun lugar especial. Un territorio afeito a querelo a través da palabra, un espazo que compuxo a súa lingua a través daquelas poesías que medraron na cerna da ría de Vigo. Aqueles trovadores ven renovadas hoxe as súas palabras a través de novos poetas. De mozos e mozas que apostaron por esta forma de linguaxe para achegarse ao mundo, un degoiro cada vez máis complexo.
E se hai poesías e poetas ten que existir unha fenda pola que achegarse aos lectores, editoriais ou proxectos que visibilizan ese pulo cunha maior cantidade de números publicados que poñen en circulación o escrito, o sentido. Tamén co xurdir doutros territorios para a poesía impensábeis fai tan só uns poucos anos e que agora xa son un alicerce imprescindíbel para tentar calibrar o que acontece arredor do verso. Aí é obrigado falar de Chan da Pólvora. Ecosistema poético que dende Compostela alborexa ao mundo para que o galego repenique en forma de verso. Da man de Antón Lopo acubillou a unha chea de novos nomes que entraron por ese desfiladeiro, supoño que dende a perplexidade do descoñecido, pero que co paso dos meses, a editora ven de cumprir un ano, séntense parte dun dos acontecementos literarios máis felices na nosa escrito dende hai tempo. E como termómetro desa alta temperatura poética é moi acaída a presentación do pasado venres no mesmo espazo da editora dun novo volumen da súa producción, o quinto, que condensa en trece poetas que rondan os trinta anos esa nova situación da poesía en Galicia. ‘Antoloxía da poesía próxima’ é unha travesía da man de Alicia Fernández, Andrea Nunes, Berta Dávila, Lara Dopazo, Oriana Méndez, Celia Parra, Xabier Xil, Gonzalo Hermo, Samuel Solleiro, Ismael Ramos, Francisco Cortegoso, Jesús Castro e Antón Blanco, nunha selección de María Xosé Nogueira que é ben representativa desas novas voces que tamén teñen prolongación máis alá de Chan da Pólvora. Outro espazo que agromou a esta nova xeración é outra editora, Apiario, con Dores Tembrás e Antía Otero que como abellas enchen de mel as colmeas nas que que traballan outra morea de nomes: Afra Torrado, Alba Cid, Celia Parra, Ismael Ramos ou Tamara Andrés, por citar só algún deles. Tamén poetas novos que recollen premios que non fan máis que gabar o seu destino de creadores como Antía Otero, gañadora do Premio de Poesía da Gala do Libro Galego con ‘O cuarto das abellas’ (Xerais), ou Miriam Ferradáns, que acadou o Premio Nacional de Poesía XoseMaría Pérez Parallé con ‘Nomes de fume’ (Espiral Maior) ou Isaac Xubín conquistando o Lueiro Rey con ‘A cadencia da fractura’ (Xerais).
E xunto co prelo os recitáis, os espazos que levan a poesía a pé de rúa sacándoa dos papeis e poñéndoa na boca dos poetas que é onde a poesía toma a súa condición orixinal, onde amosa a súa contundencia fronte ao espectador. O vigués PoemaRía ou a pontevedresa PontePoética son dous dos respiradoiros que viñeron a completar a outros destes espazos con máis tradición pero que reflicten esa cohabitación do novo co tradicional, que é algo que tamén se ten como achega destes novos nomes, o seu pulo renovador e inspirador aos que durante décadas levaron a poesía como bandeira vital. Os valentes que cruzaron o deserto para chegar ata aquí, para achegarse a un oasis inesperado pero cheo de felicidade e ledicia para unha terra que precisa da poesía como respiración, como xeito de darlle sentido a un espazo sentimental como poucos que, dende a súa natureza incomparábel, tamén entra nas nosas vilas, nunha simbiose territorial á que tamén lle da resposta esta nova poesía. Como a tantas outras cousas, porque a poesía é a resposta a nós mesmos.



Publicado no Especial do Día de Galicia. 25/07/2017. Diario de Pontevedra/El Progreso/La Región/Atlántico

No hay comentarios:

Publicar un comentario