martes, 4 de julio de 2017

O tempo enmascarado

O novo poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias convócanos a través das capacidades fabulosas da música a unha viaxe pola memoria e os sentimientos dende unha linguaxe expansiva, chea de significados que fan dos seus poemas horizontes de exploración individual e colectiva



ENMASCARA CESÁREO Sánchez Iglesias o tempo coa súa venturosa poesía, unha poesía que se escoita, que se ule, que se pode case que acariñar en cada páxina que un pasa desde este poemario recén saído do prelo de Kalandraka e incluído dentro da colección Tambo. Emerxe así, nesta poética sensorial, unha festa dos sentidos que en cada liña vai a máis ao tempo que serve para balizar a memoria, para asulagar a nosa lectura cunha chea de percepcións que o poeta coloca ante nós para actuar como unha fervenza de palabras, enchoupándonos deste xeito cuns poemas amplos, nos que as sensacións e mesmo as experiencias do poeta inclúense nun tempo que se fai memoria a cada verso para conducirmos por ela, como a terra precisa na que abrollar todas esas palabras.
Tempo transfigurado propón unha nova achega de Cesáreo Sánchez Iglesias a esa poesía súa na que as palabras estarícanse moito máis aló do que semella se só nos detemos na súa grafía. O poeta constrúe o seu traballo dende unha palabra que se enche de simboloxías que acadan a apertura dunha serie de portas que fan que nos seus versos non haxa unha única dirección pola que movernos. Animais, flores, ventos, noites ou días xorden dende algo que medra para ser moito máis que simples palabras precisas para a narración. Cada unha delas elas asume diferentes posibilidades que fan destes poemas cruces de camiños xigantescos sobre as necesidades do propio verso e que nos van conducir cara uns horizontes nos que albiscar non só a exploración que pretende o poeta cara a súa intimidade, senón que colectiviza ese sentimento para facer deste camiñar un acto colectivo.
A esta percepción do individual e do grupal teríamos que engadirlle un ingrediente esencial neste poemario como é a música, outra poética, eminentemente sonora, pero que se inclúe xa non só a partir da propia sonoridade que ofrece unha escrita estudiada ao límite, senón na cita a un músico que entre paréntese pecha cada verso en cadansúa páxina. Esa simple xeito de nominalización é quen de modificar a nosa percepción do poema, aquela que foi ao longo da lectura ao toparnos con este nome propio deixa de ser para explorar esa hibridación da palabra coa música, aquí proposta por músicos de tan diferente pelaxe como Schumann, John Cage, Vivaldi, Xoan Montes ou Frank Zapa por nomear algún deles que no índice do libro aparecen xunto á referencia a unha composición musical que complementa o verso. Esta fértil maridaxe é unha interesante hibridación músico literaria e que segue con esa idea proposta anteriormente neste comentario de estar ante uns versos de longo percorrido, que se botan a un horizonte case inalcanzable pola chea de posibilidades que cada poema ofrece.

Versos de presenzas pero tamén de ausencias, en moitos deles rastrexamos unha pegada que comeza a anidar no tempo. Como de xeito brillante se di na lapela do libro, estamos a falar de "un volume de aceptación de orfandades", "unha aprendizaxe da soidade". Ambas cuestións deixan un pouso de melancolía nesta fervenza de sentimentos que e ve acompañada de silencios, recordos, soños, amores caídos, xemidos, voces. Transfigúrase así o tempo e os arrecendos xogan coas soidades nunha sorte de danza que querer seguir escoitando a mesma música, aquela que un día marcou unha felicidade agora murcha pero na que é precisa a resistencia. Moitos destes poemas son poemas de resistencia dende ese estado de plenitude que o tempo adicouse a esmagar de vagariño. Dende a memoria e a palabra ese acto de resistencia convértese nun acto de honestidade con un mesmo, pero que nos vai servir a todos para afrontar ese camiñar cara unha liña na que descubrir e descubrirmos. "A nube sen memoria oculta a mañá/ onde só o poema chega, téndeme a mao, treme".



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 25/06/2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario