venres, 30 de xuño de 2017

Novos cinemas, novas esperanzas

Presentación a estudantes dun filme dentro do Festival

A segunda edición do Festival Internacional Novos Cinemas de Pontevedra volve amosar como o cine é unha das artes con máis posibilidades para reflectir a conduta humana pero, sobre todo, para ser quen de amosala aos demais e, a partir desa situación, facernos pensar. Si, xa sabemos que poucos retos hai hoxe en día máis arriscados cós de facer pensar ás persoas inmersas nesta sociedade cada vez máis dirixida, con cada vez menos oportunidades para facer da individualidade e da capacidade de soñar, imaxinar ou pensar, unha das armas que máis deberiamos potenciar para facilitar o desenvolvemento do ser humano. Pero de cando en vez danse esta especie de milagres, de aventuras que xorden do empuxe de persoas que ven a vida a través de fotogramas, como Daniel Froiz, Ángel Santos e Suso Novás, que sustentan este Festival de Novos Cinemas, de novas ilusións ao fin e ao cabo, e grazas ao apoio de moitas institucións administrativas e culturais.
Así é como Pontevedra se converterá ata o domingo nunha festa do cine, pero do cine entendido máis alá da súa vertente espectacular, coa que certamente tamén naceu como arte, subliñando as súas compoñentes máis artísticas e culturais. E para iso a organización procura unha sorte de pureza fílmica a partir da escolla dos primeiros traballos de diferentes directores de todo o mundo que a longo destes días amosarán as súas obras, pero que tamén formarán parte dunha paisaxe de recoñecemento do cinema como canle de expresión do ser humano, como elo entre persoas chegadas de todo o mundo, como vencello entre os creadores e o seu público. É por iso que ao longo desta semana sucédense unha chea de milagres que, como en ‘La rosa púrpura del Cairo’, farán que as distancias entre a pantalla e a realidade se esnaquicen, para que todos os valores que se pechan nesas proxeccións se espallen entre as pedras desta Pontevedra que non deixa de tirar da cultura (vimos de pechar tres días marabillosos adicados a festexar os libros na rúa) como alicerce da colectividade, como construción da cidade.
Xunto á retrospectiva adicada ao director homenaxeado no festival, Matías Piñeiro, e a proxección de corenta películas, nove delas dentro da sección oficial a concurso, as pantallas converteranse en obradoiros, en proxeccións baixo as estrelas, en encontros fóra das salas de cine, en clases maxistrais, en intercambio de experiencias, en solidariedade a pé de terra. En definitiva, trátase de alentar un foro no que falar de cine pero, ademais diso, para falar de nós mesmos. E se de algo se poden sentir ben orgullosos os seus organizadores é da aposta polo cinema que transcende á propia proxección e se converte, ao longo de todo o ano, e non só nesta semana na que se concentran moitas actividades, nun proxecto cultural, social e didáctico a través do traballo con escolares. Nenos e nenas aos que nas súas aulas se lles ensina o que hai detrás desta linguaxe das imaxes e das ilusións, pero tamén cun meritorio labor dirixido a estudantes máis mozos aos que os novos sistemas actuais de visibilización do cine os están afastando constantemente, non só da pantalla grande, senón dun cine dirixido a eles, as persoas, enchendo as carteleiras e as canles televisivas dun cine baleiro, isto é, tamén,  traballar cuns estudantes aos que non se lles acaba de amosar o cine inserido nos seus plans de estudo como arte e como ferramenta con infindas posibilidades, xa non só para o seu estudo, senón para o seu emprego como análise do que acontece e aconteceu na nosa sociedade ao longo da historia. Poñer a estes mozos ante unha pantalla na que aparezan filmes de Jean-Luc Godard, José Luis Guerin ou Ermanno Olmi, como así se fixo, é un reduto da esperanza.
Vivimos en Galicia un efervescente momento no noso cinema (sobre todo pola permanente escaseza de recursos), e non só dende a produción, senón tamén dende moitos aspectos que se moven ao seu arredor e que son necesarios para xerar o hábitat preciso para seguir medrando. A unha chea de novos directores ben cargadiños de talento como Óliver Laxe, Lois Patiño, Ángel Santos, Xurxo Chirro, Anxos Fazáns, Diana Toucedo... (e perdón por aqueles dos que me esquezo) súmanselle iniciativas xa imprescindíbeis como todo o que hai detrás do proxecto Numax en Compostela ou este Festival de Novos Cinemas que vén completar a oferta doutros festivais e encontros con máis tradición, pero o bo de todo isto é entender como cada iniciativa acada un espazo propio dentro desta cadea de afouteza que xorde arredor do cinema.
Agora toca encher as salas, facer que o festival forme parte de todos nós e nós del, e sentir que o cine pode ser a mellor ferramenta para tentar comprendermos, un chisco, como somos.



Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 28/06/2017
Fotografía. Javier Cervera-Mercadillo


Ningún comentario:

Publicar un comentario