martes, 6 de xuño de 2017

Segredos baixo as pedras

Rue Saint-Antoine nº 170
Arqueoloxía. A publicación pola editorial Ab Origine do libro ‘Segredos ao descuberto’ escrito man a man entre Buenaventura Aparicio Casado e Antonio de la Peña Santos sitúanos ante a necesidade de coñecer máis os segredos que se gardan na cultura que rodea os petróglifos. Segredos que van máis alá das inscricións sobre as pedras.


Presentado o pasado xoves no salón de actos do Museo de Pontevedra, ‘Segredos ao descuberto’ non precisa moito máis tempo dende que se abren as súas capas para deixarse engaiolar polo que nel se agocha para poder escribir del. Si, un libro de arqueoloxía que se le á velocidade da luz e, aínda máis, no que se entende perfectamente que é o que se quere explicar e cómo. Ese mérito, que se engade ao seu valor académico, ao que non se renuncia en ningún momento, recae no xeito no que os dous autores do libro, responsables de cadanseu texto, Antonio de la Peña Santos e Buenaventura Aparicio, afrontan este relato, como nel mesmo se apunta de xeito preclaro ao modo machadiano, isto é, afastándose de dirixilo a un cientifismo estrictamente académico e baixando a carón das laxes, poñendo o texto nas mans do pobo, da xente do común que precisa deste tipo de ferramentas para coñecer, achegarse, e respectar o que é unha das nosas maiores empresas culturais, definidoras dun territorio e dunha identidade, que non sempre foi así entendida.
Falamos de dous autores, de dúas institucións neste campo do coñecemento con xa numerosos libros publicados, cinco deles en común. Unha sociedade perfecta polo que ten de lectura dos petróglifos dende unha dualidade que é estrictamente necesaria ao mergullarse neste territorio, non só na súa creación, senón na súa evolución no contacto coa sociedade ata hoxe. Arqueoloxía e antropoloxía conforman esa dobre face sobre a que se move este novo libro que ven a aportar unha nova comprensión da relación das laxes cos diferentes poboadores de Galicia e como estes conviviron con estes monumentos.
Se o texto de Antonio de la Peña é unha sorte de estado da cuestión que xorde do seu perfecto coñecemento dende hai décadas do que estas pezas supoñen. Nun principio dunha especie de loucura duns poucos que de xeito paseniño foise convertendo en respecto dende unhas institucións sempre demasiado lentas para atender as reclamacións dos profesionais do seu estudo. Pouco a pouco estes gravados foron tendo a significación que sen dúbida merecen e agora ata son un perfecto reclamo para turistas e visitantes a partir da creación de parques arqueolóxicos como o de Campo Lameiro. Esa análise sobre a súa descuberta, comprensión, análise e explotación, deixa paso á cerna do libro que é como eses petróglifos deixan na súa pel e ao seu arredor outro tipo de pegadas que nos falan de buscadores de tesouros que teimaron durante longo tempo sobre que estas pedras, ‘pedras de mouros’, agochaban as riquezas daqueles míticos poboadores de Galicia. A carón deles os canteiros, inxustificadamente acusados durante moito tempo de danar estas rochas, a proposta de Buenaventura Aparicio afástase desa crenza e se ben relata a retirada de pedras deses complexos, defende o respecto deses creadores, tamén artistas, cara as rochas nas que traballaron outros creadores anteriores a eles. Danse así moitos exemplos de complexos modificados pero nos que se respectan as inscricións, algo que non sucedía con aqueles buscadores de tesouros, que, ancorados en antigas crenzas, non dubidaban en empregar o medio que fose necesario para darse conta do seu erro que, por mágoa, remataba con danos irreparáveis no petróglifo. Así non é infrecuente atoparse con buratos nas laxes que marcan a presenza dun explosivo que deixa esa pedra mancada para o resto dos seus días.
Se de algo nos convence o libro é da necesidade de achegarse ao estudo dos petróglifos non dun xeito único, dende unha soa disciplina de traballo, senón que a conxunción de varias, como a arqueoloxía, a antropoloxía ou a etnografía, pode acadar maiores resultados, para ampliar o que poden ser os coñecementos histórico artísticos e vencellalos a como as diferentes comunidades fóronse achegando a ese patrimonio ao longo dos séculos. Temos, nos petróglifos, un tesouro incalculábel, que non é de ouro, como o que buscaban aqueles outros, senón de pedra, pero tamén de coñecemento e de valorización da nosa cultura que pode levar, tras o seu coñecemento, mantemento, coidado e posta en valor nas mans da sociedade, a convérterse en algo máis importante co ouro.

Publicacións como ‘Segredos ao descuberto’, son unha ferramenta moi necesaria para continuar facendo accesíbel ao público esa conexión co seu patrimonio arqueolóxico, pero tamén, antropolóxico, isto é, ao fin e ao cabo, unha maneira de seguir entendéndonos a nós mesmos.



Publicado no Diario de Pontevedra 5/06/2017
Fotografía. Petróglifos de Mogor (Marín). Javier Cervera-Mercadillo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario