martes, 20 de junio de 2017

O aloumiño da literatura

Rue Saint-Antoine nº 170
Literatura. Poucas veces a literatura amosou dun xeito tan decidido e en tan poucas horas, ese papel de fío arame polo que conducirmos pola vida. A homenaxe a Miguel Suárez Abel e a designación de Mª Victoria Moreno como protagonista na celebración do Día das Letras Galegas 2018, sitúaos xuntos, de novo, coa literatura como acougo.

Miguel Suárez Abel adícalle un aloumiño a Mª Victoria Moreno
en 2004 (Manuel Fernández-Valdés)

Quixo a literatura brincar co destino. Moverse nel para que nos deramos conta da súa inmensidade. Inmensidade como xeradora de afectos, de beizóns cara o ser humano que se deixa acubillar baixo as súas alas, pero inmensidade tamén como acougo, como espazo dende o que calibrar, dende a palabra, o que uns e outros fan e fixeron.
Se o pasado mércores asistimos á homenaxe adicada polo Ateneo de Pontevedra a Miguel Suárez Abel polo seu recente pasamento; o sábado, a Real Academia Galega decidía adicarlle a María Victoria Moreno o Días das Letras Galegas en 2018. Xúntanse así dous seres marabillosos e inesquecíbeis para Pontevedra, e fano coa literatura como punto de equilibrio entre a mágoa e a coraxe dos que senten que os dous eran demasiado novos para deixarnos orfos das súas bondades, e a ledicia de ver como ambos xa son semente. Ese inzo que agroma do recoñecemento da colectividade, dunha sociedade na que ambos botaron unha chea de palabras na terra para que, como paxariños, foramos todos bicando eses grans que tan ben nos fan. Os grans da literatura, pero tamén os do compromiso co ser humano, coa lingua e a merecente aposta pola mocidade. Eles que foron sementadores tamén coincidiron niso, en endereitar a esas plantiñas novas coas que tantas veces se atoparon nos seus centros de traballo. Dende a orientación escolar e a psicoloxía dun; ou dende a pura ensinanza, da outra, quizais os seus mellores libros foron os que escribiron en cada un de tantos rapaces aos que lles adicaron o seu tempo e sabedoría. Todos eses libros non os poderemos ler, nin se puideron ler na homenaxe a Miguel Suárez Abel, tampouco se poderán ler ao longo do ano que vén, e que xirará arredor da figura de María Victoria Moreno. Porén, esas liñas serán nas que se escriba parte do noso futuro, xa que son liñas de vida escritas alí onde tiñan unha función imprescindíbel de cara a un futuro no que ambos confiaban e que escribían ao tempo que desenvolvían a súa traxectoria literaria, pero todas, unhas e outras, dentro dun mesmo compromiso.
Dese xeito construiron pontes entre eles e os seus lectores, tamén cos seus colegas e coa veciñanza. Dous escritores que empregaron a literatura para comunicar pero tamén para comunicarnos entre todos. Cada libro foi unha mensaxe, unha botella botada ao océano, a esa inmensidade da literatura cos fixo cómplices entre eles, tanto que ao final foron aloumiño entre ambos. A man que Miguel Suárez Abel lle pasou pola meixela a María Victoria Moreno cando esta presentou no ano 2004 o seu ‘Diario da luz e a sombra’ é o que mellor os pode reflectir a ambos subidos a ese arame que penduraba, por un lado da literatura e, polo outro, da vida. O equilibro entre a luz e a sombra, a dor e a esperanza. María Victoria recollía nese volume os momentos vividos baixo a enfermidade e Miguel Suárez Abel, axeno ao futuro, facía dese aloumiño o relato dunha amizade, dunha complicidade chea de azos que agora desfila ante nós en tempos estraños, nos que a tristura e a felicidade puxéronse nunha báscula para que a suxeitemos coas nosas febles mans.
É este un cóctel no que a literatura se move moi ben. Referímonos á literatura como explicación da vida e, polo tanto, como territorio no que manexar ambas compoñentes dun xeito como poucas disciplinas artísticas son quen de acadar. Amais, un e outro nunca evitaron mergullarse nese debate, facendo dos seus libros un compás co que tentar movernos naquilo que acontece ao noso arredor, tarefa nunca sinxela pero eles dous abrollaron novos camiños polos que movermos hoxe. Botarse aos seus libros e descubrir as incertezas da vida, rir e chorar, agarrarse o peito como conseguiu Fina Casalderrey e Xaime Toxo escenificando nesa homenaxe un fragmento dunha obra inédita de Miguel Suárez Abel chamada ‘Si, Carmen’; pero tamén supón dar un paso cara adiante como cando María Victoria Moreno turrou porque a literatura xuvenil ocupase o lugar que ben merece na literatura, ombreiro con ombreiro, con esa literatura que algúns entenden case como única, que é a adicada a adultos. María Victoría Moreno borrou esas fronteiras, e moveuse pola literatura sen medo e coas fortes ás das súas mulleres impoñendo os seus voos nas narracións. Collan outra vez esa ‘Anagnórise’ entre as mans e atoparán un novo mundo en construcción na nosa escrita, un derrubar fronteiras coa muller como forza motriz. Por fin!
Os dous viñeron a dar a Pontevedra o que abofé entenderon, como entendemos todos, que foi unha beizón para eles e para a cidade a que tanto se ligaron nunha simbiose xa eterna. Aquí tamén se atoparon coa ‘pupa cabrona’, como lle contou María Victoria Moreno a María Varela nunha entrevista nestas páxinas. Pero alí, nesa lameira, tamén tiraron da literatura para suxeitarse á vida, e tamén suxeitarnos a nós. Miguel Suárez Abel empregou a enfermidade como argumento de moitos dos seus artigos, unha das súas grandes facianas literarias, como suliñou de xeito atinado Víctor Freixanes nese acto; e María Victoria Moreno, amais dese libro xa citado, non deixou que o cancro apagase as moitas luces que aínda tiña por acender.
As ilusións por riba das rendicións. Ambos foron exemplo de amor e compromiso co ser humano, facéndoo a través da escrita, desa literatura que tomou forma de aloumiño xuntándoos naquel día no Café Moderno no que triunfou a vida.



Publicado no Diario de Pontevedra 19/06/2017
Fotografía. Manuel Fernández -Valdés.


No hay comentarios:

Publicar un comentario