domingo, 18 de junio de 2017

Flor Lamazares


Lamazares no seu estudio (Miguel Vidal)
O talento precisa do talento. Así é como se pode entender nun primeiro chanzo a feliz conxunción do pintor Antón Lamazares co poeta Uxío Novoneyra nunha exposición aberta recentemente na Cidade da Cultura.  Alí, ergueita sobre Compostela, capital de Galicia, berce de mitos coroado de ceos neboentos nas orelas do Sar, afundímonos na cerna de Galicia a través de palabra e pincelada, de pincelada e palabra, porque se con algo xoga esta exposición é coa disolución de fronteiras entre ambas canles de expresión, entre dúas correntes de emoción que dous dos nosos máis senlleiros creadores empregan para interpretar e traducir o noso mundo a través do seu.
É máis, a mostra, que se publicita como un diálogo entre pintura e poesía, tras enfrontarnos ás pezas que a conforman, pódese xa balizar doutro xeito; é o segundo chanzo, o diálogo entre creación e terra. Poesía e pintura estableceron tan estreitos lazos que xa son unha mesma cousa, se é que non o eran xa antes, pero nesa sala, a través da tradución delfínica do pintor e a súa incorporación entre os vernices desas obras especulares, que tamén introducen ao espectador na propia obra, decatámonos de que o que temos fronte a nós é un canto á terra, a materialización física e conceptual do que dous homes, un do Courel, outro do Deza, senten por unha terra, nai e señora, da que dependeron sempre, cos pés nela, ou lonxe do seu amor. «Galicia irmandiña/Galicia viva aínda/recóllote da terra, estás moi fonda/recóllote do pobo, estás nil toda/recóllote da Historia, estás borrosa/sabemos que ti podes ser outra cousa/sabemos que o home pode ser outra cousa», escribe o poeta e pinta o pintor. Galicia como sustento do cadro, como folio do poema, pero tamén como brillo de remate, como latexo no cume da escrita, e todo iso cun sentido de trascendencia que xorde da dialéctica artística de ambos creadores, dun ascetismo cos xunta nunha mesma dirección, un alento casi franciscano de humildade e aveciñamento con árbores, ríos, flores e ceos que, abofé, son os renglóns sobre os que un escribe, e os bosquexos sobre o que outro pinta.
Atopámonos así un fermoso xesto paradoxal de sinxeleza creativa dentro dunha arquitectura ciclópea, a montaña erixida noutra montaña. Un contedor xigante no que todas estas obras semellan estar levedando axenas ao balbordo arquitectónico que as rodea. Chegamos á sala de exposicións tras subir por unhas longas escaleiras, unha nova ascensión que nos inza nas nubes. O Pico Sacro ao fondo, e os infindos verdes brincando arredor do Gaiás, o poema xa está feito. Novoneyra ponlle palabras e Lamazares converte en xeira simbólica a fazaña daquel dicidor de versos coa terra como inspiración e alento. ‘Do Courel a Compostela’ foi un daqueles poemarios libertarios de home e natureza, berros escindidos da humanidade que se pousaban no eu como un aloumiño. «Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?». Chegaches, poeta, chegaches! Pero non o fixeches só, ao teu carón, outro camiñante de vagariño.
A luz fría dun estudo de pintura converteuse en fuxida para o creador, para unhas cores que se foron xerando en longas horas de traballo con Galicia ao fondo. Tan lonxe pero sempre tan preto. Baixo esa lumieira madrileña Lamazares ule a domus de Lalín, escoita baixar repenicando as augas do Deza mentres saltan as troitas, as maceiras están cheas e, na lembranza, o pai convertido en alfabeto. Letras que son conceptos: Nai, amor, fertilidade, esperanza, paxaro, sabedoría, viño, sorriso, guerra, luz. Nesa cela conventual o pintor move os seus cadros, acariña as superficies, despóxaos de todo o que sobra, que é tanto como o que sobra na sociedade, que é case todo, menos o sentimento. E iso é o que pinta Antón Lamazares, sentimentos, como antes os escribira Uxío Novoneyra dende os poemas ou os seus caligramas.
Sentimentos dunha terra feita para ser cantada dende a poesía ou dende a pintura; en definitiva, dende un mesmo chanzo, o derradeiro ao que durante uns meses se van subir dous homes, ombreiro con ombreiro, para dende alí arriba ollar unha terra aberta co único límite dun horizonte que trascende ao xeográfico para ser tamén horizonte na intimidade, alí onde o eu creador debe bater con si mesmo na procura da súa natureza. Natureza como a que abrolla afouta nesta ‘Flor Novoneyra’, título da exposición de Antón Lamazares que tan ben acertaron a propoñer como un enxerto entre ambos a comisaria, María Díaz, e a viúva e o fillo do poeta, Elba Rei e Uxío Novoneira. Beizóns a cada un deles por agromar unha esperanza que só dende o latexo da arte aínda ten alicerce: «Con calqueras letras faise unha palabra/mais a verba a verba/leva todo un pobo leva todo o tempo/O mazairo roxo deu frores en agosto/entre mazás feitas frores novas/entre GALICIAS unha nena/entre onte/entre hoxe e sempre/e hai máis sinales/hai días así con nebras máis limpas e ledas que o azul/ i é que nacen nenos/INDA NACEN NENOS».




Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 14/06/2017.
Fotografía. Miguel Vidal

No hay comentarios:

Publicar un comentario