Vanesa Santiago entra no océano galego da escrita con 'A vida sinxela de
Marcelo Firmamento', una fermosísima historia de mares e navegacións que vén de
acadar o Premio Illa Nova de Narrativa 2017
SEN DÚBIDA que alguén que nace cando as ondas
do mar bican o seu berce está chamado a ter unha vida moi especial. Do resto xa
se se encarga a literatura e, neste caso, unha nova escritora, Vanesa Santiago
(Fontán, Sada; 1983), da que se nota que a súa formación en Biblioteconomía e o
seu traballo en bibliotecas levouna a enchouparse das historias co mar foise
encargando, marexada tras marexada, de colocar nos andeis.
Unha nova voz, un novo illote no noso océano
literario tan ben surtido de travesías, de escumas salgadas, de lendas a carón
da costa, de relatos que fixeron do mundo unha parte do noso, desta Galicia de
mar e que polo mar se construiu a si mesma. A vida sinxela de Marcelo
Firmamento (Editorial Galaxia) é, ante todo, un libro de aventuras
e dende esa faciana, amósase marabillosamente ben escrito por alguén tan nova.
A autora non nos aburre en ningún momento, cada episodio, cada acontecemento na
vida deste Marcelo é un gozo do literario que nos leva a lembrar outras
historias coas que fornecemos o noso maxín de lecturas, coas que medramos como
nenos e que xa non nos deixaron, afortunadamente, nunca máis.
Atopámonos en Sada, na década dos corenta,
tempos complicados nunha Galicia na que a Guerra Civil viña de rematar, ou
mellor dito, que comezaba a deixar a súa pegada en milleiros de persoas.
Comezan as preguntas arredor dese neno, Marcelo Firmamento, que busca
respostas, que sobe a un barco e navega polo mundo. Viaxes que como toda viaxe
ten partes de realidade e de fantasía, de historias que veñen e van, de
acontecementos máxicos xunto a outros reais e que te beliscan a pel. De voces
baixas. Historias que nos van levar a navegar, porque un lendo este libro sente
que a bordo desas viaxes un tamén navega, que forma parte dunha aventura chea
de fazañas e descubertas para tentar descubrir a un mesmo. «En cada mariñeiro
dorme un ser mitolóxico». Qué gran verdade di este libro cheo de verdades. Un
dos nosos tesouros son os mariñeiros, eles aprovisionáronnos non só de produtos
do mar, senón de historias e de relatos que forman parte de nós mesmos. Eles,
seres mitolóxicos entón, pousaron en terra as súas fazañas e as fixeron humanas
para que nós as sentísemos como nosas lonxe das súas naves, das súas noites
estreladas, das acometidas do mar. Nós, na terra, temos as súas historias como
novas peles que mudar. Lendas que nos van facendo medrar como veciños dunha
comunidade pero sobre todo como seres humanos.
Alén das sereas, alén das baleas, alén do amor
que serve para o real e para a imaxinación, alén de todo iso estamos nós, seres
e lectores que somos felices cando topamos con relatos de liberdade como estes,
con escritos que nos levan a sentir máis de cerca o que é noso: o mar, e todo o
que o habita. Un mar que podía apelidarse Galicia, xa que hai de nós en tódolos
mares. Así este libro tamén é un relato dos que marcharon, dos que saíron e non
voltaron aínda que os nosos portos sempre serán os seus. Dende eses portos os
vimos marchar, sabendo que non voltarían, pero todos sabemos que non acabaron
de marchar. Que algo deles quedou aquí e a partir diso é dende o que Vanesa
Santiago non se esquece dos que marcharon. Unha loábel homenaxe aos que foron
polo mar, aos que se cruzaron coa balea, os que escoitaron ás sereas, formando
entre todos unha cosmogonía mariña baixo o firmamento.
Mar e firmamento como capas dun libro cheo de
crebas que neste caso son as palabras que foi poñendo no seu lugar Vanesa
Santiago, para escribir un libro, si; para gañar un premio, tamén; pero sobre
todo para poñerlle un nome a un novo illote no océano que dende estes días verá
como medran nel as narracións que lle darán afouteza á súa escrita. Cando
dentro duns meses volva a publicarse outro libro asinado por ela sempre
lembraremos estas historias de mar, porque na auga temos a nosa orixe, e alí
explicámonos como especie, porén queda a explicación da nosa intelixencia e aí
a mellor xustificación e pousar a ollada no horizonte. Onte todo remata, onde
todo comeza.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 23/07/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario