Chegaron
xuntos da man. Metidos no mesmo paquetiño procedente da editorial
Xerais como un máis dos seus abeizoados envíos. Eran dous libros
que se presentaron ante min en xuño de 2016. Non fixeron moito ruido
e pousáronse xunto ao meu ordenador sen reclamar a súa lectura. As
veces penso nos libros como en compañeiros dunha vida na que eles
mesmos son os que reclaman os seus tempos de lectura. O deles aínda
non chegara.
‘Galería
de saldos’ de Diego Giráldez e ‘ O espello do mundo’ de Ramón
Nicolás, acubilláronse nos andeis da miña biblioteca case sen
darme conta. Un día, sen máis, decidiron liscar do xornal e buscar
un fogar. Chegaron á miña casa xunto a moitos outros libros e
fixéronse un oco, de novo sen buscar o protagonismo, como se
soubesen que a súa lectura podía esperar, que as súas palabras e
as súas historias non ían fuxir de entre as súas capas, e é que a
literatura e a maxia dos libros se contra algo é quen de loitar é
contra o tempo, resistirse ao seu paso e non asustarse ante o camiñar
dos días.
Pasou
un ano e aqueles dous libros comezaron a bulir. Unha especie de
vibración chegábame dende aquel andel no que os dous seguían
xuntos un ano despois. Un ulular de sereas fíxome, durante varias
veces, mirar cara aqueles dous libros que agora si querían que os
lese. Collínos do seu lugar e fóronse achegando a min. Eu víaos
felices, sabían que en canto rematara os libros que tiña pendentes
de ler por traballo, chegaría a súa quenda e o faría en tempo de
lecer. Nun verán que ía ser o seu.
Tocaba
ir ata Madrid. Dous días cheos de músicas, ledicias, complicidades
e caricias que comezaron subido a un avión con ‘Galería de
saldos’, un libro de relatos escrito por un colega Licenciado en
Historia da Arte. Naquel avión pensei de novo en cómo o destino
daquel libro chegara ás miñas mans, un destino que non era outro
que facer mellor aquela viaxe, entreterme durante as case dúas horas
de ida e volta e tamén descubrir a escrita de Diego Giráldez. Xa
ven que tiña moito que facer aquel libro a tantos miles de metros de
altura e sen data de caducidade. Os libros forman parte das nosas
vidas e a súa lectura intégrase nos nosos momentos de xeito
antolladizo, pero un pode enguedellar dende o recordo cada lectura
cun instante concreto das nosas vidas.
Volvamos
a eses relatos de Diego Giráldez. Irónicos, retranqueiros, tamén
cun puntiño de amargura que é como se escribe a vida. Dende o
sorriso e a mágoa, dende a luz e a sombra. E así cada un deles,
orixinalmente escritos e vencellados a unha obra de arte móvese por
eses territorios nos que nos movemos os seres humanos e que por moito
que os vexamos dende ás alturas, como parte dun formigueiro, non
deixa de pertencer ao que nós mesmos somos.
Pasaron
varios días e xa en terra, o sol fíxose un oco nos días de xullo
empurrándonos á praia e alí foi onde ‘O espello do mundo’ de
Ramón Nicolás cumpriría o seu contrato con este lector. E o certo
é que despois da súa lectura un está completamente seguro de que
este libro escribiuse para que Ramón Rozas o lera nunha praia da ría
de Pontevedra. Nin nun día de outono nin nun de inverno, nin sentado
nunha cadeira no salón mentres a chuvia golpea os cristais dunha
fiestra, senón sobre a area e fronte ao mar. Alí ese espello que
creou o meu admirado mestre na crítica literaria, Ramón Nicolás,
brillaba como en ningún outro sitio e a súa enigmática historia
sobre freiras, conventos e segredos rachaba anos de esquecemento e de
descoñecemento para alumear aquilo para o que a literatura está
sempre obrigada, xunto a outras cuestións, que é entreter. O libro
pasou nun suspiro e un pensa en tantos meses xunto a el para logo
pasar todo nun par de xornadas. Pero ambas foron inesquecíbeis como
aquela dobre viaxe en avión, como ingredientes dun verán de 2017 no
que dous libros pasaron xa a formar parte da miña vida.
Os
dous voltaron aos andeis. Agora noutro lugar, xa que como se fosen
enredadeiras os libros buscan o lugar axeitado dentro do seu hábitat
en cada momento das súas vidas. Hai andeis por editoriais, outros
por autores, outros por temáticas, outros polos libros aos que un
regresa unha e outra vez, outro dos libros que se aman... en
definitiva, un marabilloso microcosmos feito de libros sen o que un
fogar non se podería entender. Aínda que xa pasou un ano dende a
súa publicación botarse a ler ‘Galería de saldos’ ou ‘O
espello do mundo’ é unha recomendación que lles fago nestes días
de verán, dun verán no que eses dous libros quixeron que eu os lese
en diferentes situacións, tempo despois da súa publicación, o que
me serviu para comprobar que os libros teñen vida propia e que só
hai que fixarse neles cun pouco de amor para tentar comprender das
súas necesidades.
Publicado no Diario de Pontevedra 2/08/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario