mércores, 9 de agosto de 2017

M.+Pintura=Pontevedra


Un sumatorio preside o estudo de Manuel Moldes. Misterio+Luz= Pintura. Un sagrado frontispicio que semella lembrarlle constantemente ao creador cal é o segredo desa disciplina artística. Percorrer a exposición que baixo o título de ‘Pontevedra Suite’ se amosa no Museo de Pontevedra é converter esa operación noutra que sume ao pintor coa pintura para así obter como resultado Pontevedra. E é que ese é o pano de fondo que suxeita unha espectacular mostra que xira arredor deses fíos invisíbeis cos que as cidades envolven aos seus habitantes. A proposta, dende o plantexamento dos comisarios, Ángel Cerviño e Alberto González Alegre, é unha feliz achega a un tempo moi determinado na produción de Manuel Moldes. Catro anos na década dos oitenta nos que baixo unha produción febril o pintor acubillouse baixo os monfortinos da Ferraría, o estanque das Palmeiras ou ao longo do río Lérez, isto é, fixo de Pontevedra o berce dunha pintura que, xunto coa doutros colegas, fixo estourar toda unha tradición creativa demasiado vencellada ao pasado.
Pontevedra emerxe deste xeito como o lugar no que estar, pero tamén o lugar no que sentir, o espazo da memoria fornecido co camiñar diario, co trato coa veciñanza e, sobre todo, a mantenza dun tempo que esmorece ante o que se entende como unha presunta evolución da sociedade. Pontevedra é capital, pero tamén é pobo, e dese híbrido xorde un ámbito singular, no que personaxes, historias e imaxes redimensionan un espazo físico nun parnaso mítico. Aí é cara onde nos sinala Moldes cos seus pinceis na evocación dun Macondo ás orelas do Lérez no que mergullarnos cadro a cadro, nunha sucesión de fragmentos pictóricos fronte aos que un estremece polo que neles se contén, que non é nin máis nin menos que a propia cidade de Pontevedra. Símbolos, facianas, recunchos, lendas, mitos...todo conflúe nuns lenzos que dende a figuración configuran un itinerario que fai tremer o corpo a quen leva un rato ante unhas pezas nas que se sente a esta cidade como parte de cada un.
Poucas veces unha vila pode atoparse reflectida dun xeito tan intenso como nas tres salas dun Museo de Pontevedra que con exposicións como esta incrementan tamén a súa condición de espazo lexendario no eido cultural da cidade. Todas esas figuras actúan como tótems que balizan unha vida. Seres que xorden do maxín dun pintor que xerou unha nova realidade no seu estudo, alí onde se albiscaba o misterio, alí onde se estudaba a luz, alí onde se paría a pintura. Cada cadro un mundo, e todos estes mundos xuntos son un universo entre pontes e carballos, entres coitelos, cuncas e moletes. Entre cidades que durmen e outras que traballan, entre avós e equipos de fútbol invencíbeis, entre heroicos canteiros, camelias e naos, e entre todo iso temos as miradas, as miradas da cidade que mira á súa xente.
E se falamos de miradas nesta exposición poucas agochan tanto sobre Moldes como as súas mozas. ‘As mozas de Pontevedra’ son o equilibrio xusto que precisaba unha nova pintura. O apego a súa propia tradición dende a modernidade picassiana inxerida nun espazo local no que facer convivir o panteísmo do rural de carballos, arquitecturas e vales xunto á Galicia urbana, a das mulleres que se amosan fronte ao público, sen temores, xestionando os seus propios corpos ante as miradas do espectador. O monfortino, a muller vestida de galega coa pose do monumento dos Heroes de Ponte Sampaio, o león que pecha a Alameda ou as camelias, resitúan toda esa pintura no ámbito local, nun espazo xa universalizado. Miralas a elas é mirar a toda unha sociedade, á muller doente, á inspiración, o traballo, o desexo, o cotiá. Mulleres que miran tamén a ese rapaz dos recados que se converteu en pintor, nun soñador de historias que foron antes sementadas ao longo de moitos séculos e ás que honra coa súa recuperación como sustrato común dunha identidade que agora é toda unha declaración de amor. A Bella Helenes e Teucro bailando xuntos  baixo os sons dun cincel picando na pedra, os ecos dos goles de Pasarón, o murmurio da corrente do Lérez, os foguetes dunhas festas de A Peregrina que xa están a piques de comezar e que non pensaron ter mellor complemento que este agasallo de historias feitas pintura dunha cidade incomparábel.

Publicado no Diario de Pontevedra 9/08/2017. (A exposición 'Pontevedra suite' poderá verse no Museo de Pontevedra ata o 17 de setembro)


Ningún comentario:

Publicar un comentario