Treboada nas illas Ons (Xan Xiadas) |
Días de baleas na ría
de Pontevedra. Días de sentirse afouto a carón dunha ría que é
quen de acoller a un animal descomunal e maxestoso. A balea que dende
os tempos bíblicos simbolizou o mal relacionándose co demo
enténdese agora como o símbolo dun lugar cheo de posibilidades e
que non sempre somos quen de gozar del. Sentarse en calquera punto
das súas orelas é descubrir un espazo marabilloso, no que a beleza
compite en cada momento consigo mesma para seguir sorprendéndonos. O
problema é que moitas veces non temos esa posibilidade, afeitos ás
presas e enchoupados nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica e
fagocitadora da nosa relación co medio natural.
O fotógrafo Xan Xiadas
repara cada día que sae á fiestra do seu fogar nesa condición,
nesa fermosura que se converte nun tesouro desta terra, como tesouros
son todas as nosas rías. Agora unha exposición no Pazo da Cultura
de Pontevedra lévanos a calibrar polo miúdo gran parte do que
acontece nese espazo máxico que é unha ría. Unha xénese de vida,
de beleza, pero tamén de traballo. Traballo de xentes que parten o
lombo cada día, de mariñeiros que saen cando o horizonte se
converte nunha dúbida decote sobre o que acontecerá tras ese fío
arame no limiar do mar. ‘Areas de sal’ é o nome desta mostra que
nos ten que concienciar, a partir do impacto da beleza, do que
temos á porta da casa, tamén do noso rol como axentes comprometidos
coa súa mantenza, así como do papel que esa contorna ten nas nosas
vidas, aínda que non o saibamos ou non sexamos plenamente
conscientes diso. Todas elas serían moi diferentes sen esas areiñas
de sal que lle dan un sabor máxico a nosa existencia convertidas en
solpores incandescentes, no bico dun vento libre no rostro ou nese
sentirse acubillados por un mar bravo de augas frías nas que termos
por uns valentes.
Se un se pon a pensar
un pouquiño sobre qué é o que precisaba esta torta para ter a súa
guinda quizais fose esa irrupción das baleas ou unha maior presenza
dos golfiños saltando sobre as súas augas o complemento soñado,
así como o desterro do auténtico Leviatán de fume e contaminación
que leva varado no fondo da ría dende hai demasiado tempo. Esa si
que é unha especie que ameaza a cotío toda esta beleza
inmarcescíbel dunha ría que se resiste a renderse e ata de vez en
cando asoma a súa poderosa cola para lembrarnos do que é quen.
Ata o de agora as illas
Ons eran as nosas permanentes baleas de granito, refuxio de historias
de míticos animais mariños presas dos homes, e aí temos en Cangas
a factoría de Massó, monumento en pé da memoria na Punta
Balea, na que se agochan aquelas aventuras industriais esgotadas pola
modernidade e pola fuxida duns animais cuxas poboacións minguaron de
xeito alarmante. Dende hai uns días, ao seu carón, outras baleas
cobraron vida e fixéronnos pensar no poder de certos animais para
poñer en valor o que aquí temos.
Aos que somos
Melvillianos a aparición dunha balea sempre nos estremece. Se unha
balea é literatura esa é ‘Moby Dick’ ,o cachalote branco ao que
o escritor converteu nunha historia de obsesións e vinganzas tan
afastada de ver hoxe resoprar a unha balea. Unha especie de milagre
que agora bendice as nosas augas para que sexamos conscientes dun
hábitat que dende o natural ata o artístico ou creativo ten
infindas posibilidades. Que sigan a resoprar!
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 27/09/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario