Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura ▶ Jaime
Falcón e Agustín Pousseu protagonizan unha nova edición de ‘Na
beira do río. Diálogos na pintura’ que, ata o 12 de novembro,
permite ver na sala de exposicións do Pazo da Cultura un diálogo
artellado dende os pinceis de dous creadores que se vencellan á
pintura dun xeito íntimo, para visibilizar a súa relación coa
realidade.
No Outono Pontevedra
énchese de arte, de exposicións que renovan a forte pegada que a
cultura ten de ben atrás no tempo con ela. O Pazo da Cultura amosa,
nas súas extraordinarias salas, dúas desas mostras, unha de
fotografía, ‘Areas de sal’ de Xan Xiadas, e a outra, unha cita
xa asentada no panorama plástico da cidade, ‘Na beira do río.
Diálogos na pintura’ que cada ano renova aos seus protagonistas.
Dous pintores que establecen un diálogo nas orelas do Lérez, nas
orelas da pintura para, dende cada unha delas, deixar constancia da
súa relación coa realidade dende ese medio de expresión.
Desta volta os
protagonistas son Jaime Falcón e Agustín Pousseu, longamente
asentados na cidade e cuxa traxectoria artística é extensa, aínda
que non sempre revisitada como tería que ser. Falcón, con máis de
vinte anos sen expoñer na cidade, e nunha madurez creativa abraiante
que o levou durante estes anos no estudo a seguir avanzando no seu
interese de convertir a pintura nun territorio de soños. Unha ponte
onírica coa realidade pola que fai desfilar paisaxes, historias,
lendas, tradicións, máscaras... nun camiñar que á vista do que
aquí se amosa ten unha meta clara en forma duns cadros cheos de
compoñentes que a partir da luz e a cor xeran un territorio máxico
no que o espectador forma parte de toda esa experiencia. Pousseu,
tamén invade ese territorio que explora o maxín, aínda que a
implicación e máis que co territorio dos soños co da realidade,
coa vivencia do cotiá para emerxer afouto como un diario pictórico
que define toda unha existencia que enche de vida a pintura de
Pousseu.
Xuntos, a carón das
súas linguaxes pictóricas, compoñen un escenario da felicidade, a
proba de como a pintura ben feita é quen de provocar no espectador
unha complicidade que lle leva a gozar da pintura e a facela tamén
parte súa. Os diferentes espazos nos que se artella a mostra, dende
un primeiro ámbito común, no que as obras de ambos dialogan de
xeito directo pasando por outros máis centrados en cadansúa obra,
permiten ver as confluencias e tamén as diverxencias que se atopan
entre a pintura dos nosos protagonistas. Os diálogos son voces
distintas, pinceladas diferentes, que se reúnen para articular unha
conversa, ás veces máis dacordo, outras menos, pero sempre
defendendo a realidade dunha disciplina artística tantas veces
ameazada por unha presunta modernidade á que se acollen as novas
xeracións de creadores, abofé cheos de medo ante o que supón o
baleiro do lenzo en branco. Falcón e Pousseu venceron ese medo hai
moitos anos, pero aínda hoxe cada cadro convértese nun desafío,
nunha loita contra esa superficie, pero tamén contra eles mesmos.
Especialmente singular
é o diálogo que se mantén nesa zona común, na que Pousseu é quen
de xerar todo un bosque, un espazo no que as árbores convértense en
personaxes, en seres animados que conversan entre elas e ata se aman.
Unha paisaxe que, sendo natural, tamén é humana, e que envolve todo
ese outro universo proposto por Falcón. Un universo de cidades
axitadas pola oleaxe, de vilas señoriais en cuxas rúas e prazas
móvense as lendas, de corredoiras polas que a Santa Compaña convive
cunha romería. Escenarios de vida que responden a unha identidade
propia, como é a que emerxe do noso territorio, pero tamén espazos
para os soños, para mergullarse nunha chea de visións que se funden
no cadro a través de toda unha lección no manexo da cor, da súa
sincronización, así como da luz.
As árbores de Pousseu,
as historias de Falcón, son o paso obrigado a un mundo no que ambos
despregan a súa capacidade para a pintura, para sensibilizarnos a
través do seu traballo e como a pintura pode alentar os nosos
sentimientos. As músicas, a sensualidade, a amizade, os recunchos,
os traballos artesáns... son ingredientes dos cadros de Pousseu, e
compiten coa mirada longa das paisaxes de Falcón, as súas aldeas
perdidas, as cidades somerxidas no mar, a romería de San Benitiño
de Lérez e, como non, co seu entroido, marca da casa, que definiu un
tempo da súa pintura e que aínda hoxe asombra pola súa captación
do que hai detrás das máscaras, e que xa preocupou a tantos ao
longo da historia da pintura.
Achegarse ao Pazo da
Cultura é inserirse nun diálogo, nunha conversa de dous amigos que
plantexan un faladoiro público invitándonos á oportunidade de
‘escoitar’ como pintan dous grandes creadores da nosa cidade. ‘Na
beira do río. Diálogos na pintura’ é pintura nun outono que
sempre invita ao refuxio e a contemplar a beleza da imaxinación.
Publicado no Diario de Pontevedra 2/10/2017
Fotografía. Javier Cervera-Mercadillo
Ningún comentario:
Publicar un comentario