A descoñecida
figura da 'Marquesa Vermella' reivindícase nunha mostra como
primixenia impulsora do feminismo. As súas numerosas aristas sitúan
a esta muller como toda unha descuberta na nosa historia.
FOTOS, LIBROS,
documentos ou cartas serven ao Museo de Pontevedra para achegar ao
público a figura de María Vinyals (Soutomaior, 1875- París, 1940).
Un deses nomes que a historia foi esquecendo e que grazas a traballos
de investigación como os da catedrática da USC Aurora Marco e a
arquivista do Museo de Pontevedra Ángela Comesaña, nacen dende esa
labor de descuberta e estudo para desembocar nesta exposición, que
ambas comisarían, e que ten a capacidade de visibilizar unha desas
traxectorias que todos deberíamos coñecer.
Falar de María Vinyals
é facelo dunha aristócrata que rematou no activismo feminino, dunha
muller que naceu no propio castelo de Soutomaior, desenvolvendo dende
moi nova un gran interese por temas culturais. Casada co Marqués de
Ayerbe, tras enviuvar volveu casar co médico de orixe cubana Enrique
Lluria, con quen dirixiu un sanatorio no propio castelo que foi
boicoteado por unha sociedade que non gustaba das ideas socialistas
do matrimonio. As cousas non foron ben e tras vender as súas
posesións marcharán a Cuba na procura de novas oportunidades. Alí
continuará o seu labor, que vai en aumento ao longo da súa vida dun
activismo a prol da muller e o seus dereitos. Conferencias,
publicacións en revistas e prensa, foron facendo desta muller unha
personaxe singular cuxo rastro perdeuse ao final da súa vida,
créndose que faleceu en París pero sen coñecer realmente as súas
circunstancias finais.
Percorrer a exposición,
sempre baixo os parámetros de calidade na produción e disposición
dos materiais nos que se move o Museo de Pontevedra enténdese como
esa outra parte do proceso de coñecemento dun nome esquecido. A
través de todos eses materiais sentimos unha forte presenza, o paso
do tempo detido nunha carta, nunha fotografía ou nun documento que
nos leva a un tempo complicado en canto as relacións sociais, moi
definidas polas sumisións nas diferentes clases sociais, e por como,
dende esa rebeldía que procuraba desfacerse dos clichés que
esmagaban as mulleres a principios do século XX, emerxía un fondo
interese por unha muller en permanente estado de menosprezo fronte ao
home.
Á que se coñeceu como
a Marquesa Vermella, e froito dunha longa investigación, amosa aquí
tamén o seu lado máis humano. As imaxes dos seus momentos de lecer,
así como o interese pola práctica da fotografía, completan a un
personaxe en permanente revisión e aínda con moitos segredos ao seu
arredor. E como ela tantas mulleres que sementaron casi sobre a
rocha, para hoxe ter unha maior dignidade, pero tamén un firme
alicerce sobre o que soster as reclamacións das mulleres. A súa
vida social, a relación de amizade do seu matrimonio co pintor
Sorolla —quen a pintou nun cadro hoxe desaparecido—, en cuxo
museo atopáronse unha serie de materiais descoñecidos e que se
inclúen na exposición, é parte dunha vida de compromiso coa
sociedade do seu momento e iso dende un castelo, o de Soutomaior, do
que foi desposeída polas grandes perdas económicas sufridas co
sanatorio, no que se centra a súa vida. Entre aquelas pedras cheas
de historia adicouse á escrita, publicando a monografía máis
completa do propio edificio, tamén unha novela de esclarecedor
título, ‘Rebelión’, e adicándose á defensa dos postulados da
Institución Libre de Enseñanza. Inscribiuse no Ateneo de Madrid e
na Agrupación Socialista de Madrid publicando numerosos artigos en
medios como El Imparcial, El Fígaro o Blanco y Negro, a maioría das
veces dende esa mirada posta na muller e na necesidade de suxeitarse
á educación para o seu progreso social.
Percorrer todos estes
documentos é adentrarse nunha historia para moitos descoñecida.
Unha desas historias que son necesarias rescatar para valorizar o
feito antes ca nós, pero tamén como homenaxe ás que tanto
arriscaron para que o mundo cambie e sexa máis cómodo para todos.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo
15/10/2017. Fotografía: Vista de la exposición en el Museo de Pontevedra (Olga Fernández)
Ningún comentario:
Publicar un comentario