martes, 31 de outubro de 2017

Paseando pola pintura

Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura ▶ Ata o 3 de novembro na sala Nemonon podemos permitirnos o luxo de camiñar pola pintura, de facer do cadro un espazo de experimentación sensorial que nos leva a sentir a natureza na pel. A proposta de Francisco Sutil recupera a pintura de paisaxe como gran xénero histórico pero tamén como unha terapia para as nosas almas.


CAda cadro é unha camiñada. Cada pincelada un paso por unha corredoira. A pintura de Francisco Sutil é unha invocación a facer da pintura unha sensación que nos acompañe durante un instante. Ou mellor dito, instantes. Xa que cada cadro dos que se amosan nesta exposición, de título ‘Murmurios no bosque’, funciona case como unha exposición en si mesma. Grandes lenzos que nos levan a situarnos fronte a natureza, a nosa natureza, esa da que adoitamos gozar cando camiñamos polas nosas corredoiras, cando nos apoiamos nun valado, cando enchoupamos os pés nunha lameira... fragmentos dunha inmensidade coa que non somos todo o agradecidos que deberíamos ser. A recente vaga de lumes amosa como a capacidade do ser humano para a destrución da súa contorna non ten límite algún. Sirva tamén, a partir disto, cada unha desas miradas fronte a cada un dos lenzos, como unha homenaxe a un dos nosos grandes tesouros. Alí, fronte a ela, xorde a capacidade de Francisco Sutil para plantexar esa evocación dun xeito realista que lle permite captar toda a chea de matices que a natureza é quen de acadar. A súa mirada evócanos aquela pintura da Escola de Barbizon na que os pintores botáronse a esa rexión francesa a poñerse nas mans da nai natureza, a desterrar contaminacións idílicas, a desterrar ao propio home que, na súa vocación romanticista, participaba dunha natureza as veces irreal. Aquela Escola pintaba por e para a natureza, para a súa representación e para que a pintura reflectise toda esa morea de sensacións.
As pinceladas de Francisco Sutil trasládanse de Barbizón a nosa contorna. Recunchos que forman parte de nós cos que o pintor establece unha fonda intimidade, o resultado da súa presenza naquela paraxe e do seu estudo, xa non só físico senón espiritual, e todo iso conflúe nun cadro no que un pode casi escoitar o seu interior, oler ou tocar ese contido, tal é a súa mimetización coa realidade. O «diálogo sagrado» do que falaba Friedrich Hölderling sobre a relación de home e natureza é o sostemento desta exposición, ampliándose dende o momento íntimo que vive o pintor fronte a ela para acollernos aos visitantes como nunha gran aperta.
Pero xunto ás paisaxes Francisco Sutil amosa outras calidades, como as das súas acuarelas, nas que se reflicten retratros, xestos ou movementos de protagonistas do noso folclore. Pezas que máis alá do seu tamaño amosan unha gran mestría, así como a capacidade para manter o que é a fugacidade dun instante, concedéndolle unha frescura que deixa patente o seu talento. Volvemos á natureza, a camiñar e pasear por ela, a sabermos parte súa e a recoñecela como parte de nós, pese as feridas que lle provocamos. A ela, a nosa devoción e agradecemento.



Publicado no Diario de Pontevedra 30/10/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario