mércores, 18 de outubro de 2017

Preguntas

Tras o paso do lume a cinza deixa unha chea de preguntas que quedarán sen respostas, como xa aconteceu noutras vagas de incendios.

Dous operarios en medio do lume
en A Armenteira (Rafa Fariña)

Deixan os lumes preguntas agochadas baixo a dor e a rabia. Sentimentos que cada certo tempo enguedéllanse entre as copas das nosas árbores, soben polos valados das corredoiras e contemplan dende os vales como esmorecen ducias de vivendas. Ese ronsel de preguntas tinxidas do negro da desolación é ao que estamos obrigados dende xa, aínda que sexa para que cando todo isto se repita lembremos as respostas. É unha especie de destino maldito dos galegos o de enfrontarse de xeito reiterado a situacións catastróficas no medio natural, no que semellamos estar inseridos como na roda dun hámster, xirando unha e outra vez.
Estamos ante unhas circunstancias extraordinarias? Sempre que ten lugar unha vaga de lumes escoitamos de xeito insistente que nos atopamos ante «unhas circunstancias extraordinarias» que, sen embargo, se repiten de xeito habitual cada verán nalgunha xornada na que, en maior ou menor medida, coinciden estes factores ambientais. Vento e seca xuntos non son efectos tan estraños como para vestilos como extraordinarios.
Quen son os culpábeis? Estamos fartos xa de escoitar que o lume ten culpábeis, que hai xente que queima o monte, algo que todos sabemos máis que de sobra. Todos entendemos que esa chea de lumes non medran por xeración espontánea, o que queremos saber é quen está detrás desas accións. Se existe unha organización máis ou menos artellada e, sobre todo, que beneficio se lle pode sacar a esas accións miserábeis que non parecen ser só froito dun tolo que goza prendendo lume. De ser así estaríamos con máis de cen pirómanos ao noso arredor envoltos en lapas todo o ano.
Terroristas, si. E que máis? Está moi ben iso de refuxiarse no terrorismo incendiario, unha maneira de definir a un inimigo alleo á comunidade. Pero tras os actos deses, sen dúbida, criminais, a segunda parte do mal vén da ausencia dun plan real que coide un rural desprezado ao longo das últimas décadas. Fixar poboación, manter os montes coidados ao longo de todo o ano ou frear dunha vez a presenza dunha especie fondamente ligada á especulación económica do bosque como é o eucalipto, e que vai contra a biodiversidade propia da nosa terra, terían que ser teimas prioritarias de calquera goberno.
Seguen as investigacións máis aló do foco da primeira semana? Os cidadáns tamén nos preguntamos se as investigacións sobre os autores materiais dos lumes continúan ao longo de todo o ano máis aló da presión mediática que se rexistra nos días seguintes ao incendio.
Onde quedaron os medios públicos de comunicación? A súa renuncia foi un dos aspectos máis lamentábeis desta crise. O domingo, os lumes ían medrando ao mesmo tempo ca preocupación dun país que precisaba información, non só para saber o que pasaba, senón para moverse polo seu propio territorio. Tanto a Televisión de Galicia como a radio pública estiveron ausentes desa obriga, o que debería facer dimitir dende o mesmo luns aos seus responsábeis.
Porque asusta a xente na rúa? Nunca sei por que se lle ten tanto medo á xente nas rúas e prazas berrando contra os sucesos que asolan a nosa terra. Moita desa xente, máis indignada que politizada, é a mesma que tivo que apagar con cubos e mangueiras de xardín o lume que, de non ser por ela, sería aínda máis terríbel.
Esperemos que cando cheguen as respostas, se é que isto acontece, non pase como con aquel graffiti que o poeta ecuatoriano Jorge Enrique Adoum leu un día: «Cando tiñamos as respostas cambiáronnos as preguntas».



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 18/10/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario