mércores, 18 de abril de 2018

Unha mirada irrepetible

Rue Saint-Antoine nº 170
PoesíaO acto de entrega do VI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey serviu para premiar o poemario ‘Corpo’ de Antón Lopo, pero tamén para que o editor do poemario, Manuel Bragado, despois do anuncio da súa marcha da Editorial Xerais, recibise o agradecemento dos presentes polo seu labor a prol da cultura e de apoio a este galardón.


O MULTIUSOS DE Fornelos de Montes, concello natal do poeta Manuel Lueiro Rey, foi onte unha cerna de emocións a carón da poesía, a carón da cultura de Galicia. A entrega do VI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, que serviu para lembrar os cincuenta anos da primeira edición completa da novela ‘Manso’, publicada, tal e como a concebiu o autor, en 1968 en Bos Aires, permitiu a Antón Lopo recoller o premio como gañador co poemario ‘Corpo’, servindo o acto, tamén, para a presentación pública do libro editado, un ano máis, por Xerais.
Esta editorial, en plena convusión pola decisión coñecida esta semana do seu director durante case 25 anos, Manuel Bragado, de deixar o seu cargo, acadou un protagonismo inesperado tan só uns días antes e despois de que se coñecese esa decisión ao propiciar o aplauso unánime, o primeiro dos moitos que chegarán nos próximos días á súa figura, moito máis alá que a dun editor sendo un traballador arreo por moitas causas da nosa cultura. Unha delas é a coñecida como ‘Causa Lueiro’, que dende hai uns anos vén a poñer en valor a esta figura comprometida co ser humano dende o seu amplo labor literario que vai do xornalismo á narrativa pasando pola poesía. O editor recibiu de mans do alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage e da mantedora do acto, Carme Carreiro, e fronte a unha sala chea de público, coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, unha placa polo apoio a este premio. A ovación dos presentes fixo que ese agradecemento se espallase por moitos máis eidos de traballo do puramente editorial.

As actuacións musicais de Cintaadhesiva e de Tino Baz enmarcaron un acto no que o protagonista era ese poemario, ‘Corpo’, que para o seu autor foi unha inmensa felicidade escribilo cando se cumplían trinta anos do seu primeiro poemario, agardando que esa felicidade se transmita aos lectores. Manuel Bragado calificou o poemario de «peza fulcral dentro da traxectoria do autor pola súa plenitude textual» e onde «a palabra adquire textura, adquire intervalo».
Ese senso de intervalo é fundamental á hora de achegarse a este texto. O corpo é a noda, ese espazo intermareal, que cando baixa a marea queda ao descuberto, e noutros momentos totalmente asolagado. Así os poemas sucédense como xeografías físicas, pero tamén corporais, para converterse en tránsito fronteirizo coa poesía como afoutada canle de expresión. «Os recordos son o noso corpo», plantexou no seu discurso de agradecemento Antón Lopo. De novo o territorio limiar entre pasado e presente. Momento de sucar na memoria, de lembrar a Manuel Lueiro, do seu compromiso e traballo nun xornal  pontevedrés tan singular como o republicano e galeguista ‘El País’, tamén a Herminio Barreiro que lle abriu as fiestras á obra de Manuel Lueiro, para despois lembrar os seus propios tempos de xornalismo xunto a Carme Vidal, parte tamén desta paisaxe natural de Fornelos de Montes, pero que a emoción converteu en intimidade dunha paisaxe enchoupada xa por unha chuvia mansa que permitía deixar pegadas no chan. Como as pegadas na area. «A historia é transitoria pero transmisible», dixo o poeta antes de recitar varias das composicións da primeira parte deste poemario, que son moitos, por ese carácter fragmentario. As crebas que o tempo deixa na costa, que deixa en nós, tamén concebidas como restos de nós mesmos que alí, naquel espazo estabamos  a compartir  como un momento único e irrepetible antes de que o tempo o anegue co seu manto invisible. Pero a palabra permanecerá sempre coma fío, coma emoción, coma xeito de deter o tempo porque, como dixo o poeta: «Este momento é irrepetible nunca voltaremos ter esta mirada».



Publicado no Diario de Pontevedra 16/04/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario