‘Street Poems’
é o novo libro de Fran Alonso. Un manifesto poético sobre a
realidade do espazo público como xerador de mensaxes. Tamén como
inspiración para a poesía que o autor emprega non só para nomear a
cidade, senón para tentar empatizar coa mocidade na poesía.
Semella que a poesía
está a baixar os chanzos das elites culturais e se aproxima cada vez
máis á pel do cidadán. Unha poesía que dende diferentes
territorios, dende espazos como o mundo virtual ou o musical, tenta
captar fieis entre os máis novos. É certo que moitas desas
propostas amosan unha arrepiante febleza, pero ao mellor non son
tantas como as que se travisten de elevada literatura e logo fracasan
nas súas intencións.
Fran Alonso leva nos
seus últimos libros de poesía facendo da cidade berce e acubillo
para as súas palabras. E así, tanto co seu anterior poemario,
‘Terraza’, como con o recente ‘Street Poems’, a cidade
convértese en xerador de metáforas, en habitáculo para compoñer a
poesía como reflexión, pero tamén como fío co que conectar coa
mocidade. Inxerida na colección Sopa de Libros e dirixido a mozos
maiores de doce anos, Fran Alonso afronta así un valente xeito de
tentar chegar aos máis novos coa poesía como sacudida, como elo coa
sociedade e a súa contorna dende a palabra.
As súas propias
fotografías realizadas ao longo de varios anos e en diferentes
escenarios compoñen un percorrido polos espazos públicos de
diferentes cidades, por valos cheos de graffitis, por pintadas e
propostas artísticas ligadas á urbanidade e a un universo
alternativo ao que moitas veces, as máis delas, non lle prestamos a
suficiente atención ou consideración. O poeta, esculca aí unha
nova territorialidade da acción, do diálogo do ser humano coa súa
contorna e que a el lle serve para propiciar a súa propia poética.
«O verso do graffiti/ten a beleza/sorprendente e salvaxe/dun
elefante que nunca se deixa/dominar.», escrebe Fran Alonso nunha das
páxinas deste libro que baixo a súa apariencia acolle todo un
manifesto poético de primeira orde nas que hai moito dese
existencialismo do ser, da individualidade fronte ao colectivo. Unha
indagación da persoa ante aquilo que o acosa, ante unha sociedade
que na cidade atópase nun hábitat que resulta agresivo e teimudo en
tentar poñernos contra as cordas. A poesía emerxe aquí como
liberación, como vento que seguir. «A liberdade é un aerosol de
pintura», graffitea o poeta nunha das páxinas. Abraia a capacidade
que amosa Fran Alonso por facer unha linguaxe de síntese, un falar
ben próximo ao que poden manexar esas xeracións máis novas ás que
vai dirixido, nun primeiro paso, o libro, aínda que canto máis se
mergulla un nel atopa que baixo esa lingua directa hai moito máis.
Baixo esa idea de compoñer directamente sobre a parede, de que a
palabra xurda de xeito rápido e á vez teña o seu peso, a palabra
constrúese como un prodixio, tal e como a nomea o poeta nun dos seus
versos. Ese prodixio é quen de engaiolarnos, de provocar a emoción
precisa para entender que esa poesía ten o mesmo valor que calquera
outra que a priori estableceuse dende unha maior carga literaria e
cunha aspiración de eternidade.
Engádeselle a ese
valor do literario o apartado artístico destas páxinas. O libro é
tamén fermoso pola súa disposición, por un deseño moi estudado no
que as palabras invaden as fotografías de diferentes maneiras, dende
tipografías variadas. Unha mestizaxe que sobrevoa todo o contido,
dende a palabra como cerna da escrita, pero tamén dende o graffiti
como elemento artístico.
Dúas artes que se
compoñen xuntas, que se enguedellan para valorizar a función da
lectura, o desexo de construír a liberdade do individuo dende a
creación. Unha confluencia na que o lector debe prepararse para
gozar, e para sentir, como sentiu o poeta, que a cidade o reclama,
que a cidade lle fala a través dunha rúa que, como liña escrita ou
soporte artístico, quere facernos parte súa.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 13/05/2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario